POXA_BECERRO_SILLEDA

Baixada dos prezos dos becerros de recría e suba do vacún maior en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola baixada dos prezos dos becerros frisóns e de cruce e pola subida das cotizacións do gando maior e os becerros carniceiros. Tamén houbo baixada do prezo do porco cebado

As cotizacións deste martes na Central Agropecuaria de Galicia ABANCA viñeron marcadas pola baixada dos prezos dos becerros de recría de raza Frisoa, mentres que o vacún maior experimentou unha suba ó igual cós becerros carniceiros. O prezo do porco cebado baixou nesta sesión namentres os leitóns se manteñen sen cambios. Os ovos tamén subiron nas categorías de menor tamaño.

En gando vacún, nos becerros de raza Frisoa a baixada produciuse nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado. O prezo medio foi de 107 euros por xato, fronte ós 115 da semana pasada. Namentres, o resto de categorías desta raza experimentaron subidas. A máis importante foi a dos becerros de menos de 20 días cunha cotización media de 100 euros por animal, 15 máis que o pasado martes. Tamén os becerros de máis de 50 días incrementaron o prezo nesta sesión ata acadar os 117 euros, 5 euros máis ca na anterior.

A tendencia foi similar nos becerros de Cruzamento industrial, que tamén experimentaron unha baixada do prezo na categoría máis numerosa. Así os becerros de entre 21 a 50 días situáronse nos 352 euros, 7 menos ca na sesión pasada. Namentres, nos becerros máis novos, con menos de 20 días, os prezos subiron ata os 339 euros, fronte ós 320 euros que se pagaran a semana pasada. Tamén os becerros de máis de 50 días aumentaron de prezo ata situarse nunha media de 450 euros por animal, 68 euros máis ca na sesión anterior.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial rexistraron esta semana unha subida do prezo. Así a media nos machos foi de 817 euros por animal, 10 máis ca na lonxa pasada. Mentres, as femias desta categoría baixaron ata os 728 euros de media, fronte ós 753 que acadaran a semana pasada.

No que atinxe ó vacún maior, a tendencia foi á alza a excepción das vacas de desfeito. Así, as vacas de primeira categoría acadaron os 1.109 euros, 18 máis ca no mercado pasado. Tamén na categoría segunda, a máis numerosa, se rexistrou un incremento do prezo. O valor medio subiu ata os 725 euros, 6 máis que o pasado martes. Por ultimo, no desvelle -a única categoría con baixada das cotizacións- o prezo medio situouse nos 411 euros, 19 menos ca semana anterior.

Cotizacions-Silleda-vacun-23_10_2018-1

Baixada no porco cebado e suba dos ovos

En canto ó porco cebado, tamén rexistrou unha baixada das cotizacións en boa parte das categorías. Así, no Selecto e Normal o quilo sitúase nos 1,10 euros e 1,075 respectivamente logo dunha baixada de 0,030 euros con respecto á semana pasada. A caída foi aínda maior na categoría de Canle II que queda en 1,396 euros logo dunha baixada de 0,039 euros. Mentres, a categoría de desvelle permanece sen cambios nun intervalo de entre 0,52 e 0,58 euros o quilo.

As cotizacións europeas baixan en países como Holanda ou Portugal e mentres en Alemaña, que é o referente para os prezos de porcino na Unión Europea, o valor medio mantense sen cambios e sitúase unha semana máis nos 1,360 euros por quilo.

Esta semana o leitón mantense sen cambios nas cotizacións e unha semana máis queda nos 32 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 37 euros para os dunha única granxa.

No que referido ós ovos, as categorías de menor tamaño experimentan esta semana unha suba do prezo mentres que o resto se mantén sen variacións. Así, as categorías XL e L mantéñense nos 1,68 e 1,24 euros a ducia respectivamente. Namentres, a M sobe 0,03 euros ata os 1,05 euros a ducia. Na S o incremento foi de 0,02 euros ata acadar os 0,85 euros a ducia.

En canto ó coello, a cotización mantense sen variacións na Lonxa de Madrid e sitúase unha semana máis nos 2,25 euros o quilo.

Silleda-Porcino-23_10_2018-2