Cambios que se aveciñan para as granxas avícolas en España

A subdirectora Xeral de Produtos Gandeiros do MAPA, María Josefa Lueso, detalla a situación do plan de ordenación do sector avícola que se atopa en pleno proceso de elaboración. Lueso informa das directrices a seguir e dalgúns dos cambios que implicará

Cambios que se aveciñan para as granxas avícolas en España

María Josefa Lueso nas xornadas de avicultura celebradas en Silleda.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación atópase inmerso na elaboración dun plan de ordenación das explotacións avícolas. Unha ferramenta que xa se elaborou para regular outros sectores como o porcino. A nova norma prestará especial atención ás limitacións ambientais e sanitarias con cambios que se centran na profesionalización do sector.

A subdirectora Xeral de Produtos Gandeiros do MAPA, María Josefa Lueso, detallou as directrices que se están seguindo na súa elaboración, así como algúns dos cambios que implicará para o sector, durante a xornada sobre avicultura organizada por Unións Agrarias recentemente en Silleda. O encontro, que contou con produtores avícolas procedentes de toda Galicia, posibilitou un contacto directo coa realidade que vive o sector, como agradeceu Lueso.

“O consumidor está a obrigarnos a cambiar aínda máis e mellorar”

“Aínda arrastramos problemas como os que tiñamos hai 25 anos, e aínda que a gandaría cambiou, o consumidor está a obrigarnos a cambiar aínda máis e mellorar”, xustifica Lueso a necesidade de afrontar unha ordenación das explotacións.

Actualmente a avicultura de carne regúlase polo Real Decreto 1084/2005 e con esta regulación tamén se incluirán as explotacións de posta para afrontar actuacións conxuntas ao tratarse do mesmo sector.

Cambios que implicará a ordenación

A ordenación do sector ocasionará cambios que buscan adaptarse ás esixencias actuais tanto a nivel normativo como ás que se derivan do consumidor. “Hai que clarificar e mellorar algúns aspectos da norma, como as definicións, a clasificación de explotacións, requisitos das granxas ou as obrigacións dos titulares entre outros”, concreta Lueso. Esta nova normativa busca atallar algunhas das carencias que na actualidade detectan tanto desde o Ministerio como no sector.

Un destes aspectos a mellorar céntrase nas declaracións censais das granxas, que na actualidade fanse en cada comunidade de diferente maneira e “non temos unha ‘foto fixa’ de cantos polos hai nas granxas e ao final facemos a conta cos animais que van ao matadoiro, polo que tamén teremos que mellorar iso”, comenta Lueso.

Medidas en materia ambiental

Un dos aspectos nos que a normativa deberá implementarse é nas cuestións ambientais, e, en concreto, á hora de definir os teitos de emisións dos gases contaminantes. “Cada vez hai máis países que demandan proteína de alta calidade pero ao mesmo tempo estannos pedindo que non xeremos problemas ambientais, o que nos vai a obrigar a ser moi eficientes”, lembra.

O sector avícola é o responsable do 18% das emisións de amoníaco

Aínda que os ruminantes son os máis afectados en materia de cambio climático, e o porcino concentra os problemas de emisión de amoníaco, o sector avícola é o responsable do 18% das emisións de amoníaco en España polo que tamén é fundamental este aspecto. Lueso apunta a que deberá traballarse nunha redución destas emisións no marco da nova ordenación.

Reforzar a bioseguridade e profesionalización

Esta ordenación tamén aposta por unha mellora das condicións de bioseguridade e unha actualización das distancias das explotacións. “É un sector que está a exportar a máis de 130 países e é moi dependente da sanidade animal polo que hai que pór especial atención a iso para evitar que se pechen mercados por casos concretos como xa nos ocorreu, xa que estes peches afectan a todas as granxas e non só a aquelas nas que se detectaron os brotes de enfermidades”, recalca.

Ademais, Lueso explica que esta regulación busca tamén unha maior profesionalización e haberá esixencias en materia de formación dirixidas aos responsables e persoal das granxas para logo tamén esixir responsabilidades en base ao novo regulamento de sanidade animal da Unión Europea.

Esixirase maior formación aos responsables e persoal das explotacións e responsabilidades en materia sanitaria

En materia sanitaria e de bioseguridade, as novas esixencias europeas son máis estritas, polo que a regulación do sector implicará un maior papel aos veterinarios que terán que reportar á Administración a información das súas visitas sanitarias ás granxas.

Tamén se incluirá a incorporación dalgúns requisitos mínimos das instalacións como utilizar a indumentaria adecuada.

Definir o tamaño das explotacións

Desde o ministerio estudan xa a conveniencia ou non de establecer un tamaño máximo das granxas no sector avícola. “No sector porcino xa se levou a cabo unha limitación do tamaño máximo das granxas sen que iso impedise que o sector seguise medrando. Haberá que analizar en profundidade se no sector avícola é conveniente ou non establecer algún tipo de limitación”, puntualiza Lueso. “En calquera caso é importante definir que se considera ‘macrogranxa’ xa que agora non está definido e non é entendido da mesma maneira polos distintos sectores da sociedade”, matiza Lueso.

Na nova regulación estudarase a posibilidade de fixar o tamaño máximo das granxas e distinguiranse as de autoconsumo

Así, o primeiro será fixar o tamaño mínimo dunha granxa. Ese baremo virá dado polo tamaño mínimo para que unha granxa ofreza rendibilidade a unha familia. Unha vez establecido este valor, estudarán a necesidade de establecer un límite de crecemento para as granxas.

A regulación tamén prestará atención á hora de definir as granxas de autoconsumo e microgranxas ou granxas reducidas, xa que quedarán eximidas das restricións nas emisións. “É importante definir estas granxas, xa que a normativa europea é consciente de que as esixencias xerais en materia de cumprimento de limitacións de emisións serán moi difíciles de asumir para as granxas de pequeno tamaño polos investimentos que van supor”, detalla.

As distancias mínimas

Outro dos aspectos que se está valorando modificar son as distancias mínimas que as explotacións teñen que gardar con respecto tanto a outras granxas, como a núcleos de poboación ou a matadoiros e outros establecementos. Así, polo momento, debaten se as distancias de 500 metros son suficientes ou habería que incrementalas.

Lueso tamén admitiu que se está estudando mesmo se estas distancias deben ser modificadas atendendo á orografía.

De explotacións a granxas

A ordenación tamén inclúe outros cambios que atenden á imaxe do sector e á percepción do consumidor. A norma pretende deixar atrás o concepto de explotación para centrarse nas granxas co afán de traballar, de novo, nun achegamento co consumidor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información