Cabuxa Natur, unha gandería de referencia en Galicia a piques de pechar polos ataques do lobo

Cabuxa Natur, unha gandería de referencia en Galicia a piques de pechar polos ataques do lobo

A pasada semana os lobos mataron 10 animais desta gandería

Cabuxa Natur é unha gandería de caprino exemplar e visita obrigada para todas aquelas persoas que queiran ver un modelo de granxa sostible e que aposta pola calidade. A súa propietaria Gemma San Pedro é unha das chamadas “neorurais” que tanto precisa o envellecido agro galego: no 2011 deixou a cidade por unha aldea do concello lucense de Guntín e puxo en marcha dende cero unha gandería de cabra de raza galega e certificada en ecolóxico, creando riqueza e vida no que antes eran terreos abandonados e posible pasto para lumes forestais.

Con determinación afrontou e afronta problemas como as plantacións ilegais de eucaliptos, ou as dificultades para comercializar de forma directa unha carne de excelente calidade, amparada pola marca “Pastores de Galicia”. Pero hai un obstáculo contra o que se sente impotente e que teme que leve ao peche da súa gandería: os ataques das mandas de lobos.

Conta que os ataques comezaron no 2016 e foron indo a máis. “Dende febreiro deste ano, sobre un rabaño de 260 animais, levo xa 40 baixas por ataques dos lobos, o último a semana pasada, cando os lobos a pleno día mataron a 10 cabuxas ao lado da casa”, relata.

E non é por falta de medidas de prevención: Conta cunha finca con 7 kilómetros valados nos que investiu a axuda de incorporación e tamén con dous cans mastíns. “Non podo facer máis, o propio axente de Medioambiente recoñece que o lobo entra igual a pesar do valado, e non podo mercar máis mastíns porque é inviable o seu custo de mantemento”, explica.

Gran parte dos ataques prodúcense cando leva as cabras a pacer pola tarde ao monte comunal, algo beneficioso tanto para previr lumes forestais como para a saúde das cabras. “¿Teño que deixar de facer pastoreo no monte e estabular o rabaño nun modelo intensivo? Iso vai contra un modelo de gandería ecolóxico e sustentable”, defende.

Mastíns e peches que non serven para un modelo sustentable de pastoreo do monte

A nivel persoal Gemma Sampedro recoñece que “vivo nunha situación de estrés continuo, porque non sei en que momento me vai atacar o rabaño, e tamén de impotencia e de desesperación porque a Administración tennos totalmente abandonados e non nos dá solucións reais”.

Así, as axudas da Consellería de Medio Ambiente para paliar os ataques do lobo chegan tarde, cunha contía escasa e tras un complicadísimo proceso burocrático que aboca a moitos gandeiros a non solicitalas.

No seu caso, a propietaria de Cabuxa Natur explica que “as axudas no mellor dos casos son de 131 euros para unha cabra de calidade selecta menor de 6 anos anos e de 31 euros se ten máis. Pero tendo en conta que as miñas cabras duran un mínimo de 10 anos, que cada cabrito véndoo a unha media de 100 euros e que por seren de raza galega, por cada unha percibo unha axuda de 30 euros, estariamos falando de que che indemnizan con 131 euros por un lucro cesante de máis de 1.300 euros”. Por non falar dos cabritos que quedan orfos e que teñen moito máis difícil sobrevivir.

A iso engádese o problema de que cando non aparece o cadáver do animal a Xunta non dá axuda ao gandeiro. No caso desta gandeira ten 24 animais desaparecidos e polos que non cobrou axuda.

Gemma San Pedro: “Se a Xunta non soluciona o problema vou ter que pechar a explotación”

A solución para Gemma é clara: “Se o goberno da Xunta ou unha parte da sociedade quere ter lobos que lles dea de comer, pero non mantelos a costa dos gandeiros”.

Mañá, mércores, levará o seu caso á Delegación da Xunta en Lugo xunto con representantes de Ovica, a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, que calcula que o 7% dos seus socios tiveron que pechar a súas explotacións nos últimos anos debido aos ataques dos lobos.

“A situación vai a peor porque os ataques xa son diante das casas e a pleno día. Se isto segue así e a Administración non soluciona o problema está claro que vou ter que pechar a explotación”, conclúe.

As imaxes dos estragos dos ataques do lobo á gandería Cabuxa Natur no que vai de 2018:

Una idea sobre “Cabuxa Natur, unha gandería de referencia en Galicia a piques de pechar polos ataques do lobo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información