A Comisión Europea declara a Galicia libre de brucelose bovina

A Comisión Europea declara a Galicia libre de brucelose bovina

A cabana gandeira galega logra unha alta cualifación sanitaria

A comisión de Sanidade da dirección xeral de Agricultura da Comisión Europea (CE) declarou este martes a Galicia como rexión libre de brucelose bovina, unha enfermidade contaxiosa do gando que produce abortos e produción de crías débiles.

A declaración prodúcese despois de que Galicia cumprise con todos os criterios establecidos pola lexislación comunitaria. Estes son que durante tres anos non existan casos confirmados de Brucella abortus, que o 99,8% dos rabaños existentes estean cualificados como oficialmente indemnes fronte á enfermidade durante cinco anos consecutivos, que exista un sistema de identificación e trazabilidade obrigatoria de animais e explotacións e que estea implantada a comunicación obrigatoria de todos os casos sospeitosos da enfermidade.

Neste sentido, cómpre destacar que Galicia leva xa seis anos sen ter ningún caso confirmado de brucelose bovina, cumprindo polo tanto amplamente o criterio establecido na norma comunitaria.

Unha declaración con gran importancia para a saúde e tamén para exportar animais

Esta resolución ten unha gran relevancia non só no contexto da saúde pública e da sanidade animal, senón pola súa repercusión económica. A erradicación desta enfermidade supón que haxa menores perdas directas nas explotacións e que non exista ningún tipo de traba dende ningunha rexión nin país para o comercio de animais ou produtos en base a esta enfermidade.

Ademais, este sector produtivo ten a oportunidade definitiva para deixar de importar animais e converterse en exportador de alta calidade sanitaria, accedendo a novos mercados comerciais nacionais e internacionais. Esta declaración tamén supón unha menor presión directa nos chequeos anuais, co aforro de custos que iso supón.

Segundo a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, este logro culmina o “enorme esforzo” material e humano levado a cabo pola administración galega e polo sector produtivo de gando bovino durante máis de 25 anos de aplicación dos programas nacionais de erradicación, a través das campañas anuais de saneamento gandeiro.

Coas campañas de saneamento gandeiro Galicia pasou de ter máis do 16% dos rabaños con brucelose a ter 0%

De feito, nos anos noventa, en Galicia máis do 16% dos rabaños estaban infectados de brucelose bovina. As pezas clave para o éxito das campañas de saneamento gandeiro foron o rexistro das explotacións bovinas, a identificación individual dos animais e o control e rexistro dos movementos pecuarios, como garantía de trazabilidade e de seguridade alimentaria.

No caso concreto da brucelose bovina, xogou un papel moi importante a indemnización con tres liñas conxuntas de axudas das explotacións afectadas, a realización de baleiros sanitarios (sacrificio íntegro dos rabaños infectados), o control de pastos e a limpeza e desinfección das explotacións positivas. “A comunicación, colaboración e participación do sector foi clave para acadar os obxectivos previstos”, declarou este martes en Bruxelas Ángeles Vázquez, que lles ale agradeceu o seu compromiso.

Enfermidade infecciosa

A brucelose bovina é unha enfermidade de ámbito mundial, infecto-contaxiosa moi grave para os bovinos e para as persoas. Nos bovinos orixina principalmente problemas reprodutivos graves (abortos e infertilidade en ambos sexos, entre outros), que comprometen definitivamente a viabilidade da explotación.

En España, na década dos oitenta, a brucelose chegou a afectar a máis de 8.500 persoas. A medida que se implantaron as campañas de saneamento gandeiro mellorou a sanidade dos animais e a incidencia da enfermidade nas persoas ata que no 2015 detectáronse só 39 casos en humanos.

O próximo obxectivo é lograr que Galicia sexa declarada libre de tuberculose bovina

Galicia xa foi declarada en 2013 rexión oficialmente libre de brucelose ovina e cabrúa. Actualmente traballa tamén para conseguir o dito estatuto respecto á tuberculose bovina, do que aínda se rexistran casos na comunidade. Por iso, sinalou Ángeles Vázquez, “é moi importante que o sector gandeiro sexa consciente do risco sanitario que implica, para toda a rexión, a compra de animais foráneos procedentes de áreas afectadas sanitariamente polas enfermidades que Galicia erradicou ou está a piques de erradicar”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información