Coren consegue para as súas granxas de porcino a acreditación de benestar animal de HallMark

Coren consegue para as súas granxas de porcino a acreditación de benestar animal de HallMark

De esquerda a dereita: Berta García, responsable de Produción Porcina de Coren; Albano Longo, responsable de I+D de Coren; María Gómez-Franqueira, conselleira do Grupo Coren; Manuel Gómez-Franqueira, presidente do Grupo Coren; Leigh Grant, director xeral de Leigh Grant Consulting; e John Gerard, director xeral de HallMark. 

O grupo Coren acaba de recibir a acreditación de benestar animal porcino da auditora HallMark Veterinary & Compliance Services, unha das máis recoñecidas a nivel mundial neste ámbito.

O presidente do grupo Coren, Manuel Gómez-Franqueira, recibiu a acreditación correspondente de mans de John Gerard, director xeral de HallMark, que se desprazou a Ourense para realizar a entrega do certificado.

Para obter esta certificación, Coren asegura que “se incrementaron aínda máis os esixentes estándares de confort dos animais, para o que se contou co asesoramento das empresas especializadas Leigh Grant Consulting LTD e Partnerts and Welfare, o cal permitiu a Coren consolidarse como referencia europea de benestar animal”.

As auditorías, realizadas durante o mes de xaneiro, abrangueron todo o proceso do ciclo produtivo do porco, desde as fábricas de pensos, a cría dos leitóns, os cebadeiros, o transporte e o procesado. As granxas de Coren foron auditadas por un equipo de veterinarios que realizaron as visitas de maneira aleatoria, para comprobar a conformidade cos estándares.

Entre elas cabe destacar as granxas dos porcos da Gama Selecta alimentados con castañas, con especiais medidas de benestar como a saída a campo ou os xoguetes.

O certificado esperta o interese das principais cadeas de supermercados de Europa polos produtos de Coren

Desde a cooperativa ourensá destacan que “con esta certificación outorgada por unha auditora de recoñecido prestixio, o Grupo Coren constata o alto nivel de benestar dos animais nas súas granxas”.

Ademais, aseguran que esta certificación “está a espertar o interese das principais cadeas de supermercados de Europa tanto polos produtos frescos como curados que elabora a cooperativa”.

“O consumidor europeo dá unha gran relevancia á crianza en condicións de máximo benestar e a consecución deste selo tamén avalará a Coren para reforzar a súa presenza nos mercados do resto do continente”, conclúe a nota da cooperativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información