Os porcos celtas críanse en réxime extensivo ou semiextensivo e a súa alimentación consiste no pastoreo dos propios recursos que xeran as fincas: mato, herbas, raíces, castañas, landras… Isto débese suplementar con alimentos naturais: mesturas de cereais (millo, cebada, trigo …), soia, patacas, remolacha, e outras hortalizas producidas na propia explotación.
Dende a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL) subliñan que non se poden alimentar os porcos fundamentalmente con restos de comidas das casas. E pola contra, tampouco se admiten para o plan de comercialización de Porco Celta de ASOPORCEL a animais cebados exclusivamente con pensos compostos e confinados en réxime intensivo ata o sacrificio.
Dentro das pautas de manexo na alimentación, dende ASOPORCEL recomendan que os animais teñen que ser ben empuxados dende un inicio para que sexa máis barato e máis rendible a súa ceba. “En contra do que pensa moita xente é mellor e máis rendible que vaian alimentados desde un inicio”, subliña José Antonio Carril, director técnico de ASOPORCEL.
Recomendacións para a fase de cebado
Esíxese cumprir coas seguintes normas na fase de rematado (máis de 90/100 kg):
– Un 75% mínimo de cereais na ración de penso e sempre sobre a base de trigo, cebada e millo. Se aconsella un equilibrio entre millo e cebada con ningún dos dous cereais superando o 50% do total da porción.
– Subministrar a proteína de forma complementaria e fundamentalmente sobre a base de tortas extractadas con menos dun 3% de graxa, de oleaxinosas tipo soia ou xirasol, ou de alfalfa. Recoméndase en calquera caso que as fontes proteicas non superen o 15 ao 20% da porción. Así mesmo recoméndase que a porcentaxe de alfalfa non supere o 5% da materia seca total do penso sobre a base do seu alto contido en ácido linolénico e ao seu elevado contido en fibra.
– O nivel de graxa do penso non debe superar o 5%.
– O macrocorrector, que inclúe Ca, P, Na, vitaminas e microminerais, non debe superar o 5% do total da porción.
– Arredor do 50 % da alimentación total dos porcos é en base a fibras verdes como millo, avea, rye grass, repolo, remolacha forraxeira, etc, todas variedades antigas e que poden ser producidas na explotación, co aforro de custos de alimentación que supón.
-A alimentación que reciban os animais durante a fase final de cebo é moi importante xa que está relacionado, por exemplo, co aspecto brillante da graxa, coa fluidez da mesma, coa persistencia da cor adecuada, coa presenza de notas aromáticas agradables, ou co retardo na aparición de aromas desagradables durante o almacenamento.
Necesidades mínimas de auga:
Unha boa dieta debe incluír compoñentes nutritivos esenciais como auga, enerxía, proteínas, minerais e vitaminas.
Segundo a clase de animal, as necesidades diarias de auga son aproximadamente as seguintes:
Verrón: 10-15 litros
Porca en xestación: 10-17 litros
Porca en lactación: 20-30 litros
Leitóns destetados: 2-4 litros
Leitóns en crecemento: 6-8 litros