Asoporcel inicia unha nova etapa centrada na mellora da promoción comercial do Porco Celta

Asoporcel inicia unha nova etapa centrada na mellora da promoción comercial do Porco Celta

Asemblea de Asoporcel celebrada en Silleda

A Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel) ven de iniciar unha nova etapa trala asemblea xeral ordinaria celebrada en Silleda o pasado día 12 e na que os ao redor de 50 socios participantes -dun censo oficial e depurado de algo máis de 90 membros- deron o seu apoio aos cambios propostos pola actual Xunta Directiva e ratificárona nas súas funcións, á espera de poder actualizar os estatutos e convocar eleccións.

Dende o pasado mes de abril a dirección de Asoporcel foi asumida provisionalmente por unha xunta directiva, encabezada polo presidente da asociación, José Barreira, que realizou unha labor de depuración do censo de socios e de regularización administrativa da asociación.

Asoporcel centrarase na xestión do libro xenealóxico e na promoción comercial da raza

Neste sentido, a asemblea celebrada en Silleda ratificou a actual xunta directiva para dar continuidade ao traballo iniciado hai uns meses co obxectivo de encamiñar o futuro de Asoporcel.

Ademais, a asemblea deu o seu visto bo a que a partir de agora Asoporcel se centre na xestión do libro xenealóxico e na promoción da raza Porco Celta, así como na busca de canais de comercialización, aínda que sen asumir a venda directa.

En canto á xestión do libro xenealóxico, a xunta directiva salienta que “se está a traballar na actualización dos rexistros e censos para cambiar a forma de levar o libro xenealóxico da raza, que ata o momento non resultou de todo precisa”.

Neste sentido, na asemblea de Silleda informouse do convenio de colaboración que ven de asinar coa Consellería do Medio Rural para a execución das actividades de recuperación, conservación e fomento da raza porcina Porco Celta, por un importe de 360.000 euros. Este convenio suporá un alivio para as dificultades económicas que atravesa a asociación.

“Confiamos en reconducir a situación e volver a traballar con normalidade”

Ademais, a Xunta Directiva informou na asemblea de que Asoporcel xa pode utilizar o logotipo de “Raza autóctona 100%”, despois de ser autorizada pola consellería do Medio Rural e polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente.

A Xunta Directiva confía en “reconducir a situación e levar á asociación a traballar de forma normal e continuada”. Unha vez normalizada a situación, Asoporcel debería convoca eleccións para a súa directiva.

Por último, dende Asoporcel queren agradecer a colaboración prestada polo Servizo de Producións Gandeiras da Consellería do Medio Rural, por Boaga e polo Inorde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información