Subas en vacún maior e cambios na recría en Silleda

O porcino e os ovos mantéñen as cotizacións da anterior sesión

Na sesión da Central Agropecuaria de Galicia deste martes rexistráronse subas en vacún maior e becerros carniceiros, en tanto na recría os prezos medios foron similares á pasada semana, se ben producíronse subas e baixas nas distintas categorías. A afluencia volveu situarse en rexistros habituais nestas datas, logo de rexistrar un dos récords a pasada semana derivado da cancelación do mercado o pasado 24 de xullo.

En gando vacún, os becerros machos de raza Frisoa subiron en dúas das tres categorías. Así, na de menos de 20 días a cotización media subiu ata os 115 euros por animal, 10 máis que na última poxa. Tamén subiron os becerros de máis de 50 días, que se situaron nun prezo medio de 164 euros, tamén 10 euros máis ca hai unha semana. Porén, na categoría de 21 a 50 días, a máis numerosa e representativa, o prezo medio baixou ata os 135 euros, fronte os 143 euros que se pagaron na última poxa.

Nos becerros de Cruzamento industrial, a tendencia xeral foi a unha baixada xeral de prezos, cunha mínima excepción. Na categoría de menos de 20 días os prezos medios dos machos baixaron ata os 262 euros, 28 euros menos ca na última poxa. Os becerros de 21 a 50 días foron os únicos que experimentaron un lixeiro incremento de 2 euros fronte ó prezo da última poxa e situáronse nos 297 euros de media. Namentres, nos xatos de máis de 50 días as cotizacións tamén baixaron ata os 415 euros de media, 37 euros menos ca na lonxa pasada, sendo a baixada do prezo máis acusada da xornada.

En canto ós becerros carniceiros de Cruce Industrial, esta semana os machos cotizáronse de media a 900 euros e as femias a 796 euros. Ambos rexistraron unha subida logo de que a semana pasada se pagasen de media a 885 e 750 euros, respectivamente.

No referido ó gando vacún maior, produciuse unha subida xeneralizada en tódalas categorías. Deste xeito, o prezo das vacas de categoría primeira situouse nos 1.080 euros, 5 máis ca semana pasada; as de categoría segunda -a de maior afluencia- estivo nos 721 euros, 17 máis ca na última lonxa; e nas de desfeito alcanzáronse os 477 euros, logo dun incremento de 6 euros.

Asistencia e facturación

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou este martes unha afluencia parella á que viña sendo habitual nas últimas sesións, antes de que a semana pasada se producise un novo récord de animais e facturación ó terse suspendido a lonxa do martes 24 de xullo. Deste xeito, a Central contabilizou unha asistencia total de 672 animais, dos cales foron adxudicados 607 mentres que, 37 foron rexeitados e 28 quedaron fóra de poxa. O volume de facturación alcanzou os 132.975 euros.

Central-Silleda-7-08-2018-VACUN--

Estabilidade no porcino

O mercado porcino mantén os prezos da semana pasada en tódalas categorías. Deste xeito, a mesa de prezos do porcino cebado repetiu as cotizacións da semana pasada. Así, nas categorías Selecta e a Normal o quilo queda en 1,280 e 1,255 euros , respectivamente; a Canle segue en 1,630 euros por quilo. E na categoría de desvelle mantense o intervalo de entre 0,61 e 0,67 euros o quilo.

En canto ós bacoriños, acordouse manter tamén as cotizacións, quedando nos 33 euros os procedentes dunha única explotación e en 28 euros para os procedentes de varias explotacións.

Polo que respecta ós ovos mantéñense tamén sen cambios. Os prezos son de 1,60 euros por ducia na categoría XL, 1,20 euros na categoría L, 0,99 na clase M e a S situase en 0,85 euros a ducia. As galiñas de desvelle quedan nun intervalo de entre 0,07 e 0,14 euros o quilo.

No referido ó coello, na Lonxa de Madrid mantense nos 1,70 euros o quilo.

 

Central-Silleda-7-08-2018 PORCINO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información