¿Como logrou Holanda reducir nun 70% o uso de antibióticos en porcino?

Resumo do relatorio de Francesc Molist Gasa na xornada técnica do Instituto Tecnolóxico do Penso sobre “Alternativas de redución de antibióticos na alimentación animal”

¿Como logrou Holanda reducir nun 70% o uso de antibióticos en porcino?

No destete é cando máis antibióticos se sole utilizar en porcino

España é o país da Unión Europea que máis antibióticos utiliza en gando porcino, unha situación que as autoridades españolas e o propio sector están a corrixir a través do Plan Nacional de Resistencia a Antibióticos que, entre outras restricións, prohibirá a partir de xaneiro de 2018 o uso de antimicrobianos con carácter preventivo no penso.

E é que non só se trata de minimizar o risco de xerar resistencias a antibióticos, coas consecuencias que pode xerar para a saúde pública, senón de evitar que este uso excesivo de antibióticos sexa utilizado como unha arma comercial por outros países produtores. En xogo está un sector, como o porcino, que experimentou un boom nos últimos anos, con máis de 13.000 millóns de facturación en 2016 -dos que 4.500 millóns foron para exportación- e que representa máis do 37% da produción final gandeira de España. Estas cifras colocan ao noso país como o primeiro produtor de carne de porco da Unión Europea, cun 17,5% das toneladas producidas.

Neste sentido, resulta clave para a sustentabilidade do sector unha redución progresiva do uso de antibióticos. E países como Holanda, que logrou reducir o uso de antibióticos en porcino en máis dun 60% entre os anos 2009 e 2016 son un exemplo a seguir.

Precisamente, o caso holandés foi exposto recentemente en Santiago de Compostela na XIX Xornada Técnica da Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso, que se celebrou baixo o tema “Alternativas ao novo escenario de redución de antibióticos no sector da alimentación animal”.

Francesc Molist, do instituto de investigación holandés Schothorst Feed Research, explicou as claves do éxito do plan de redución de antibióticos en porcino en Holanda, que se centra na fase de entre os 5 e os 10 días tras o destete, cando os bacoriños deixan de comer, teñen máis problemas para dixerir os alimentos e aparecen as diarreras. “O éxito depende sobre todo do gandeiro, porque na fase postdestete, coa nova formulación alimentaria coa que traballamos, quizais os leitóns medren menos, pero logramos que desenvolvan mellor o seu tracto dixestivo e o seu microbiota, e teñan menos diarreras, e posteriormente recuperan ese atraso no peso”, subliñou Molist.

Para mellorar a saúde intestinal do leitón no destete en Holanda traballan en dúas estratexias: por unha banda modificar a ración en si, e por outra favorecer que os animais coman máis mediante promotores do consumo de penso.

A importancia da fibra no penso para que os barociños teñan menos diarreas

Neste sentido, Francesc Molist explicou que, coa finalidade de reducir as diarreas, durante os primeiros 5 días de destete a dieta que empregan en Holanda en leitóns conta cun baixo nivel de Proteína Bruta, un nivel baixo de fibra fermentable (principalmente pulpa de remolacha) e un nivel alto de fibra inerte (farelo de avea e de trigo, por exemplo), así como aminoácidos esenciais.

E é que a fibra inerte, aínda que é certo que a grandes cantidades penaliza o crecemento dos leitóns, en pequenas doses mellora a función dixestiva e a fermentación microbiana e modifica a microbiota. En definitiva, favorece un correcto desenvolvemento do sistema dixestivo do leitón.

“A dieta en leitóns en destete en Holanda rolda as 2000-2200 Kcal, mentres que en España supera as 2.500”

Francesc Molist exemplificou os efectos positivos da fibra inerte (I-CHO) cos resultados do estudo realizado en 2012 en Schothorst no que comparou tres tipos de tratamentos: unha dieta complexa (PC), unha estándar (NC), e a dieta estándar diluída un 15% coa suplementación dun 10% de farelo de avea e 5% de palla de trigo, resultando nunha dieta cun 15% menos de calorías e de proteína.

É interesante lembrar que a dieta para leitóns de destete en España ten un mínimo de 2.500 Kcal.

HOLANDA_LEITONS_1

Comparando estas dietas cos resultados en saúde intestinal, os datos do estudo conclúen que a dilución da dieta con fibra inerte dá como resultado un menor reconto de E. colii -a principal bacteria causante de diarrea-, unha maior actividade das encimas intestinais e un maior peso do estómago, o que suxire unha mellor adaptación dos leitóns a esta dieta.

HOLANDA_LEITONS_2

“Non se debe meter moita presión aos bacoriños no destete, porque ata os 15 días postdestete non teñen o sistema dixestivo preparado para fermentar. Con esta dieta con máis fibra inerte o leitón gaña entre 150 e 200 gramos ao día, pero a fibra con tamaño grande permítelle mellorar a súa microbiota, axuda a madurar o seu sistema dixestivo e a que teña un estómago máis grande, de forma que ás 5 semanas compensa este atraso de crecemento e chega aos 25 quilos de peso sen problema”, subliña Francesc Molist.

Dietas menos proteicas para os leitóns

Outro factor para destacar das dietas para leitóns en Holanda, e que lles permitiu ter unha menor incidencia de diarreas, e por tanto de necesidade de uso de antibióticos, é que reduciron a proteína bruta no penso.

“As proteínas son necesarias para o crecemento dos leitóns, pero unha dieta alta en proteína bruta afecta negativamente á saúde intestinal, porque gran parte dela non é dixerible polo animal, entra no intestino groso e é fermentada, constituíndo un caldo de cultivo perfecto para as bacterias”, explica Molist.

“O nivel de proteína bruta no penso para leitóns pos-destete en Holanda está entre o 16 e o 17%”

Neste sentido, as fontes de proteína máis presentes en Holanda para o penso de destete de bacoriños son o glute de trigo, a proteína de pataca e as proteínas de leite, mentres que a fariña de soia restrínxese nestas idades e emprégase sobre todo a partir dos 20 días de destete.

HOLANDA_LEITONS_3

“Niveis altos de proteína en penso de leitóns, por exemplo do 23% como sucede en España, son un caldo de cultivo para E.Coli e van provocar problemas intestinais e de diarrea. En Holanda os niveis de PB para destete están entre un 16 e un 17%”, subliña este experto.

Por último, en canto ao nivel de graxas na dieta, Francesc Molist recomendou a utilización de ácidos graxos de cadea media, como aceite de coco, de máis rápida absorción, “e moi positivos fronte á diarrea, que afecta moito máis á dixestibilidade dos ácidos graxos de cadea longa”.

Francest Molist finalizou o seu relatorio incidindo en que a mellora da hixiene e os cambios na dieta foron factores fundamentais para a redución do uso de antibióticos na cabana porcina holandesa. “Hoxe o E.Coli e as diarreas practicamente non existen nas granxas de porcino de Holanda, e o problema no que estamos centrados é o Streptococcus suis, unha bacteria que causa meninxite e altas mortalidades”, concluíu.

Como é a alimentación dos lechones en Holanda?

HOLANDA_LEITONS_4

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información