Claves para mellorar o cebo de becerros con penso

Resumo do relatorio de María Devant e Álex Bach, investigadores do IRTA de Cataluña, dentro do III Xornada Fedna-Anembe sobre nutrición de rumiantes, celebradas recentemente en Madrid.

Claves para mellorar o cebo de becerros con penso

Becerros nun cebadoiro

A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina (Anembe) celebrou recentemente en Madrid unha xornada técnica sobre nutrición de rumiantes, na que destacados expertos a nivel nacional e internacional expuxeron os últimos estudos para optimizar a inxesta e o aproveitamento da forraxe e do penso polo gando vacún criado en sistemas intensivos.

Neste sentido, María Devant e Álex Bach, investigadores do Departamento de Produción de Rumiantes do IRTA, centro público catalán de referencia en España, ofreceron unhas recomendacións prácticas para mellorar o cebo de becerros.

O punto de partida é que os becerros que realizan maior número de comidas ao día, medidas como achegamento ao pesebre, en menores cantidades e cunha menor velocidade de inxesta son os que presentan maior crecemento e menores problemas de acidose ruminal. Por iso, é preciso facilitar ao máximo o acceso ao comedeiro dos becerros, cunha superficie do mesmo adecuada ao número de animais, e evitar que non haxa penso nos comedeiros.

A continuación ofrecemos algunhas das recomendacións prácticas de manexo en cebadoiros que ofreceron os expertos do Irta:

Idade: en xatos é preciso que dispoñan de máis bocas no comedeiro

Os becerros novos teñen unha velocidade consumo de alimento menor e existe a facilitación social, é dicir comen mellor cando están en grupo. Por iso, cando os becerros aínda son novos é preciso que dispoñan de máis bocas no comedeiro.

Fotoperíodo: cantas máis horas de luz mellor é o consumo de penso.

As horas de luz inflúen na cantidade e en como come un becerro. Isto parece que pode deberse a que ao alterar o número de horas de luz cambia tamén o perfil hormonal do becerro, en concreto as hormonas prolactina e gonadotropinas. É dicir, a máis horas de luz máis visitas do becerro ao comedeiro e menos cantidade de comida inxerida por visita, e polo tanto maior eficiencia alimentaria e fermentacións ruminais menos agresivas.

Neste sentido, nalgúns cebadoiros en outono e en inverno instalan iluminación para elevar as horas de luz ata as 16 diarias e así mellorar o crecemento dos becerros.

Competencia no comedeiro: menos visitas e aumenta a velocidade de consumo

Está comprobado que se se reduce a relación entre o espazo no comedeiro e o número de animais redúcese o número de visitas e aumenta a velocidade de consumo e a porcentaxe de animais con fermentacións acidóticas (cun PH ruminal superior a 5,8).

Recoméndanse pensos con máis graxa e máis amidón

Un estudo concluíu que ao aumentar a concentración enerxética do concentrado de 3.23 a 3.43 Mcal de enerxía metabolizable por kilogramo mediante a suplementación con aceite de palma (comparando unha porcentaxe do 2,6% fronte a outra do 5,2%), descendeu o consumo diario de penso ao reducir o tamaño das comidas. Neste sentido, pode ser unha boa estratexia para reducir os riscos de episodios de acidose ruminal.

Tamén se contrastaron dous pensos isoenerxéticos pero con diferentes niveis de amidón e de graxa: un cun 51% de amidón e un 5,7% de graxa fronte a outro cun 41% de amidón e un 7,2% de graxa. Observouse que durante as 6 primeiras semanas, cando o nivel de amidón foi máis baixo e o de graxa máis elevado a velocidade de consumo e o tamaño da comida tamén se reduciu, baixando o consumo diario, e ao final do estudo os kilogramos canal tamén descenderon respecto ao outro penso con máis amidón e menos graxa.

Neste sentido, as conclusións dos investigadores do Irta son que “unha adaptación a pensos con máis graxa pero tamén con máis amidón parece que son necesarios para por unha parte evitar os descensos de consumo pero beneficiarse das melloras que supón que o becerro coma a menos velocidade”, en canto a maior eficiencia no aproveitamento do alimento e menos riscos de acidose ruminal.

Importancia da calidade do granulado do penso e do tamaño medio da fariña

Outro aspecto que se estudou foi como inflúe a forma de presentación do penso na conduta alimentaria dos becerros de cebo. Neste sentido, comprobouse que ao reducir a calidade do granulado dun 98% a un 95-80% de durabilidade -por tanto con máis gránulos rotos e esfarelados- aumentou a duración da comida dos becerros e tamén o tamaño da comida. Ademais, reduciuse a velocidade de consumo, o número de visitas ao pesebre e o consumo diario total de penso. Todo isto débese a que o animal prefire o granulado de boa calidade e fai selección. E se o becerro selecciona o penso, adoita desperdiciar máis, pero ademais aumenta o tempo de ocupación do pesebre sen aumentar o consumo, podendo reducirse o consumo e o crecemento.

Neste sentido, as recomendacións de María Devant e de Álex Bach son que “hay que evitar pensos con mala calidade e durabilidade do granulado, e en caso de que non se poda evitar, o gandeiro debería aumentar o espazo e o acceso ao comedeiro para evitar descensos no consumo de penso”.

Por outra parte, no Irta tamén estudaron como inflúe o tamaño da fariña. Neste sentido, concluíron que ao reducir o tamaño medio da fariña de 1,21 mm a entre 0,9 e 0,87 milímetros, coa fariña moi fina ao animal lévalle máis tempo comer. Por iso, hai que ter en conta o espazo e o acceso ao comedeiro, para que non sexa un factor limitante.

Uso de aditivos no penso

Outro traballo de investigación levado a cabo no Irta tamén concluíu que a adicción de lévedos vivos na alimentación dos becerros aumentou o número de visitas ao comedeiro, reduciu o tamaño da comida e a velocidade de consumo.

Tamén noutro estudo detectouse que ao engadir flavonoides na ración reduciuse a porcentaxe de comidas cun tamaño superior a 750 gramos, tamén baixou a velocidade de consumo e observáronse rumes máis sans no matadoiro. A este respecto, crese que a suplementación con flavonoides pode regular o PH ruminal, aumentar a produción de ácido propiónico e/ou exercer un efecto directo sobre os mecanismos de regulación da conduta alimentaria dos becerros.

É dicir, para os investigadores do Irta “ambos aditivos -lévedos e flavonoides- exercen un efecto directo sobre a conduta alimentaria, ao reducir a velocidade de inxesta e/ou limitar o tamaño da comida, diminuíndo así o risco de acidose ruminal.

Por iso, conclúen que “en situacións onde houbera un manexo non desexable (competencia no comedeiro, escaso aporte de palla e/ou que non houbera concentrado no comedeiro) poderían axudar a evitar acidoses subclínicas ou empeoramentos da eficiencia”.

Conclusións:

Neste sentido, as recomendacións dos investigadores do Irta serían para o cebo de becerros aloxados en currais de 20 animais. Estiman que o comedeiro debería estar libre o 30% do tempo durante o día para asegurar que non se limita o acceso e/ou que se provocan velocidades de consumo elevadas, de máis de 110 gramos por minuto. Na práctica é difícil saber se os comedeiros están limitando o consumo na fase de crecemento, pero un bo indicativo sería observar os becerros pola mañá, cando hai o maior consumo, e asegurarnos de que hay una boca libre no comedeiro e asegurarnos de que non hai animais que agardan para comer.

Como recomendacións:

-A relación entre número de bocas do comedeiro con animais con granulado, en comedeiros corridos debe ser de 4:20, para elo débese regular a cantidade para evitar que seleccionen e que haxa desperdicio. En comedeiros de tipo túnel a relación debe ser 1:16.

-En canto á relación do número de bocas do comedeiro con becerros con fariña, en comedeiros corridos en fase de crecemento debe ser 5:20 e en acabado de 2:20. Como se ceban nunha fase única, débese regular a cantidade para evitar que seleccionen e o desperdicio. En comedeiros tipo túnel, a relación aconsellada é de 1 boca por cada 16 animais.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información