As cinco razas bovinas galegas súmanse ao logotipo “100% Raza Autóctona”

As cinco razas bovinas galegas súmanse ao logotipo “100% Raza Autóctona”

Belén do Campo durante a presentación do selo en Silleda

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, participou esta xoves -no marco da Semana Verde de Galicia- na presentación do logotipo xenérico “100% Raza Autóctona” das 5 razas bovinas galegas: Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa.

Con este logotipo búscase protexer as razas autóctonas, preservando o patrimonio xenético animal e o mantemento dos sistemas de cría extensivos, que maioritariamente se empregan para a súa explotación. Isto supón un beneficio para a sustentabilidade do medio rural e do medio ambiente e permite realzar e potenciar a calidade destas razas.

A directora xeral destacou que “grazas a este selo, facilítaselle tamén ao consumidor unha maior información sobre o produto, á vez que para os produtores destas razas supón unha vantaxe comercial ao estaren todas elas catalogadas como razas en perigo de extinción”.

Son as asociacións de criadores de animais de razas autóctonas as encargadas de solicitarlle ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente o uso deste logotipo. A maiores destas cincos razas, en Galicia xa están autorizadas as de Cabra galega, Ovella galega, Galiña de Mos e Porco celta.

O censo destas razas é o seguinte: a Cachena conta con 4.195 animais e 149 gandarías; a Vianesa con 2.401 animais e 78 gandarías; a Caldelá suma 1.304 animais e 48 gandarías e, por último, as razas Limiá e Frieiresa contan con menos de 1.000 animais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información