Baixada dos becerros de recría e subida do vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes unha redución dos prezos dos becerros tanto de raza Frisoa como dos de cruce. Sobe o vacún maior e mantense sen cambios o porco cebado mentres os leitóns seguen baixando. Continúan sen variacións os ovos

Baixada dos becerros de recría e subida do vacún maior en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia- Abanca estivo marcada pola tendencia á baixa dos prezos dos becerros de recría tanto de raza Frisoa como dos de cruces industrias. Tamén baixaron os prezos dos becerros carniceiros. A excepción marcouna o vacún maior, cunha tendencia á alza.

Na mesa de prezos de porcino, mentres o prezo do porco cebado se mantén sen cambios, os leitóns encadean unha nova baixada. Tampouco houbo variacións nos ovos, nin no coello esta semana.

En concreto, no gando vacún, nos becerros de recría os prezos baixaron tanto para os frisóns como para os de cruces industriais, a excepción das categorías de máis idade, onde se rexistrou unha subida en ambas seccións.

No caso do becerros de raza Frisoa, nos animais de menos de 20 días o prezo baixou 4 euros ata os 107 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección máis numerosa e representativa, o prezo foi de 123 euros, 11 menos que a sesión anterior. A excepción veu cos animais de máis de 50 días, onde o prezo se incrementou en 27 euros ata situarse nos 173 euros de media.

Nas femias de frisón, a tendencia foi á baixa, aínda que a excepción veu marcada, neste caso, polos animais máis novos, os de menos de 20 días que se cotizaron a 77 euros de media, 2 euros máis que na feira pasada. Namentres, no resto de categorías os prezos caeron. Os animais de entre 20 e 50 días pagáronse a 74 euros, 32 euros menos que hai unha semana, e no caso das xatas de máis de 50 días o prezo foi de 90 euros, 21 euros menos.

Algo semellante ocorreu cos becerros de cruces industriais. Nos becerros de menos de 20 días o prezo foi de 274 euros, 35 euros menos que na sesión anterior. Tamén nos animais de entre 20 e 50 días houbo unha baixada do prezo de 9 euros ata situarse no 319 euros. Mentres, os de máis de 50 días cotizáronse a 440 euros, 8 euros por encima da semana pasada. Nas femias, a única baixada produciuse nas de menos de 20 días cun prezo de 182 euros, 27 euros menos. O resto experimentou unha subida que, no caso das becerras de entre 20 e 50 días foi de 11 euros, ata acadar os 228 euros, e no dos animais de máis de 50 días incrementouse en 7 euros, ata situarse nos 330 euros.

Nos becerros carniceiros de cruces industriais o prezo dos machos baixou en 71 euros, ata os 915 euros, pero nas femias incrementouse en 42 euros e cotizáronse a 855 euros.

Suba do vacún maior

No vacún maior a tendencia foi á alza e as vacas de segunda acadaron un prezo de 734 euros, 22 euros máis que na sesión pasada. Tamén subiu a cotización das vacas de desvelle ata os 459 euros, 26 euros máis. A única excepción marcárona as vacas de primeira, cun prezo 3 euros máis baixo que na feira do pasado martes e situáronse nos 1.100 euros.

Cotización do gando vacún na Central Agropecuaria de Galicia.

Cotización do gando vacún na Central Agropecuaria de Galicia.

Nova baixada dos leitóns

En canto á mesa de cotización do porcino, o porco cebado mantívose sen cambios unha semana máis. O selecto e o normal quedan nos 1,485 e 1,460 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo mantense en 1,896 euros o quilo e na de desvelle o prezo oscila entre os 0,72 e os 0,78 euros o quilo.

Os prezos do leitón baixaron 2 euros, logo de rexistrar varias semanas á baixa. Así, a cotización do bacoriño de 20 quilos queda nos 64,50 euros para os animais procedentes dunha única granxa e nos 59,50 euros para os de varias ganderías. O prezo por quilo é de 3,225 e 2,975 euros respectivamente.

Nesta xornada non houbo variacións no prezo dos ovos. Deste xeito, os ovos de categoría XL cotízanse a 1,31 euros a ducia, a L está en 0,99 euros, a M en 0,96 euros e a S a 0,81 euros. O prezo da galiña de desvelle mantense sen cambios e atópase nun intervalo de 0,10 e 0,18 euros o quilo.

Por último, o prezo do coello continúa sen variacións na Lonxa de Madrid a 1,85 euros o quilo.

Cotizacións do porcino, os ovos, galiñas e coello.

Cotizacións do porcino, os ovos, galiñas e coello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información