Catro horas de prazo para xustificar unha axuda de prevención de danos de lobo

Medio Ambiente comunícalle a unha explotación que lle concede axudas para previr ataques do lobo pero dálle a penas unhas horas para xustificar a axuda. Trasládase unha queixa ante o Valedor do Pobo pola reiteración de problemas deste tipo

Catro horas de prazo para xustificar unha axuda de prevención de danos de lobo

Peche electrificado de protección ante depredadores.

As axudas que concede a Consellería de Medio Ambiente para a prevención dos danos do lobo están a obrigar ós gandeiros a carreiras contra o reloxo. Os produtores que se viron beneficiados polas axudas teñen como moito uns días para executar e xustificar as medidas aprobadas. O caso máis esperpéntico deuse cunha explotación da provincia de Lugo que recibiu unha carta que lle daba catro horas para executar e xustificar a subvención.

A situación produciuse esta semana. O martes 26, unha gandeira recibiu unha carta certificada ás 10 da mañá na que se lle comunicaba que tiña aprobada unha axuda de 1.400 euros para mercar dous pastores con placa solar e oito mallas electrificadas para protexer o gando. O problema é que o prazo para xustificar a axuda remataba ese día, martes 26. Tendo en conta que os únicos rexistros públicos no rural, os da Oficina Agraria e os dos Concellos, pechan ás 14 horas, a explotación tiña catro horas para xustificar o investimento.

Aínda así, a gandeira logrou xustificar a axuda en prazo, se ben desde Beealia, unha entidade que asesora ós gandeiros nestas cuestións, sospeitan que moitas outras ganderías tiveron que desistir da axuda por falta de prazo para a súa execución. “O mínimo é que se dean uns dez días laborables” -valoran en Beealia.- “A comunicación para esta explotación saíu do rexistro da Consellería o venres 22, e tendo en conta que o luns 25 era festivo, estaba claro que a explotación non ía recibir a carta ata o martes 26, día no que remataba o prazo que se lle concedía”.

Valoracións de Medio Ambiente
Preguntada por estas situacións, a Consellería de Medio Ambiente limítase a sinalar que os pagos das subvencións “deben estar autorizados antes de finais do exercicio 2017”. Medio Ambiente sinala tamén que esta orde de axudas procede dun crédito extraordinario asignado á Consellería a metade deste ano, “polo que a tramitación da orde fíxose coa maior celeridade posible, pero respetando os prazos marcados na lei de procedemento administrativo e na propia lei de subvencións de Galicia”.

A Consellería, por último, valora que os beneficiarios poderían ter feito xestións para a execución das subvención con anterioridade a recibir a súa aprobación.

Queixa ante o Valedor do Pobo
A Unión de Tecores de Galicia (Unitega), un colectivo de cazadores que forma parte de O-Xan, grupo de debate sobre o lobo, vén de tramitar unha queixa ante o Valedor do Pobo pola xestión das axudas que está a facer Medio Ambiente.

Unitega considera que existe unha mala praxe da Administración que levou a parte dos beneficiarios das axudas a non poder xustificalas no prazo marcado, “polo que cremos que se están vulnerando claramente os dereitos dos cidadáns e ademais, estase actuando contrariamente aos principios xerais que establece o artigo 5 da Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia: 2. A xestión das subvencións realizarase de acordo cos seguintes principios: (…) b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola administración outorgante. c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos”.

O colectivo de Tecores tamén lembra que o Plan de Xestión do Lobo de Galicia establece que Medio Ambiente se compromete a fomentar a adopción de medidas de prevención de ataques do lobo. “É máis que evidente que a propia Administración está a actuar contrariamente a todos estes principios e obxectivos”, conclúe Unitega.

Resolución dunha axuda con rexistro de saída o venres 22 e que concede un prazo ata o martes 26 para xustificar a execución da axuda.

Resolución dunha axuda con rexistro de saída o venres 22 e que concede un prazo ata o martes 26 para xustificar a execución da axuda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información