A Central Agropecuaria de Galicia Abanca incrementou en 2016 a asistencia de reses en máis dun 6%

Os prezos medios dos tenreiros de recría de Frisoa baixaron un 11% e o dos de Cruzamento un 23% .Por categorías o maior crecemento experimentárono os tenreiros de recría cun 9,21% máis en número de animais. As transaccións económicas tamén se incrementaron nun 0,39%

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca incrementou en 2016 a asistencia de reses en máis dun 6%

Poxa de becerros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca rexistrou neste 2016 nas súas poxas de gando bovino un crecemento dun 6,21% en asistencia de reses e dun 0,39% en transaccións económicas.

Así, en canto á asistencia, en 2016 a Central contou cunha concorrencia total de 44.071 animais, ascendendo esta en 2015 a 41.495 exemplares. Estes animais, pertencentes ás categorías de vacún maior, tenreiros de recría e tenreiros carniceiros, proceden na súa inmensa maioría das catro provincias galegas, aínda que tamén se rexistran algunhas reses doutras comunidades limítrofes.

Por categorías, os tenreiros de recría foron os que rexistraron o maior incremento de reses, cun 9,21% máis, pasando de 25.003 en 2015 a 27.306 en 2016. Este crecemento débese, do mesmo xeito que o pasado ano, á estabilidade rexistrada nos prezos dos tenreiros de recría Frisóns fronte ás grandes subidas e baixas de períodos anteriores a 2015. Así mesmo, tamén contribuíu a este incremento a incorporación ao mercado de transportistas novos que trasladan á Central animais de distintos puntos de Galicia ao considerar esta actividade unha liña de negocio interesante, incorporando así novos concellos de procedencia das reses.

En canto ao vacún maior, o incremento en asistencia foi dun 2,28% ao concorrer un total de 12.401 animais fronte aos 12.124 de 2015. Este aumento débese a tres factores. O primeiro deles é o crecemento de animais procedentes da provincia de Ourense debido a un cambio de tendencia que fixo que os gandeiros pasasen a considerar máis rendible asistir á Central que vender os seus animais nas súas casas a tratantes, en cuxas mans estaba ata agora a maioría do mercado provincial. O segundo factor é o retorno á Central, pola consecución de mellores prezos, dalgúns gandeiros que asinaran contratos directamente con matadoiros, mentres que o terceiro é a xa mencionada incorporación ao mercado de novos transportistas.

Pola súa banda, a de tenreiros carniceiros é a única categoría que non aumenta este ano a súa asistencia, aínda que tampouco se pode considerar que descenda ao rexistrar soamente 4 exemplares menos, xa que en 2015 asistiron 4.368 animais e en 2016 a cifra foi de 4.364 tenreiros. Reflicte unha tendencia de continuidade na asistencia de operadores participantes na Central.

Algo máis de 17 millóns de euros en volume de transaccións

En canto á facturación das poxas de bovino en 2016, a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou 65.969 euros máis, o que significa un crecemento do 0,39%, pasando de 17.037.275 € en 2015 a 17.103.244 € este ano.

Este aumento nas transaccións débese ao aumento da facturación na categoría de tenreiros de recría, a cal ascendeu en 2015 a 5.147.462 € e en 2016 a 5.572.824 €, o que supón un incremento do 8,26%. Un aumento na facturación producido pola maior concorrencia de animais, xa que os prezos medios foron máis baixos. No caso da raza Frisoa os prezos medios descenderon un 11% (de 119 €/unidade en 2015 a 106 € en 2016), “unha baixada que -segundo apuntan desde a Central Agropecuaria- non é vista de forma negativa polos gandeiros e que mesmo inflúe na maior asistencia de tenreiros de recría xa comentada, xa que vai acompañada dunha estabilidade no prezo que substituíu aos altibaixos que se producían outros anos debido á entrada de animais de Francia e outros países que prexudicaba aos gandeiros de Galicia e da zona norte”.

“Os prezos medios dos tenreiros de recría de Frisoa baixaron un 11% e o dos de Cruzamento un 23%”

En canto ao prezo medio dos tervos de Cruzamento (un 23% menos, de 319? a 299?) e Louros (un 6,38% menos, de 427 € a 400 €), son motivados pola inestable demanda do mercado coa que contan os cebadeiros para estes animais, o que fai que os produtores deban regularizar os prezos á baixa para cubrir custos de produción.

En canto á categoría de vacún maior, as transaccións descenderon nun 3,56% ao pasar de 8.992.373 € en 2015 a 8.672.337 € en 2016. Isto débese a que no mercado en xeral o prezo medio destes animais aumentou no caso de categorías Extra (na Central tamén se incrementou nun 3,76%, pasando de 1.730 € a 1.795 €) e mantívose nos exemplares de calidade media, pero nos animais de baixa calidade (de refugallo) os prezos foron moi baixos (a Central reflectiu isto cun 3,42% menos no prezo medio, de 437 € a 422 €)

Respecto dos tenreiros carniceiros, o seu volume de facturación descendeu moi lixeiramente, nun 1,36%, ao pasar de 2.897.441 € en 2015 a 2.858.083 € en 2016. Isto supón unha liña de continuidade, aínda que á baixa, en canto aos prezos medios en Cruces (un 1,07% menos, de 750 € a 742 €) e en Rubios (1,81% menos, de 812 € a 797 €) pola mesma circunstancia que os tenreiros de recría, a inestable demanda do mercado e a necesidade de reducir prezos para cubrir custos. En canto ao Frisón, si se produce un aumento do prezo medio (un 9,31%, de 438 € a 479 €), que realmente supón unha volta a niveis normais tras unha importante baixada o pasado ano.

Importantes prezos máximos

Aínda que as transaccións en vacún maior e tenreiros carniceiros rexistraron unha leve baixada respecto ao pasado ano por diversas circunstancias de mercado, estas dúas categorías contaron na poxa da Central coa presenza de destacados exemplares que alcanzaron importantes prezos máximos.

Así, a Central rexistrou o 4 de outubro o segundo mellor prezo pago na historia dá poxa por un tenreiro carniceiro, o cal foi un macho cruzado nacido en decembro de 2015 nunha explotación de Trazo (A Coruña) e adquirido por 1.502 €, cunha diferenza de tan só 4 € respecto ao récord histórico conseguido por un exemplar desta categoría o 1 de xullo de 2014 (alcanzou 1.506 €).

Ademais, o 11 de outubro un boi de raza Rubia Galega nacido en 2008 e pertencente a unha explotación de San Sadurniño (A Coruña) foi adquirido por 5.072 €, o que supón o quinto mellor prezo pago na Central por un exemplar de vacún maior, detrás dos 6.006 €, 5.932 €, 5.616 € e 5.259 € que se pagaron por bois de razas Rubia Galega, Caldelá e Asturiana dos Vales en 2015.

Un sistema de poxa informatizada único e referente

A poxa de gando vacún da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, pola que pasan anualmente uns 8.000 gandeiros e máis de 50 grandes compradores que poxan semanalmente, segue sendo a única informatizada de España. Isto significa que só este mercado conta cun modelo de comercialización baseado no sistema de poxa pública que evita o regateo e permite que ambas as partes establezan as súas mellores condicións económicas para que as transaccións leven a cabo de forma transparente e eficiente.

Este sistema único, no que a maximización de prezos está garantida, é un referente a nivel nacional, pero tamén no país veciño, como demostran visitas como a recibida o 12 de xaneiro deste ano por unha delegación de Ajasul, asociación portuguesa de novos agricultores radicada na cidade de Évora, situada na rexión do Alentejo, no sur de Portugal.

O motivo desta visita foi coñecer en profundidade o funcionamento da Central Agropecuaria de Galicia Abanca para deseñar as novas instalacións que a asociación e outras entidades presentes na delegación proxectaron construír a medio prazo para as poxas semanais de gando bovino que Ajasul celebra en Évora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información