Como se traballa nun dos cebadeiros de xatos máis grandes de Galicia?

Eliseo López pasou das vacas de leite nunha cuadra pioneira a cebar 3.000 xatos ao ano nas súas instalacións do Arneiro, no municipio lucense de Cospeito. Agora xunto ao seu fillo Elio emprende un novo proxecto no que pretende converterse nunha das primeiras empresas de Galicia en fabricar produtos dietéticos e de alimentación animal

Xatos no cebadeiro que Eliseo López ten no Arneiro (Cospeito)

Xatos no cebadeiro que Eliseo López ten no Arneiro (Cospeito)

Leva toda a vida entre o gando pero non se considera gandeiro, senón emprendedor. Eliseo López nunca deixou de innovar para atopar solucións aos problemas que lle ían xurdindo no día a día da súa granxa, convertida hoxe nun dos maiores cebadeiros de Galicia, mesmo con inventos que seguen a funcionar décadas despois e para os que non existe nada semellante no mercado.

“Eu empecei moi novo nisto. Vin para aquí hai máis de 50 anos, con 11, de Negueira -o seu segundo apelido é Muñiz- e sempre tiven inquietude. Primeiro tiven vacas, logo pensei en poñer unha queixería, tiven fábrica de penso e pouco a pouco fun montando o cebadeiro”, conta.

Superaron a caída en picado de prezos pola crise das vacas tolas e chegaron a cebar 3.000 xatos ao ano

No ano 1978 fixo unha nave para vacas de leite que aínda se segue usando hoxe como unha máis do cebadeiro. Naquel momento era xa toda unha revolución. “Estes pórticos non se facían en Galicia, viñeron desde Valladolid. Era unha nave con pórticos de 40 metros de longo, poucas se facían daquela época así. Era unha cuadra ventilada, cun pasillo de alimentación amplo e puxen xa camas de goma, circuito de muxido, pescozeiras que soltaban soas e sistema para botar o xurro directamente ás fincas. Durante moitos anos viñan moitos gandeiros a ver estas instalacións cos técnicos de Extensión Agraria”, lembra Eliseo.

Merca uns 60 becerros á semana con 2 semanas de vida procedentes de explotacións leiteiras

“Tiña 40 vacas pintas e no ano 85 fixen a primeira nave para 100 becerros. Aí naceu o cebadeiro. Logo fun subindo ao gando e facendo máis naves. Co paso dos anos funas reformando e aproveitando e hoxe todas as naves están en uso”, explica. “Chegamos a cebar 3.000 becerros por ano, agora baixamos un pouco porque queremos dedicarnos a outras cousas”, avanza.

Pero o seu segue sendo un dos cebadeiros máis grandes de Galicia. “Eu compro todas as semanas, hai pouca xente que merque todas as semanas”, di. Todos os martes pola noite Eliseo acode ao mercado de Castro Riberas de Lea, un dos tres que moven xatos na comunidade. Compra uns 60 becerros cada semana. “Compro eu directamente e vendo tamén directamente, agora a Novafrigsa. A facturación total das vendas supera os 2 millóns de euros ao ano pero tamén invistes moito, só en mercar os xatos son 18.000 euros á semana”, explica.

Vende directamente a Novafrigsa, cun volume de facturación de máis de dous millons de euros ao ano

“No sector en Lugo quedamos poucos, foron centos os que vin pasar por este sector en 35 anos de actividade”, di. “Agora buscamos algo con máis valor engadido, con máis marxe e onde poñas ti os prezos. Aquí póñenchos outros, tanto para mercar os xatos como para vendelos, e nas materias primas igual”, argumenta.

Separados en lotes por idades

Os becerros están en lotes e comen penso e herba seca

Os becerros están en grupos de entre 20 e 25 e comen penso e herba seca

No cebadeiro os animais están en lotes de entre 20 e 25 unidades, separados femias e machos e distribuidos por idades. Son sacrificados con 10 meses cando son para Ternera Gallega e con 11 o resto. Máis ou menos son o 50% de cada un.

Para facilitar o movimento dos xatos e a súa saída cara o matadoiro todas as naves contan con peirao de carga. “A administración esixe cousas innecesarias pero outras que son necesarias non as esixen. Todas as explotacións debían ter unha manga e un muelle de carga”, opina.

Comezaron a cebar 40 nais para Vaca e Boi de Galicia

Ademais do cebo de becerros, comezaron tamén a cebar vacas. “Teño 40 vacas de cebo para Vaca e Boi de Galicia. Lévanse mellor que os xatos porque non hai que dar leite nin destetar”, di.

A partir do destete os xatos son cebados con penso, auga e herba seca. Tratan de abaratar custos fabricando eles mesmos o concentrado e producindo a forraxe. “Colleitamos 60 hectáreas de herba seca, unha boa parte delas alugadas”, explica Eliseo.

Dispoñen de 60 hectáreas de terreo onde producen herba seca

Esta herba seca de produción propia é a que usan para a alimentación do gando que ceban e para estrar usan palla que mercan. O purín que xera o cebadeiro úsano para abonar as súas terras e o que lles sobra vai para as terras de gandeiros veciños que hai na zona.

I+D+i de fabricación caseira

Os becerros pequenos maman dúas veces ao día cun sistema ideado por Eliseo

Os becerros pequenos están en boxes individuais e maman dúas veces ao día cun sistema móbil ideado por Eliseo

Os becerros chegan ás instalacións do Arneiro con 10 ou 15 días directamente da feira. Van á nave número 1, que conta cun sistema para amamantar de invención propia co que dan de mamar de cada vez a 40 xatos. “O sistema leva 14 anos funcionando, fixémolo nós, está automatizado e só o programa informático xa me custou daquela dous millóns de pesetas”, lembra. Na nave collen 300 xatos e maman por tramos de 40 dúas veces ao día. “É un sistema moi funcional que lava só. Non hai semana que non veña alguén a velo, debería patentalo”, bromea. E aclara que mercou amamantadoras “pero saqueinas porque non se adaptan para isto”, di.

Ademais de leite, danlles palla e penso desde o primeiro día e destétanos aos dous meses e medio

Na nave número 1 os xatos e as xatas pasan entre 3 e 4 semanas en boxes individuais alimentados con leite, palla e penso. “Doulles palla e penso desde o primeiro día”, aclara Eliseo. Logo pasan a outra nave, na que acaban o periodo de destete xa en grupo até os dous meses e medio de vida. Na nave 2 maman 500 por hora, 120 de cada vez.

Os xatos entra a mamar na nave número dous en grupo para que non se mesturen os lotes

Cando cumpren mes e medio pasan a estar en grupo e entran a mamar en lotes para que non se mesturen

Tamén aquí hai I+D+i de fabricación caseira. “Na nave 1 vai o leite aos becerros, que están en boxes individuais, aquí o sistema é ao revés, veñen os becerros a onde está o leite, entran a mamar por lotes e volven a sair igual, non se mesturan os lotes”, explica.

O leite que toman está feito só con produtos lácteos e auga (“non necesita nada máis”, aclara Eliseo). Fan 1.000 litros de leite en 5 minutos nun tanque isotermo con batedor e entrada de auga quente desde outro depósito que fai as funcións de quentador e termo. Hai 3 anos que ideou esta tecnoloxía pensada e deseñada por eles mesmos pensando nas súas necesidades.

“Despois de 30 anos cheguei á conclusión de que o gando non se pode industrializar, moves moitas reses todos os días e hai que buscar solucións prácticas”

“Os dous sistemas de amamantar que temos son simples pero funcionan moi ben, non dan complicacións. Íamos informatizalo pero era moito custo e ademais de meternos nun gasto era un posible foco de problemas e avarías. E despois de 30 anos cheguei á conclusión de que o gando non se pode industrializar, moves moitas reses todos os días e hai que buscar solucións prácticas”, asegura. “Hai momentos nos que chegamos a ter mamando 1.000 becerros”, engade.

Fabricación propia do penso

Fan 270.000 quilos de penso ao mes para consumo propio

Fan 270.000 quilos de penso ao mes para consumo propio

Para facer o penso, traen o cereal de Castela e o resto dos compoñentes mércanos directamente no porto. No Arneiro Eliseo ten 9 silos, muiños e unha granuladora con capacidade para facer máis de dous millóns de quilos de penso ao mes. “Comezei facendo penso nun caseto aí abaixo, compraba o cereal e facía a mestura nun baño de salar. Logo puxen o muiño e durante anos mesmo vendín penso para fóra”, conta.

Hoxe producen 270.000 quilos unicamente para consumo propio. Mesturan soia, pulpa, cebada, millo e trigo en distintas proporcións para as tres formulacións diferentes que empregan no cebadeiro en función da idade dos becerros. O muiño actual ten xa 25 anos e ampliouno este mesmo ano coa idea de retomar aquel proxecto que comezara coa venda de penso pero que abandonou hai anos.

Tanto na fabricación de penso coma no cebadeiro traballan 5 persoas ademais de Eliseo. “En 35 anos non faltei un día da granxa”, di.

Diversificar facendo produtos para alimentación animal  

Eliseo diante da nave na que xunto ao seu fillo Elio quere comezar a producir o vindeiro ano suplementos para vacún e mascotas

Eliseo diante da nave na que xunto ao seu fillo Elio quere comezar a producir o vindeiro ano suplementos para vacún e mascotas

“Eu en realidade non son gandeiro, son emprendedor, teño ese espíritu”, afirma Eliseo antes de contar cal vai ser o seu próximo proxecto, que porá a funcionar no 2020 xunto ao seu fillo Elio, que estudou Veterinaria e que herdou ese mesmo espíritu inquedo e inventor do seu pai.

“Cos xatos tes un capital enorme investido a unha soa carta e non pos ti os prezos”

“Hai que diversificar máis e afrouxar algo nos xatos porque cos xatos móvense moitos animais, moitos quilos de carne, pero o rendemento é pequeno”, asegura. Ademais, di, “tés un capital enorme investido a unha soa carta. Cando viñeron as vacas tolas non ano 2000 e caeron os prezos en picado perdín moitos cartos. Pero volvín mercar, arrisquei e logrei recuperar. Pero queremos variar un pouco, afrouxar algo no cebadeiro para adicarnos a outras cousas, ter todo a unha carta non é interesante”, argumenta.

Eliseo leva xa anos producindo o leite que consome no cebadeiro

Eliseo leva xa anos producindo o leite que consome no cebadeiro

O novo proxecto vai enfocado cara a produción de complementos para a alimentación animal. “Imos facer todo tipo de dietética alimentaria, leite maternizada e dietética canina”, conta. “Un pouco imos retomar o proxecto que deixamos hai 20 anos cando paramos de vender penso para fóra. Imos aproveitar esas instalacións que xa temos e que vimos de ampliar cunha nova nave que ten arriba tolvas e dosificadores e abaixo envasadoras e embolsadoras. O sistema é tamén deseño propio”, explica Eliseo.

Será a primeira industria de Galicia e Asturias que fabrique leite maternizado. Hai só unha en León. “De can seremos a segunda da comunidade, xa hai unha en Vilagarcía, e de produtos dietéticos tampouco hai ningunha en Galicia”, explica Eliseo.

Será a primeira industria que fabrique en Galicia leite maternizado e produtos dietéticos como por exemplo sueros para diarreas

Estará funcionando para 2020 e fabricará tamén hidratos líquidos, soros para diarreas e unha chea de produtos dietéticos que Eliseo leva anos producindo para si mesmo e consumindo no seu cebadeiro. “Hai unha gama moi ampla, eu fago leite xa para min, merco os produtos lácteos e fago eu mesmo o leite que consumimos, e estou importando da India os ingredientes para produtos dietéticos que tamén facemos para nós porque son formulados a base de plantas que non se dan aquí”, conta Eliseo.

“Eu con multinacionais atrévome a competir, con gandeiros e tratantes non”

“Gústame máis isto da alimentación animal que a gandería e é algo do que entendo e no que teño experiencia”, afirma. Hai xa empresas interesadas en vender os produtos que agora fabrica para si e que foi desenvolvendo, testando e mellorando ao longo de anos no seu propio cebadeiro. É un mercado esixente e copado por grandes empresas pero Eliseo é rotundo: “Eu con multinacionais atrévome a competir, con gandeiros e tratantes non. Vas á feira e compites con xente pouco profesional. Ser vello tenche que servir para darte conta destas cousas”, bromea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información