“As previsións para a avicultura de carne son optimistas, pero preocúpanos o acordo UE-Estados Unidos”

Entrevista a Javier López, presidente da Asociación de Criadores Avícolas de Galicia (ACRIAGA)

“As previsións para a avicultura de carne son optimistas, pero preocúpanos o acordo UE-Estados Unidos”

Javier López, presidente de Acriaga

Javier López é presidente da Asociación de Criadores Avícolas de Galicia (Acriaga). O sector vive un bo momento dende hai ano e medio, especialmente pola baixada dos prezos das materias primas e tralas mobilizacións dos produtores no ano 2014 contra a utilización da carne de polo como produto reclamo por parte da distribución.

Cal é a situación actual da avicultura de carne en Galicia e que porcentaxe representa sobre o total de España?
Galicia sacrifica o 13,5% do total en España e produce algo máis de 154 mil toneladas de carne de polo ao ano. Ocupa o cuarto lugar en produción por detrás de Cataluña (24,2%), Andalucía (16,5%) e a Comunidade Valenciana (15,4%).

O número de explotacións en Galicia por subclasificación zootécnica para a produción de carne é de 803, distribuídas principalmente nas provincias de Pontevedra (37,4%) e Ourense (36,1%). Sendo estas últimas as que teñen maior capacidade para a produción de carne e as de A Coruña as máis pequenas.

A explotación tipo de produción de carne en Galicia é aquela que traballa en réxime de integración (98%), emprega como técnica de produción un modelo intensivo con manexo en bandas (90%), está rexentada por unha persoa física (80%), onde o 78% dos postos de traballo se cobren con man de obra familiar e a superficie das instalacións é inferior a 2.000 metros cadrados.

Fálase de que o sector da carne de polo vive un bo momento, malia a crise económica. Por que?
A crise económica tivo menos impacto neste sector porque o prezo destas carnes é inferior á doutros tipos, como é o caso da carne de vacún, e porque a demanda interna e externa van en aumento.
Segundo os datos publicados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama), as vendas dentro da UE repuntaron un 7,63 %, mentres que as exportacións a terceiros países o fixeron nun 15,78 %, con algo mais de 80 mil toneladas emitidas.

Pero non todas as razóns do bo momento se deben á situación do mercado. Pois nestes últimos anos a cadea de valor incorporou unha maior diversificación de produtos elaborados a partir de carne de polo, a pesar de que o consumo industrial segue sendo moi baixo en relación ao directo (no conxunto de España: 1,1 millóns de tn fronte a 80 mil tn respectivamente).

¿Sentáronse as bases para que este crecemento sexa sustentable, ou estamos vivindo o punto álxido dun ciclo de prezos con dentes de serra como pasa no porcino ou no lácteo?
As explotacións tipo de produción de carne de polo son altamente dependentes de insumos externos que aporta a integradora. Esto foi así no pasado recente, segue sendo así e non hai indicios de que vaia cambiar no futuro próximo. Polo tanto, non hai ningunha garantía de sustentabilidade, entendendo como tal as tres acepcións que a caracterizan: social, ambiental e económica.

 “As granxas de polos son moi dependentes dos insumos da integradora”

Das tres é especialmente importante a económica porque se trata dun sector que está moito menos subvencionado que outros. E neste sentido, os incrementos da demanda non aseguran unha conta de resultados positiva das explotacións. É máis, nestes tempos de suposta bonanza, os prezos por quilo vivo están indo á baixa se tomamos como referencia os últimos datos publicados polo Ministerio. En concreto, no primeiro trimestre de 2016 apenas chegou ao euro por quilo vivo.

O sector produtor de carne de polo manifestábase hai poucos anos contra as importacións e a situación de dominio de prezos da gran distribución, ¿Que cambiou para que se mellorase a situación?
Nos últimos 20 anos o comercio exterior de carne de polo da UE está experimentando cambios importantes. Se antes era claramente exportador neto agora xa non é así. Ao sector preocúpanlle os acordos que a UE poida tomar con países como Brasil ou Estados Unidos, con custes de produción moito máis baixos, e sen os controis de bioseguridade, trazabilidade, etc., que se nos esixe na UE e que levarían ás nosas explotacións a unha situación de desventaxa competitiva.

“Preocúpannos os acordos da UE con Estados Unidos ou Brasil”

Se empeza a chegar carne destes países haberá unha consecuencia inmediata nos prezos percibidos polos gandeiros, que irán a baixa. E a esta situación teríamos que engadir as carencias da cadea de valor.
Se antes falábamos de prezos de un euro por quilo vivo, cando mercamos un quilo de peituga no supermercado costa 5,80 euros de media no conxunto de España. Evidentemente hai un traballo de faenado e loxístico para poñer esa peza a disposición do consumidor, pero é difícil entender que o valor se multiplique practicamente por seis. Polo tanto non podemos falar dunha situación especialmente saneada.

En todo caso, a situación de “mellora” explícase pola conxuntura de mellores prezos que se deron nos meses da primavera e verán do ano pasado, unido á baixada de prezos das materias primas para a alimentación.

Que aspectos quedan aínda pendentes por mellorar nas relacións contractuais entre o produtor e a industria?
No ano 2014 ponse en marcha un novo contrato de integración para a avicultura de carne, que substitúe ao acordo asinado entre os produtores e as industrias integradoras de 2007.

É fundamental que o contrato tipo entre integrado e integradora se cumpra e que se denuncien os incumprimentos. Entre cousas a mellorar, algún dos aspectos que máis teñen penalizado aos produtores teñen que ver coa recollida dos animais. Se non se realizan nas condicións pactadas, especialmente no que atinxe a prazos e benestar animal, os custes de produción dispáranse e os ciclos que pode completar unha explotación ao longo do ano redúcense. Neste sentido, tal e como está agora redactado o contrato, debería asegurar 5 camadas ao ano.

A calidade do penso é un punto determinante para a rendibilidade dunha explotación avícola e ao estar nun sistema integrado este é subministrado pola industria integradora. ¿Segue sendo unha asignatura pendente nas relacións contractuais e en que aspectos se podería mellorar neste sentido?
As empresas integradoras tenden a ser empresas verticais, controlando todos os compoñentes que están involucrados na produción dende o primeiro día, facilitando tanto as aves, como os alimentos, medicamentos e servizo veterinario.

A calidade do penso é fundamental xa que a remuneración final que recibe o produtor adoita ser en función do número de animais e do peso final dos mesmos. A parte variable indica o índice de conversión da explotación, que é fundamental, xa que se resulta malo aplicaranse descontos sobre a remuneración final por mala calidade ou baixo rendemento da canal. Que en moitos casos só se adoita aplicar en caso negativo a través dun desconto sobre o pago final.

“Ata un 65% do volume de pensos de polo véndese nun mercado cautivo”

Neste tipo de produción vertical dáse a existencia dun mercado pechado ou tamén “mercado cautivo” que se estima segundo datos do Magrama nun 60-65% do volume total de pensos do mercado. Polo tanto, deberíanse mellorar aspectos como: o aumento do volume de pensos certificados; mellorar a relación cos gandeiros integrados; mellorar a formación dos gandeiros integrados e, no seu caso, os socios; e aumentar os acordos a medio prazo cos subministradores de materias primas, sobre todo no caso das cooperativas

POLO_PREZO_SANTIAGO_01_standar

Protesta dos avicultores galegos contra a distribución en novembro de 2014

Preocúpalles a evolución do prezo das materias primas do penso? Con que previsións traballan para os próximos meses?
As características dos mercados de materias primas condicionan a cadea de produción, dependendo da materia prima que se trate e da súa orixe, as condicións dos mercados son diferentes.

As previsións dos prezos dos cereais son de aumento debido á demanda crecente para alimentos, pensos e biocombustibles (sobre todo millo).

O penso para aves consolidou no 2015 a súa posición de líder no segmento da produción de pensos compostos da UE cun crecemento do 1,2%, agora moi por diante da alimentación de porcino.

Os polos son tamén subministrados ao granxeiro pola integradora ¿En que aspectos se podería mellorar a situación do produtor? ¿Cales son as tendencias de mellora xenética?
A situación do produtor neste sentido é moi limitada xa que os animais son facilitados pola propia integradora. As tendencias de mellora xenética son as da busca dun polo de rápido crecemento, cunha ancha conformación e de gran desenvolvemento muscular, sobre todo a nivel da peituga, tal e como demanda o mercado.

Como ve o sector avícola de carne en Galicia nos próximos anos? Cales cre que van a ser as tendencias de cara ao futuro?
En relación á demanda, as previsións para os próximos anos, segundo os informes publicados polo USDA e pola UE (EU agricultural Outlook 2015-2025), invitan a ser optimistas.

 “As previsións de futuro para este sector son optimistas”

No obstante, as negociacións comerciais de Europa con países con gran potencial produtor serán as que marquen a evolución do sector. En concreto, o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (o coñecido TTIP) é de especial importancia para este sector, pois EEUU é un dos produtores con maior potencial para exportar a baixo prezo.

Que lle demandaría á Administración para apoiar ao sector avícola?
Darlle máis dinamismo a Interprofesional PROPOLLO nestes aspectos:crear dentro desta unha mesa de seguimento, promover o consumo deste tipo de carne, fomentar a extensión de norma e facer un maior seguimento do cumprimento dos contratos.

¿Algo máis que queiras engadir?
Si, solicitarlle ás grandes cadeas de distribución, que non utilicen o polo como un produto reclamo. En concreto, a aquelas que non sendo españolas, sí coidan nos seus países os prezos, e polo tanto axudan a darlle estabilidade aos seus produtores. E ás españolas que copien das que non o son e fagan o mesmo que as outras no seu país de orixe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información