Bovigreen, un proxecto para reducir a pegada ambiental en bovino de carne

A Asociación Española de Produtores de Vacún de Carne (Asoprovac) lidera un grupo operativo que busca reducir o impacto ambiental no sector cárnico. A iniciativa baralla a creación dun selo para a carne producida con menor impacto

Bovigreen, un proxecto para reducir a pegada ambiental en bovino de carne

Integrantes do grupo operativo Bovigreen, nunha reunión celebrada en días pasados.

A pegada ambiental, que calcula o impacto que unha actividade ten sobre o medio ambiente, é un dos factores a ter en conta cada vez máis en sectores como a gandaría. O grupo operativo Bovigreen, impulsado pola Asociación Española de Produtores de Vacún de Carne (Asoprovac), busca reducir esa pegada ambiental na carne de vacún. É un proxecto que se atopa na súa fase inicial e que pretende tamén implicar ós gandeiros para lograr e impulsar unha redución real e efectiva.

“Para calcular algúns dos indicadores actuais da pegada ambiental, nin sequera hai datos nas granxas que permitan estimalos”

“O problema da pegada ambiental é que utiliza uns indicadores tremendamente complexos, por iso un dos obxectivos principais deste grupo operativo é lograr un método de cálculo viable”, explica Matilde Moro, xerente nacional de Asoprovac. A dificultade á hora de avaliar a pegada ambiental en vacún é tal que, “para calcular algúns dos indicadores actuais que se expoñen, nin sequera hai datos nas granxas para poder estimalos”, especifica Moro.

A meta que se propoñen co proxecto Bovigreen é conseguir un sistema de cálculo que sexa obxectivo, mensurable e repetible, é dicir, unha metodoloxía viable para ter datos concretos para estimar a pegada ambiental. “A nosa idea é definir unhas ferramentas que permitan avaliar a pegada ambiental do sector ou dunhas granxas que estean interesadas e valorar daquela como reducila”, puntualiza Moro.

Cadrar esixencias europeas e a realidade do sector

O proxecto Bovigreen ten ademais o propósito de servir de ponte entre as esixencias a nivel lexislativo que se demandan desde a Comisión Europea e o que realmente se pode facer a nivel sectorial. “O problema de moitos selos verdes que hai agora mesmo é que non hai unha normalización, e cada cal recolle os valores que lle interesan e benefician. Conseguir harmonizar estes criterios é a clave para ter un modelo que permita valorar realmente a pegada ambiental dos produtos, xa que agora mesmo non hai esa ferramenta nin a nivel nacional, nin europeo, nin internacional”, reflexiona Moro.

A xestión dos xurros, o uso de enerxías renovables ou a superficie de pastos, que captan CO2 da atmósfera, son algúns dos factores a medir en cada granxa

Esta iniciativa non só se contempla para os produtores senón para o resto do sector de vacún. “A industria debería ser un dos promotores máis interesados xa que esta pegada ambiental inflúe directamente ao afectar a toda a cadea e non só á produción”, comentan desde Asoprovac. De feito, nesta fase inicial un dos colaboradores foi a Asociación Nacional de Industrias da Carne de España (Anice), así como outras entidades como a Sociedade Pública de Xestión Ambiental do Goberno Vasco (Ihobe). Liderado por Asoprovac, este grupo de traballo está integrado tamén pola Fundación Empresa e Clima (FEC), a Universidade Politécnica de Valencia (UPV), Novadays e o Centro Tecnolóxico Neiker-Tecnalia. Ademais, contou co apoio do Banco Sabadell.

Estratexias de mellora a nivel sectorial

Nesta primeira fase, que concluíu en días pasados, o grupo analizou a lexislación vixente e concretou un enfoque innovador integrado que inclúe non só indicadores ambientais senón sociais e económicos. A iniciativa conta cun orzamento total de 53.640 euros (o 80% financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e o 20% restante polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación).

Despois desta fase máis teórica, contemplan a posta en práctica destes indicadores en 20 granxas para avaliar se realmente permiten un cálculo máis adecuado da pegada ambiental. Un estudo que, de ser aprobado, levarán a cabo o próximo ano e que se prolongará ao redor de dous anos. “O máis importante é definir a situación das explotacións en canto a sustentabilidade e pegada ambiental”, concreta a responsable de Asoprovac. Ademais realizarán unha comparativa entre os integrantes máis competitivos do sector para identificar melloras produtivas e ambientais.

Lograr a Declaración Ambiental do Produto

As expectativas do grupo Bovigreen pasan por lograr unha Declaración Ambiental de Produto “que realmente é o que debería establecerse a nivel de sector”, concreta Moro. Así, na explotación na que conten cun maior volume de datos para calcular esta pegada ambiental tentarán tamén levar a cabo unha Declaración Ambiental do Produto, un informe no que se recompila toda a información verificable do impacto sobre o medio ambiente deste produto, en concreto neste caso da carne de vacún.

Para lograr esta Declaración Ambiental do Produto atenderán a unha serie de indicadores tanto ambientais, como sociais e económicos máis medibles. Entre os aspectos a avaliar e que lles permitirán definir a pegada ambiental están o emprego de enerxías renovables, a xestión adecuada do esterco para reducir emisións así como a forma de aplicación ao campo para evitar a compra de produtos fertilizantes, o incremento da superficie de pastos para maximizar a fixación de CO2, o uso de subproductos como materia prima para a elaboración de pensos. “Son indicadores complexos pero non tanto como os actuais que resulta difícil trasladar ao consumidor”, apunta Mouro.

Transmitirlle ao consumidor os esforzos por reducir o impacto no medio

O grupo traballa tamén en ofrecerlle información directa ao consumidor sobre os esforzos e a redución desta pegada ambiental. Polo momento está aínda por definir como ofrecerán esta información, aínda que barallan que poida realizarse mediante un selo que diferencie aos produtos. Aínda que, “é un tema complexo que debemos estudar moi ben para non acabar confundindo ao consumidor”, matiza Moro.

Aínda que esta comunicación ao consumidor supón un dos eixos do proxecto, ao atoparse aínda en fase inicial, é tamén o que menos desenvolvido está, xa que os resultados en campo serán determinantes para poder definilo. É unha das accións que contemplan máis a longo ou medio prazo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información