A comunidade de montes Carracedo, Rio Seco e Chao das Louseiras, pertencente á parroquia de Santa María Maior, en Mondoñedo, organiza o vindeiro domingo 30 de xuño a primeira rapa das bestas de cantas se celebran en Galicia.
O curro de Campo do Oso, un curro histórico, é o lugar onde se celebra a rapa. Leva facéndose neste espazo desde hai medio século. A primeira hora reúnense os xinetes para subir ao monte en busca dos animais para baixalos ao curro. Xuntan uns 300 cabalos para a rapa aínda que hai anos nos que a néboa habitual nesta zona dificulta atopalos. Unha vez marcados volven ao monte.
Neste monte comunal, que linda co concello da Pastoriza hai unhas 500 cabezas de gando entre vacas e cabalos. Hai máis bestas ca vacas e só media ducia de veciños da parroquia ten gando no monte. Cada casa ten os seus propios animais, que pacen libremente en toda a superficie do monte, unhas 245 hectáreas.
Baixas provocadas polo lobo
A cabana cabalar nestes montes foi a menos nos últimos anos. As baixas provocadas polo lobo tiveron parte da culpa e a obrigatoriedade de dotar aos animais de microchip acabou por desanimar a parte dos veciños. Na actualidade só tres casas teñen cabalos nos montes de Campo do Oso: Luciano García e o seu fillo Moisés, Tania Pérez Pértega e Francisco García e o seu fillo Miguel.
Outros veciños, como Ofelia Gruñeiro, só teñen vacas. Ofelia levaba desde o ano 2010 como presidenta da comunidade de montes. O ano pasado deixou paso á xente nova. É un dos pequenos milagres desta parroquia, que persoas como Moisés, Tania ou Miguel decidiron coller o relevo para manter o gando no monte e a tradición da rapa das bestas. Miguel é hoxe o presidente da comunidade e Tania a secretaria, un relevo xeracional necesario que garante o futuro do curro de Campo do Oso.
Persoas chegadas desde parroquias ou concello próximos veñen axudar e os traballos son seguidos por numeroso público como expectador. O marcado e o corte das crins remata pola mañán. Despois ven o tempo da festa, con xantar popular e música. A programación inclúe tamén loita de garañóns e degustación de balde de carne de poldro.