Comunidade de montes de Penamá, dos piñeiros ás vacas limiás

Hai case 20 anos que os comuneiros dos montes de Penamá, en Allariz, apostaron por transformar parte do seu monte en pradeiras e criar vacas en extensivo. Hoxe contan tamén con bois nun proxecto de fomento deste tipo de carne. Coñecemos como aproveitan estes montes

Comunidade de montes de Penamá, dos piñeiros ás vacas limiás

Parte do rabaño de vacas Limiás que pacen nos montes de Penamá, en Allariz.

Os montes de Penamá, en Allariz, contaban cunha plantación de piñeiros realizada a finais dos anos 50, e cando foi quenda de cortalos, no canto de volver plantar, optaron por transformar este monte comunal e aproveitalo para criar vacas en extensivo. Hoxe, case 20 anos despois, xestionan un rabaño de vacas limiás que ademais se complementa cun criadeiro de bois.

Cerraron unhas 160 ha de monte para meter un rabaño de vacas limiás que hoxe conta case con 200 animais

As comunidades de montes de Penamá e Seoane, que xestionan arredor dunhas 700 hectáreas de monte, decidiron no 2001 pechar unhas 160 hectáreas nas que manter, en réxime de cooperativa, un rabaño de vacas que pastaran en liberdade e que, ó mesmo tempo, serviran para ter o monte limpo e obter unha rendibilidade. Hoxe en día, estes preto de 400 comuneiros teñen un rabaño de máis de 180 animais, no que ademais de vacas e xatos, crían bois.

Vacas limiás

_Vaca-Limia-

Escolleron a raza autóctona Limiá.

“Estamos na zona onde comeza A Limia e optamos pola raza autóctona, a Limiá, que era a que se usaba para as labores do campo e a cría nestas terras”, comenta o presidente da Comunidade de Montes de Penamá, Manuel Míguez. Nun principio, tamén contaban con exemplares de raza Vianesa. “Ter as dúas razas obrigábanos a ter dous touros, xa que non recorremos á inseminación artificial, pero os dous machos acababan pelexando e era inviable telos no mesmo rabaño”, comenta Míguez. Foi entón cando decidiron quedar só coa Limiá. “Escollemos esta raza de vaca tamén pola facilidade de parto que ten. Nos anos todos que levo de presidente -dende o 2008-, só tivemos problemas cunha vaca”, apunta Míguez.

Comezaron coa raza Limiá e Vianesa pero decantáronse por continuar só con Limiá para ter un só macho no rabaño

Teñen arredor dun cento de vacas e a recría emprégana para ir renovando o rabaño e obtendo ingresos tódolos anos. Véndenas co selo de ecolóxico directamente á cooperativa de Verín Biocoop, que leva os xatos cando teñen entre 9 e 12 meses. O rabaño tamén abastece as necesidades dos comuneiros. “Ó non nos dedicar nós a sacrificar os becerros, teñen que poñerse dacordo, xa que hai quen quere medio becerro ou quen reparte un becerro para catro”, explica Míguez. Asimesmo, unha vez ó ano organizan un xantar de confraternidade para tódolos comuneiros, onde o prato principal é a carne de becerro. Ademais dos xatos, venden algunha vaca para abastecer as esixencias de restaurantes que demandan especificamente a carne de vaca, e non só a de boi.

Dun xeito máis puntual, venden algúns animais para outras explotacións. Neste caso, teñen demanda tanto de xovencas como de vacas. “Hai tempadas que tes moitos compradores para a vida e outras que non aparece ningún”, recoñece Míguez.

Cría de bois

Empregan os machos como sementais, para a Festa do Boi e para cebar.

Un dos machos do rabaño.

No 2011, comezaron a criar bois logo dun convenio co Concello de Allariz para a promoción deste tipo de carne. É un acordo polo que a administración aporta unha compensación por estes animais á par que contribúe facilitando a limpeza do monte para que poidan dispoñer de pastos. “Comezamos criándolle 5 animais e agora xa chegamos a criar entre 15 e 20 por ano”, detalla.

Polo xeral, estes animais permanecen no monte ata que teñen 5 anos, momento no que os levan a outra explotación onde finalizan a súa ceba. “Co que comen no monte, a carne destes animais apenas ten graxa, polo que neste último período no cebadeiro varíanlle a alimentación para conseguir que na carne se infiltre tamén algo de graxa e sexa máis saborosa”, matiza.

Os bois que crían son para a Festa do Boi de Allariz e para a promoción da carne destas razas

Xunto cos animais que crían para cebar, tamén destinan unha parte dos seus machos para a Festa do Boi, unha das principais citas turísticas de Allariz, e na que os bois son protagonistas. “Sempre temos 6 bois preparados para levar á festa e asegurar que os animais non sufran nas carreiras polas rúas e, se esvaran e se mancan, non teñan que seguir correndo”, concreta Míguez.

Emprego no monte

O rabaño permanece todo o ano no monte, xa que dispoñen de refuxios e zonas de arborado, sobre todo de bidueiros e carballos, onde os animais poden acubillarse nos días máis fríos. “A pesar de que é unha zona que está alta, preto dos 900 metros de altitude, non adoitan buscar refuxio, prefiren permanecer todas xuntas no medio do prado”, apunta.

A alimentación das reses baséase no pasto das pradeiras que rexeneraron no monte e compleméntase con silo, herba seca e penso ecolóxico, a base de cereais como o millo. Encárganse de producir os seus propios forraxes aínda que dependo da seca, algunhas tempadas vense obrigados a mercar máis alimento. Na campaña pasada fixeron arredor duns 250 rolos de silo e uns 1.500 de herba seca.

Para a supervisión e coidado do rabaño teñen contratada unha persoa durante todo o ano, aínda que en momentos puntuais para levar a cabo determinadas tarefas como a desparasitación, o saneamento ou a colocación de chapas dos animais, contratan máis persoal.

Vacas-Limias-Neve-Allariz-CM-Penama-

As baixas temperaturas e a seca desta zona condicionan as pradeiras para o gando.

As limitacións do ecolóxico, proxecto de futuro

Os montes de Penamá son dos máis altos da zona e isto tamén condiciona o desenvolvemento dunha gandería en extensivo e en ecolóxico. “Temos que rexenerar as pradeiras con centeo e herba porque senón, co frío e a seca, acaban sen pasto, ademais de abonalas”, comenta.

Nun principio, o abonado facíano con abono de polo de curral, pero para adaptarse ás esixencias da cría en ecolóxico debía compostarse durante alomenos 6 meses. “Entón dende Medio Rural indicáronnos que non podiamos telo almacenado dese xeito tanto tempo e debíamos construír unha fosa onde almacenalo, pero non vimos moi viable construíla porque temiamos que non nos autorizasen dende Medio Ambiente; así decidimos abonar con fosfatos permitidos para a gandería en ecolóxico”, detalla Míguez.

Un dos retos de futuro é conseguir un abono ecolóxico económico para rexenerar as súas pradeiras

Porén, este abonado supón un importante desembolso económico, polo que barallan obter o abono dunha granxa en ecolóxico da zona, aínda que polo de agora non localizaron ningunha. Tamén contemplan apostar por outra actividade gandeira que poidan complementar coa de vacún e que lles permita dispoñer de fertilizantes ecolóxicos. “Aquí o ecolóxico aínda non está tan valorado como debese e é difícil asumir un proxecto destas dimensións”, recoñece.

Outro dos plans nun futuro máis inmediato é a privatización da xestión da comunidade de montes. “Pensamos que é tempo de liberar á xunta xestora porque agora xa é unha explotación bastante grande á que hai que dedicar moito tempo e nós non somos profesionais neste campo”, xustifica Míguez. Esta é unha decisión que aínda debe ser referendada polos comuneiros, pero que xa levan tempo contemplando.

Sobre a mesa tamén contan con propostas para comezar a pastorear outras zonas do monte e nos próximos anos teñen pendente facer limpezas e cortas na parte do monte onde os piñeiros se rexeneraron.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información