Como evolucionarán os mercados do leite e da carne na próxima década?

A Comisión Europea prevé un aumento sostido da demanda mundial de produtos lácteos. As perspectivas da UE apuntan a un aumento da produción de polo e de porcino, en tanto a carne de vacún retomará a tendencia á baixa

Como evolucionarán os mercados do leite e da carne na próxima década?

Presentación do informe sobre perspectivas dos mercados agrarios no periodo 2016-2026. / Imaxe: Antoine Soto (Comisión Europea).

As perspectivas para os mercados gandeiros no periodo 2016-2026 son positivas, segundo un informe que vén de presentar a Comisión Europea. O documento considera que aumentará a demanda mundial de produtos lácteos e de carne, o que permitirá que a gandería europea medre en volumes de produción e incremente as exportacións.

O ritmo de crecemento da demanda na próxima década, ata o 2026, será menor que nos últimos anos debido a un menor aumento da poboación mundial. De todos os xeitos, a mellora de ingresos nos países en desenvolvemento e o proceso de migración ás cidades son factores que incidirán nun maior consumo de proteínas, tanto lácteas como cárnicas.

Desglosamos a continuación as previsións para os diferentes sectores.

Leite, a UE liderará os aumentos de produción

A maior demanda internacional cubrirase cos aumentos da produción nos países exportadores. O informe pronostica que a UE liderará eses incrementos, con 1,3 millóns de toneladas máis de leite cada ano (+0,8% anual), seguida de Estados Unidos (+1,2 millóns anuais) e de Nova Zelanda (+0,5 millóns de toneladas).

A contaminación por nitratos e por fosfatos limitará o crecemento en países como Holanda, Dinamarca ou Gran Bretaña

En calquera caso, os aumentos de produción na UE estarán con toda probabilidade limitados por cuestións ambientais. A contaminación por fosfatos ou nitratos representa xa un problema en países como Holanda, Dinamarca, Gran Bretaña, Francia ou Irlanda. Doutra banda, se se adoptan obxectivos de redución de gases de efecto invernadoiro na gandería, esta medida podería levar consigo tamén unha redución da produción.

Prezos e marxes
A recuperación de prezos do leite estará condicionada nos próximos anos polos altos stocks de leite en po que hai na UE. Espérase que para a última parte do periodo 2016-2026 o prezo do leite chegue ós 32 céntimos por litro. Cómpre lembrar que hai un par de anos, as expectativas da Comisión eran de que o prezo chegase ós 35 céntimos por litro, polo que todas estas estimacións hai que poñelas en cuarentena. Os cáculos do documento están suxeitos a unha serie de incertidumes.

O informe da UE pronostica asimesmo que os custos de alimentación permanecerán baixos e prevese ademais unha mellora da eficiencia das granxas. Estes factores deberían contribuír a maiores marxes de beneficio nas explotacións, segundo as perspectivas da UE. Na ecuación mantéñense incógnitas, como a evolución dos prezos do petróleo nos próximos anos.

Evolución prevista para as importacións chinas (SMP, WMP: leite en po; cheese: queixo; butter: manteiga; whey: soro).

Evolución prevista para as importacións chinas (SMP, WMP: leite en po; cheese: queixo; butter: manteiga; whey: soro).

Exportacións
Desde a perspectiva da UE, China continuará a ser o principal importador de lácteos, absorbendo arredor do 15% do comercio internacional. Espérase un aumento sostido da súa demanda, tanto en leite en po desnatado como en soro, principalmente para elaborar leites infantís. Tamén incrementará a importación de produtos de alto valor engadido, como queixo, manteiga, leite UHT ou nata.

Outras zonas de interese para o comercio internacional serán o resto de Asia e África, tanto nos países do Magreb como nos subsaharianos.

O consumo de leite líquido seguirá en descenso, pero as perspectivas son boas para queixos e manteiga

Consumo interno e internacional
As expectativas de consumo para os distintos produtos lácteos manteñen a tendencia dos últimos anos. A nivel de exportacións, espérase que para o 2026 o 70% das vendas ó exterior correspondan a leite en po e soro. O consumo doméstico continuará a ser fundamental para o leite líquido, iogures, queixo e manteiga, se ben o leite líquido manterá a súa tendencia de retroceso, que foi de 5 litros por persoa na última década no conxunto da UE.

Como dato positivo, prevese que o consumo interno de queixos e manteiga medre durante os próximos anos. O informe sinala tamén a conveniencia de estar atentos ás tendencias de consumo contrarias ós produtos animais, ben por motivos de saúde, éticos ou medioambientais. Espérase que aumente a venda de produtos alternativos, como os leites vexetais.

Carne, a demanda mundial medrará un 1,3% anual

O consumo mundial de carne aumentará a un ritmo do 1,3% anual ata o 2026, o que representará a final do periodo unha demanda adicional de 42,6 millóns de toneladas. É un crecemento menor que o da última década, pero o volume no que medrará a demanda representa case todo o que produce a UE nun ano.

En canto ó consumo interno, a recuperación económica que se vive na UE e uns prezos da carne lixeiramente máis baixos contribuíron a unha leve mellora do consumo no 2015 (+1,9 quilos por persoa e ano) e probablemente tamén no 2016. Durante a próxima década espérase que o consumo permaneza estable, co polo mellorando as súas cifras en relación a outras carnes. O 90% da produción europea destinarase ó consumo interno.

As perspectivas, por sectores, son as seguintes:
Vacún de carne: retomarase a tendencia á baixa na produción e no consumo, logo de que o mercado absorbese maiores volumes no 2015 e no 2016 polo aumento de sacrificios de animais procedentes de granxas de leite.

A previsión de Comisión, con todo, atopa o seu contrapunto na evolución de selos de calidade como Ternera Gallega, que vén acumulando sucesivos crecementos anuais a pesar dun contexto xeral desfavorable.

Ovino e caprino. Logo dunha tendencia de caída do consumo nos últimos anos, a Comisión agarda que se estabilice a súa demanda actual e que mellore a rendabilidade, da man duns prezos máis altos.

Porcino. Durante o 2014 e o 2015 o sector viviu unha fase expansiva, pero na próxima década o seu medre será marxinal e estímase nun 1,3% no total do periodo. As exportacións europeas de porcino medrarán nun contexto de baixos prezos de alimentación animal, aínda que a competencia por prezo de Estados Unidos e de Brasil será forte.

Sector avícola. A produción de carne avícola (polo, pavo) medrará un 5% ata o 2026, segundo a Comisión. No mesmo periodo, as exportacións espérase que aumenten en 1,7 millóns de toneladas (+15%). Sen embargo, os prezos estarán baixo presión e serán menores ós do periodo 2011-15 por unha maior competencia no mercado global.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información