Baixada dos prezos dos becerros de recría e suba do vacún maior en Silleda

A sesión deste martes da Central Agropecuaria de Galicia caracterizouse pola baixada dos prezos dos becerros de recría, mentres que o vacún maior sobe lixeiramente. Sen cambios no porco cebado e nos ovos

Baixada dos prezos dos becerros de recría e suba do vacún maior en Silleda

A sesión da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA deste martes caracterizouse pola baixada dos prezos dos becerros de recría, mentres que o vacún maior experimenta unha lixeira melloría. Nas mesas de prezos mantéñense sen cambios o porco cebado, e os ovos e seguen baixando os leitóns.

En gando vacún, os becerros de raza Frisoa subiron nalgunhas categorías, pero non na máis numerosa. Así, na de menos de 20 días a cotización media subiu ata os 128 euros por xato, catro máis que o pasado martes. Pero na categoría de 21 a 50 días, a máis numerosa e representativa, houbo baixada de prezos: 143 euros por xato, fronte aos 148 da semana anterior. En canto aos tenreiros de máis de 51 días soben ata un prezo medio de 172 euros, catro máis que o pasado martes.

Nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia xeral foi a unha baixada de prezos, pero con excepcións. Asi, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias nos machos caeron ata os 276 euros, fronte aos 301 da última poxa. E na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos tamén baixou ata unha media de 309 euros por animal, 26 menos que a pasada semana. Nas femias tamén baixaron os prezos: 207 euros por animal, 41 menos que o martes pasado. Porén, nos xatos de máis de 51 días os prezos nos machos subiron ata os 455 euros, fronte aos 442 do anterior mercado. Nas femias , pola contra, a tendencia de prezos foi á baixa: 309 euros de media por animal, fronte aos 403 da semana pasada.

O vindeiro martes suspéndese a poxa de becerros de recría

O vindeiro martes, 24 de xullo, suspéndese a poxa de becerros de recría, manténdose co mesmo horario as de becerros carniceiros e vacún maior. O motivo é que, debido ao traslado do mercado de Amio a ese martes por ser festivo o mércores 25 de xullo, a maioría de compradores desta categoría (becerros de recría) contan con gran dificultade horaria para acudir aos dous mercados.

Polo que respecta ao vacún maior, subiron os prezos, agás na categoría primeira. Deste xeito, quedaron en 1.096 euros de media en categoría primeira, 726 en segunda -a máis numerosa- e 470 na de desvelle. O pasado martes as cotizacións foron de 1.100, 714 e 448 euros, respectivamente.

VACUN_SILLEDA_XULLO_18_3

Estabilidade no porco cebado, caída nos leitóns e sen cambios nos ovos

Polo que respecta ás mesas de prezos, os ovos soben 0,02 euros na categoría XL ata os 1,60 euros por ducia. Nas restantes categorías mantéñense sen cambios: a L en 1,21 euros a ducia, a M en 1,04 e a S en 0,89 euros a ducia. As galiñas de desvelle quedan nun intervalo de entre 0,07 e 0,14 euros o quilo.

Na Lonxa de Madrid  o coello mantense nos 1,70 euros o kilo.

En canto ao porco cebado, a mesa de cotizacións acordou manter os prezos da pasada semana. Así, nas categorías Selecta e a Normal o quilo queda en 1,280 e 1,255 euros , respectivamente; a Canle segue en 1,630 euros por quilo. E na categoría de desvelle mantense o intervalo de entre 0,63 e 0,69 euros o quilo.

En Alemaña, país de referencia para os prezos do porcino en Europa, as cotizacións mantivéronse sen cambios esta semana, quedando nunha media de 1,440 euros/kg. No resto de países europeos a tendencia foi tamén á estabilidade de prezos.

En canto aos leitóns, acordouse seguir cos descensos e baixar 3 euros as cotizacións, quedando nos 33 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 38 euros os procedentes dunha única explotación.

PORCINO_SILLEDA_XULLO_18_3

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información