Carne de rubia galega ecolóxica de Friol para o mercado europeo

A gandeiría Traloagro pon en funcionamento un centro de procesado de carne para elaborar produtos de calidade destinados tanto ao mercado galego e español como a países como Francia ou Bélxica

Manolo e Isabel Gómez xunto ao alcalde de Friol, José Ángel Santos, e ao subdirector do Agader, Javier Blanco.

Manolo Gómez (á dereita) e a súa filla Isabel xunto ao alcalde de Friol, José Ángel Santos, e ao subdirector do Agader, Javier Blanco.

O concello lugués de Friol conta desde esta mañá cun centro de procesado e elaboración de produtos de carne ecolóxica destinados tanto ao mercado galego e español como á exportación a países europeos como Francia ou Bélxica, onde os produtos ecolóxicos contan cunha maior cota de mercado.

Detrás deste proxecto atópase a gandería Traloagro, ubicada no lugar de Burgo de Negral, na parroquia de Pacio, e que conta neste momento con 160 cabezas de gando vacún de raza rubia galega e unha granxa de polos campeiros da que saen 110.000 polos ao ano.

Pretenden comercializar a súa propia carne e a doutros gandeiros da zona que produzan en ecolóxico

Segundo explicaron os impulsores desta iniciativa, Manolo Gómez e os seus fillos Isabel e Tito, pretenden poñer no mercado unhas 700 canais de vacún ao ano, tanto becerros como vacas de desvelle, polo que a medida que o proxecto vaia medrando mercarán tamén animais a outros produtores da zona. “A nosa produción non nos chega”, indicou Isabel.

inauguracion Traloagro6“Decidimos poñer en marcha este proxecto para comercializar a nosa propia carne”, explicou, pero o que comezou sendo un pequeno proxecto de poñer en marcha unha carnicería foi medrando para converterse nun proxecto de maior calado e envergadura.

“Coñecemos o mercado centroeuropeo, sobre todo o mercado francés e belga, e vemos que aquí moitas veces non valoramos dabondo o que producimos, que ten moita calidade, e o ecolóxico aínda máis”, engadiu. “Hai moito interese pola rubia galega en Europa, fálase moito dela e comercialízase moito xa en Francia e Bélxica, pero a que chega a estes países é rubia galega convencional”, indicou.

“Hai moito interese pola rubia galega en Europa e países coma Francia, que teñen moito máis desenvolvido o mercado ecolóxico, demandan produtos de calidade”, di Isabel

Por iso eles pretenden encher o oco existente para a carne ecolóxica. “Francia ten moito máis desenvolvido o mercado ecolóxico do que está aquí e hai moito interese polos produtos de calidade”, asegurou. De feito, Traloagro xa ten feito contactos con distribuidores franceses e belgas para comercializar os seus produtos en restaurantes de alta gama, hoteis 5 estrelas e tendas delicatesen.

Volta á terra

As vacas da explotación familiar están en extensivo e en ecolóxico

As vacas da explotación familiar pacen en extensivo 120 hectáreas de pradeiras ecolóxicas

Manolo, o patriarca da familia, falou na inauguración da “ilusión” coa que a familia encarou este proxecto. El tivo que marchar de Galicia en busca de oportunidades. Emigrou a Bélxica, onde se adicou ao sector da hostalaría. Pero os seus fillos Tito e Isabel decidiron emprender o camiño de volta a Galicia e poñer en marcha fai 10 anos na casa familiar de Friol, á que voltaban todos os veráns, unha explotación ecolóxica de vacas de carne e polos seguindo as ensinanzas que aprenderan dos avós.

“Contamos con 120 hectáreas de terreo onde temos as vacas, unhas 160 cabezas entre nais e becerros, que pacen en extensivo e só se meten nos últimos dous meses para o cebo final en boxes de palla”, explicou Isabel. A través dun plan de mellora este ano acondicionaron as instalacións.

Unha das maiores granxas de polo ecolóxico de España

polos ecoloxicos Traloagro1

O patio ten 4 metros por polo

A maiores tamén crian polos campeiros, uns 110.000 ao ano, que tamén pretenden comercializar xunto á carne de vacún. De feito as instalacións do centro de procesado contan con dúas liñas independentes, unha para a elaboración de produtos de carne de vacún e outra para os polos. “Por temas de salmonela e para evitar contaminacións, o polo conta con obrador propio e muelle de carga independente”, explicou.

Os polos, ao igual que as vacas, tamén están en ecolóxico. “Buscabamos unha actividade complementaria á das vacas e que fora compatible e decidimos montar a granxa de polos. Cando a montamos era a máis grande de España, con capacidade para 20.000 animais”, lembra. A nave está moi automatizada, tanto o subministro de penso e auga como o control da temperatura, o que reduce a man de obra necesaria. No exterior hai 4 metros cadrados de patio por animal.

Vacún maior

Varias canais na cámara do centro de procesado

Canais no centro de procesado

Coa carne de vacún, ademáis de cortes especiais das pezas con maior valor comercial, elaborarán outros produtos cos que incrementar o valor de mercado doutras partes e aproveitar deste xeito máis as canais, como por exemplo hamburguesas. “Hai empresas francesas interesadas nas nosas hamburguesas ecolóxicas, que non levan aditivos, polo que para poder vendelas en Francia e que se conserven sen engadirlles produtos químicos imos comercializalas conxeladas”, aclarou.

Elaborarán hamburguesas sen aditivos nin conservantes que comercializarán conxeladas para o mercado exterior

Aínda que ao principio se van centrar só na rubia galega, están valorando tamén exportar outras razas, como por exemplo a cachena, en función da demanda que poida haber para ela. Tamén está entre os seus plans o vacún maior. “Ao non haber aínda liñas de comercialización está un pouco parada a certificación dentro da nova IXP Vaca e Boi de Galicia”, considerou Isabel.

1.300 metros cadrados 

inauguracion Traloagro8O centro inaugurado esta mañá, coa presenza entre outras autoridades do alcalde de Friol, José Ángel Santos, do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e do subdirector do Agader, Javier Blanco, conta cunhas instalacións que ocupan 1.300 metros cadrados repartidos entre o biocentro cárnico e a ecotenda.

A nave construída no polígono industrial de Friol conta con dúas edificacións. Na principal están as instalacións industriais, con distintas salas de despeze e cámaras de conservación, oficinas e sala de degustación. A edificación anexa acolle a ecotenda, na que ademais dos produtos elaborados por Traloagro tamén se poñerán á venda outros alimentos diversos de orixe ecolóxica, desde marmeladas e conservas ata produtos frescos da horta ou ovos.

A iniciativa contou co apoio da Xunta a través da Consellería do Medio Rural, que concedeu unha achega ao proxecto de 300.000 euros para a actividade industrial de procesado de carne e outros 160.800 euros de fondos europeos Leader da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para o proxecto de comercialización a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR-4) da comarca de Lugo.

Carnicería propia na Praza de Abastos de Lugo

Posto de venda directa que Traloagro vén de abrir tamén na Praza de Abastos de Lugo

Posto de venda directa que Traloagro vén de abrir tamén na Praza de Abastos de Lugo

Pero apostar por vender fóra a carne ecolóxica que producen, na procura dun maior volume de mercado, non significa ter que abandonar o mercado local e de proximidade. Traloagro conta tamén desde este verán cunha carnicería propia na Praza de Abastos de Lugo, un edificio reformado nos últimos anos e que está en proceso de dinamización.

Tamén o centro de elaboración aberto no polígono de Friol conta con tenda para venda directa. A comercialización sen intermediarios foi a idea que moveu o proxecto desde o inicio, para deste xeito poder pechar o círculo coa produción ecolóxica, transformación e comercialización directa dese produto.

En total van xerar 7 postos de traballo entre a granxa, a carnicería e o centro de procesado

Á fronte da carnicería da Praza de Abastos atópase Ana, a muller de Tito. Reciben pedidos vía telefónica e tamén a través da páxina web. Pero a filosofía tanto para o posto da Praza como para a tenda de Friol, a páxina web ou os distribuidores europeos é a mesma: “todo o que imos comercializar é en ecolóxico”, aclaran.

A granxa familiar de vacún e de polos aténdena Tito, Isabel e un empregado, na carnicería está Ana e unha empregada e no centro de transformación inaugurado en Friol van xerar 5 postos de traballo máis. “Queremos estar ao 100% xa para este Nadal”, di Isabel.

Manolo e a súa familia nunca perderon as raíces e a vinculación co lugar do que tiveron que marchar e, anos despois, decidiron voltar e poñer en marcha unha iniciativa produtiva que crea valor engadido no territorio e que xera riqueza e postos de traballo para que outros non teñan que seguir hoxe o camiño da emigración que eles emprenderon décadas atrás.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información