BonPollo Gourmet: unha aposta desde Galicia por mellorar a calidade do polo

A empresa integradora Avícola de Galicia (Avigal) potencia no mercado a gama BonPollo Gourmet, unha aposta por mellorar a calidade da carne de polo e o benestar avícola, e que conta co selo de Galicia Calidade.

BonPollo Gourmet: unha aposta desde Galicia por mellorar a calidade do polo

BonPollo Gourmet de Avigal

Criar un polo en Galicia cunha alimentación 100% vexetal e coas máximas garantías de benestar animal e trazabilidade a un prezo alcanzable para a maioría dos consumidores. Esta é a aposta da empresa Avícola de Galicia (Avigal), que no ano 2000 lanzou ao mercado a gama BonPollo Gourmet baixo ao amparo do selo de garantía de calidade e de orixe de Galicia Calidade.

A responsable do departamento comercial de Avigal, Matilde Rodríguez, explica que “sacamos este polo ao mercado porque vimos que había unha inquietude nos nosos clientes por ter máis información sobre a alimentación das nosas aves”. A resposta foi BonPollo Gourmet, “un ave criada cun 100% de alimentación vexetal, fundamentalmente millo, e procedente de granxas especialmente seleccionadas nas que os animais teñen máis espazo para moverse, co cal mellora a calidade da carne”, explica a responsable de Avigal.

As vendas desta gama localízanse fundamentalmente en grandes cidades como Madrid e en canles de distribución tradicionais, como prazas de abastos e carnicerías. “A acollida por parte dos consumidores está a ser moi boa e xa supón ao redor do 10% das nosas vendas”, destaca Matilde Rodríguez.

BonPollo Gourmet está certificado por Galicia Calidade, que non só garante ao consumidor a orixe do produto, senón unhas condicións de crianza que garanten a súa máxima calidade. Así, as inspeccións do organismo dependente da Xunta de Galicia comproban periodicamente a alimentación dos polos, que debe ser como mínimo dun 65% de cereais (millo, trigo, cebada..), así como leguminosas e oleaxinosas (soia, xirasol, chícharos….), e aceites soamente de orixe vexetal, así como que a crianza dos polos se realice nas condicións acordadas.

Ademais, esíxese a Avigal un exhaustivo control de trazabilidade, de forma que a etiqueta de BonPollo Gourmet contén información sobre a incubadora de procedencia, a granxa na que se criou, os lotes de pensos cos que foi alimentado, data e condicións de matanza… “Faise un seguimento 100% en cada animal e unha selección no matadoiro para que o produto saia coas mellores garantías para o consumidor”, subliña Matilde Rodríguez.

Avigal: 51 anos como unha referencia da avicultura de carne en Galicia

Avícola de Galicia (Avigal), integrada no Grupo Valls Companys, produce uns 30 millóns de quilos de carne de polo ao ano e sacrifica unhas 250.000 aves á semana, cunhas vendas que superan os 48 millóns de euros, o que a converte no terceiro matadoiro avícola de Galicia. Integra a 70 granxas asociadas por toda Galicia, o 60% delas situadas na provincia de Pontevedra, coas que traballa nun sistema integrado: Avigal achega o penso, os animais e o servizo veterinario, e o gandeiro pon as instalacións e a man de obra.

“Os pitiños chegan cunhas horas de vida ás granxas, procedentes dunha incubadora en León, e nas nosas granxas, altamente tecnificadas, realizámoslles un estrito control de ventilación, temperatura, luz e alimentación, para garantirlles o máximo benestar animal”, explica Martín Segovia, director de integración de Avigal.

“O noso futuro pasa por seguir mellorando en calidade e en benestar animal”

“O primeiro que fan os polos se están mal é deixar de beber, e por iso estamos a avanzar en controladores automáticos de consumos e de calidade da auga e do aire para mellorar o seu benestar”, engade Martín Segovia. Outra liña de mellora na que está a traballar Avigal é na redución do número de animais por granxa: “Ao principio da crianza empezamos con densidades de ao redor de 14.500 animais por cada mil metros cadrados, e ímola reducindo para quedar ao final do engorde nuns 10.000”, informa o responsable de Avigal. Máis espazo de movemento para a ave que se traduce en mellor calidade da carne.

E é que, segundo subliña Martín Segovia, “temos claro que o noso futuro pasa por seguir mellorando en calidade da carne e en benestar animal, porque son dúas preocupacións da sociedade”.

Mercado: desde Galicia, a Madrid, Sudáfrica ou Hongkong

Avigal comercializa a maior parte da súa produción en venda en fresco no cuadrante Noroeste da Península Ibérica (Galicia, Norte de Portugal, Asturias , Castela e León e Madrid). Tamén exportan polo conxelado, fundamentalmente a Sudáfrica, HongKong e ás antigas colonias francesas. “A exportación de carne de polo conxelada varía en función de como oscilen os prezos mundiais, aínda que é unha liña de negocio que non descoidamos”, apunta Matilde Rodríguez, responsable do Departamento Comercial de Avigal.

En canto á situación do mercado en España, Martín Segovia, xefe do departamento de integración, recoñece que “estamos nun momento convulso do mercado, cunha crecente concentración das integradoras, e con varias semanas sen cotizar o polo branco en lonxa debido á sobreproducción”.

É por iso que desde Avigal prevén “seguir crecendo, pero amodo, e traballando cos nosos produtores integrados para mellorar en eficiencia e en calidade da carne”.

Marcos Portos: un exemplo da aposta de Avigal por rexuvenecer o sector

Marcos Portos na súa granxa

No ano 2006 Avigal realizou unha análise sobre a situación da empresa que concluíu que unha das ameazas para o seu futuro era a elevada idade media dos titulares das granxas avícolas. Un problema que afecta á maioría do sector agrogandeiro en España e que en Avigal decidiron afrontar con determinación.

“O que fixemos foi un plan de axudas económicas para captar xente nova que quixese incorporarse como granxeiro avícola e ao mesmo tempo puxemos en marcha un plan de modernización das granxas avícolas existentes e de construción de novas naves”, explica Martín Segovia.

“O resultados dez anos despois son que a idade media dos titulares das granxas en Avigal reduciuse en 25 anos e iso asegura a continuidade a medio prazo da empresa”, destaca o responsable de Integración de Avigal.

“O próximo ano Marcos ten previsto construír unha terceira nave de pitos”

Un exemplo deste proceso de rexuvenecemento do sector é Marcos Portos Rico, un mozo que no ano 2013 decidiu iniciarse no sector avícola no seu municipio natal de Boimorto, na provincia da Coruña.

A súa familia posúe unha gandería de vacún de leite e a súa nai foi socia dunha empresa dedicada á cría de polos e aos ovos campeiros, pero a primeira vocación laboral de Marcos foi outra moi distinta. “Por entón eu traballaba de cociñeiro pero buscaba outro emprego que me permitise ter máis tempo libre e seguir traballando no rural”, explica. Despois dun ano asesorándose e visitando diversas granxas, no 2013 decidiu, xunto á súa parella, integrarse en Avigal “porque era a empresa que máis colaborou connosco e a que máis nos convenceu”. Os contratos con esta integradora son anuais e autoprorrogables.

Así, construíron unha moderna explotación avícola, con 2 naves automatizadas de 2.450 metros cadrados cada unha, que supuxeron un investimento de 540.000 euros, dos que o 40% foi financiado por axudas públicas. A granxa dá traballo a 4 catro persoas a tempo completo e a outras dúas para traballos periódicos de limpeza.

Tres anos despois, a valoración de Marcos non pode ser máis positiva: “O cambio foi para mellor, sobre todo a nivel de ter máis tempo libre, e a relación con Avigal é satisfactoria para ambas as partes”. Proba diso, é que para o próximo ano prevén construír unha terceira nave avícola.

Unha valoración positiva que tamén ofrecen desde Avigal: “O que transmitimos aos nosos produtores é que se á empresa vai ben, a eles tamén lles irá ben”, conclúe Martín Segovia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información