Baixada dos becerros Frisóns en Silleda nunha xornada con récord de asistencia

Os prezos dos becerros de recría de Frisón baixaron este martes en Silleda, mentres que subiron en vacún maior e nos de becerros de cruce. Sen cambios nas cotizacións do porco cebado, ovos e bacoriños. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 22 de agosto

Baixada dos becerros Frisóns en Silleda nunha xornada con récord de asistencia

As cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca deste martes caracterizáronse pola baixada nos prezos dos becerros de recría de Frisón e subida no vacún maior e nos xatos de recría de cruce, nunha xornada de asistencia récord. As cotizacións do porco cebado, a dos ovos e a dos bacoriños mantívose sen cambios.

Así, nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos este martes baixaron en case todas as categorías respecto á pasada semana. Así, na de menos de 20 días, a cotización media baixou ata os 94 euros, 27 menos que na pasada poxa. E na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media caeu ata os 127 euros por xato, 13 menos que a pasada semana. Pola contra, na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, o prezo medio subiu ata unha media de 157 euros, fronte aos 144 da última poxa.

Nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia foi á alza, pero con excepcións. Así, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias subiron nos machos ata os 281 euros, fronte aos 208 da pasada poxa. Porén, na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos baixou ata os 265 euros de media, fronte aos 290 do pasado martes. Nas femias, pola contra, os prezos subiron ata unha media de 194 euros, fronte aos 137 da anterior sesión. En canto aos xatos de máis de 51 días, o prezo medio tamén subiu claramente ata os 399 euros, fronte aos 299 euros de media da última subasta.

No vacún maior a tendencia xeral foi tamén a unha suba dos prezos. Deste xeito, quedaron en 1.094 euros de media en categoría primeira, 719 en segunda -a máis numerosa- e 452 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.089, 698 e 461 euros, respectivamente.

As cotizacións quedaron da seguinte maneira:

SILLEDA_AGOSTO_VACUN_17_4

Récord de asistencia de gando vacún

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou hoxe varios récords. Así, a asistencia total de animais á puxa ascendeu hoxe a 1.205 reses, a maior cifra dende o ano 2014, cando concorreron 1.333 reses na puxa do 14 de xaneiro. Ademais, acadouse récord na asistencia de becerros de recría tamén dende a mesma data de 2014 (hoxe rexistráronse 829 fronte aos 889 que acudiron daquela) e de adxudicados nesta mesma categoría, 775 becerros de recría fronte aos 831 adxudicados na puxa daquel 14 de xaneiro.

Estabilidade nos ovos e no coello

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse manter as cotizacións da pasada semana nas categorías M e a S nos 1,17 e 0,91 euros, respectivamente, e o mesmo para as L e XL, que quedaron en 1,35 e 1,51 euros a ducia, respectivamente.

O coello mantívose na Lonxa de Madrid en 1,60 euros o quilo.

Sen cambios no porco cebado e nos bacoriños

En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou manter as cotizacións da pasada semana. Así as categorías Selecta e Normal quedaron nos 1,490 e 1,465 euros por quilo, respectivamente. A Canle II mantívose nos 1,903 euros por quilo e o desvelle nun intervalo de prezos de entre 0,87 e 0,93 euros o quilo.

En canto aos leitóns, acordouse tamén manter as cotizacións nos 36 euros para os procedentes de varias explotacións e os 41 euros para os procedentes dunha única explotación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información