Baixada dos prezos dos becerros de recría en Silleda e suba do porco cebado

Nas mesas de prezos dos ovos mantivéronse os prezos, mentres que o vacún maior mantívose estable. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 24 de maio. O 14 de xuño haberá poxa de becerros de recría

Baixada dos prezos dos becerros de recría en Silleda e suba do porco cebado

As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia/Abanca caracterizáronse pola baixada de prezos dos tenreiros de recría, tanto os de Frisona como os de Cruce Industrial, con altibaixos segundo a categoría. O vacún maior mantivo os seus prezos, cunha leve baixada na Categoría Segunda.

Deste xeito, nos becerros de Frisoa os machos de menos de 20 días pagáronse a unha media de 115 euros, fronte aos 117 do pasado martes. Con todo, a cifra representativa é a dos de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, onde a media foi de 138 euros por xato, fronte aos 141 da semana pasada. Pola contra, nos tenreiros de máis de 51 días houbo unha nova suba: 179 euros de media por animal fronte aos 157 do pasado martes.

Nos becerros de recría de Cruzamento industrial a tendencia xeral tamén foi á baixa, aínda que con excepcións. Así, na categoría de menos de 20 días, houbo uns prezos medios de 291 euros fronte aos 212 da pasada semana. Pola contra, na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos foi de 316 euros, fronte aos 328 do pasado martes. Nas femias, pola contra, os prezos medios subiron lixeiramente de 235 euros por animal a 238. En canto aos xatos de máis de 51 días, os prezos subiron de xeito claro: 420 euros fronte aos 409 da anterior sesión.

No vacún maior a tendencia xeral foi a unha lixeira baixada. Deste xeito, quedaron en 1.105 euros de media en categoría primeira, 704 en segunda -a máis numerosa- e 426 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.063, 709 e 441 euros, respectivamente.

As cotizacións quedaron da seguinte maneira:

SILLEDA_VACUN_24MAIO

Ovos e coellos estables

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse unha semana máis manter as cotizacións sen cambios: 1,17 euros a ducia para a categoría XL, a L quedou nos 1,02 euros, a M nos 0,97 e a S nos 0,85 euros a ducia.

Nos coellos, en Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, os prezos tamén se mantiveron nos 1,30 €/quilo da semana anterior, marcando un mínimo anual.

Suba do porco cebado

En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou unha semana máis subir os prezos; desta volta un 0,05% para as categorías Selecta e Normal, que quedaron nos 1,125 e 1,100 euros por quilo, respectivamente. A Canle II tamén subiu, un 0,065% ata 1,429 euros por quilo. Na de desvelle tamén subiu o prezo un 0,02% ata un rango de entre 0,54 e 0,60 euros o kilo.

En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, esta semana os prezos mantivéronse estables nos 1,42 euros o quilo, mentres que nos demais mercados europeos houbo suba das cotizacións.

En canto aos leitóns acordouse manter os prezos. Deste xeito quedaron nos 31 euros os procedentes de varias explotacións e nos 36 euros os procedentes dunha única explotación.

Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira:

SILLEDA_PORCINO_24MAIO

O 14 de xuño haberá poxa de becerros de recría

Por outra parte, debido á demanda dos participantes na Central Agropecuaria de Galicia Abanca, finalmente celebrarase a “poxa de becerros de recría” do martes 14 de xuño (as de becerros carniceiros e vacas non terán lugar este día). A recepción dos animais será o martes 14 a partir das 6 da mañá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información