As ADS de vacún en Galicia cobren o 51% das ganderías de leite e de carne

As ADS de vacún en Galicia cobren o 51% das ganderías de leite e de carne

Inauguración das xornadas da ADS Xundeva

A conselleira do Medio Rural en funcións, Ángeles Vázquez, participou este venres na inauguración do XII Encontros Gandeiros da ADSG Xundeva que organizaba esta Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira en Lalín. Asistiron tamén o presidente de Xundeva, Manuel Fernández, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo. Vázquez aproveitou a oportunidade para resaltar a importancia que teñen estas asociacións para o sector en Galicia.

Estas entidades, que naceron na década dos oitenta vinculadas ao sector porcino demostraron a súa utilidade e colleron forza nos 90 ata acadar unha “relevancia fundamental na mellora do estatus sanitario das nosas gandarías”, explicou a titular de Medio Rural.

73 ADS en Galicia

As ADSG son asociacións de gandeiros constituídas para elevar o nivel sanitario e produtivo e as condicións zootécnicas das súas explotacións, mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades dos animais e mellora das súas condicións hixiénicas e produtivas. Actualmente en Galicia existen 73 entidades deste tipo e entre todas elas agrupan a 10.500 explotacións.

En concreto, 55 Ads son de gando vacún, que dan amparo ao 51% das ganderías tanto de leite como de carne; 9 son de porcino, que cobren o 78% das explotacións; 1 Ads é de ovino e cabrún; 3 de aves e de coellos e 2 de visóns.

No caso da ADSG Xundeva, é un dos referentes destas agrupacións en Galicia. Conta con 995 explotacións de gando bovino e agrupa a 44.794 animais. Os seus programas sanitarios son coordinados por 7 veterinarios e cada ano organiza estas xornadas.

Máis de 2,1 millóns de euros de axudas en 2016 para as ADS

A Consellería do Medio Rural dispón dunha orde de axudas anual para colaborar economicamente coas ADSG. No 2016 o orzamento chegou a superar os 2,1 millóns de euros, que permitiron subvencionar a contratación dos servizos veterinarios. En concreto, neste 2016, empregáronse a 161 persoas, 76 delas en exclusividade. Estas axudas cobran importancia dado que moitas comunidades autónomas abandonaron durante a crise esta colaboración.

O persoal veterinario contratado polas agrupacións, ademais de executar os programas sanitarios voluntarios e participar na rede de vixilancia epidemiolóxica de Galicia, colaboran na formación sanitaria dos gandeiros, nas actuacións complementarias nos programas oficiais de erradicación, no control e fomento das prácticas en materia de benestar animal, e no establecemento de programas de desinfección, desratización ou desinsectación nas explotacións.

“Debemos recordar que Galicia é o referente a nivel estatal en canto a programas de control das enfermidades de gando vacún”, sinalou a conselleira, que considera que esta situación non deixa de ser “un recoñecemento ao esforzo e o traballo levado a cabo ata o de agora”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información