Armental, unha gandería en perigo de extinción, cercada por plantacións forestais

José Rodríguez reconvertiu fai 5 anos a súa explotación en Begonte cara a produción de carne de calidade de frieiresas e cachenas, pero hoxe o seu modelo de pastoreo en ecolóxico atópase ameazado polo cultivo de eucaliptos nos pastizais da comunidade de montes onde pacían as súas vacas

José Rodríguez, coas súas frieiresas en Donalbai

José Rodríguez, coas súas frieiresas en Donalbai

Gandería Armental, situada na parroquia de Donalbai, en Begonte, é hoxe unha das maiores explotacións que hai en Galicia de vacas frieiresas, a máis ameazada das seis razas autóctonas de vacún galego, cun censo duns 900 animais en toda a comunidade e declarada en perigo de extinción. Pero a explotación de José Rodríguez Teijeiro atópase en perigo de extinción por outro motivo: a comunidade de montes decidiu plantar a eucaliptos os pastizais onde pacían as súas vacas.

A falta de superficie dispoñible condiciona o futuro desta explotación que fai 5 anos reconvertiu a súa actividade da produción de leite á de carne de calidade. Porque se para a maioría dos produtores de carne contar con superficie dabonda é fundamental, se ademais se trata de razas autóctonas en ecolóxico este é un condicionante básico.

José mantén o seu gando nun sistema de pastoreo en extensivo, polo que sen fincas onde pacer terá que pechar, di. O conselleiro de Medio Rural, José González, anunciaba en maio pasado nesta entrevista en Campo Galego unha Lei de Recuperación e de Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia “para que ningunha explotación agrogandeira de Galicia deixe a actividade por falta de base territorial”. Por iso o seu tocaio José pensa ir este venres á asemblea que terá lugar no Pazo de Fontefiz, á que está prevista a visita do conselleiro, para expoñerlle de primeira man o seu problema en demanda dunha solución ao seu caso.

“Eu estou moi aburrido xa, pero non dos animais nin da terra, senón da Administración”

“A min gustaríame que a Administración tomara decisións e que as aplicara coñecendo as consecuencias sobre o terreo”, di José. “Estamos nunha zona na que sobra base territorial, en toda a parroquia so hai outras 15 ou 20 vacas e a explotación máis próxima está a tres quilómetros, pero estanse plantando todas as fincas con eucalipto”, denuncia. “E a Administración permíteo”, engade.

Este gandeiro reclama que a Xunta faga “labor de vixiancia e control de oficio”. “A min que me importa que fagan unha lei cada semana se despois non a aplican”, argumenta. A normativa forestal vixente non permite forestar terras agrarias con especies como piñeiros ou eucaliptos e no caso de frondosas caducifolias, eses terreos deben pasar antes polo Banco de Terras, polo que tampouco se poden acometer esas plantacións se hai gandeiros interesados no arrendamento desas parcelas. E neste caso José precísaas. “Necesito base territorial cerca, teño fincas moi lonxe da explotación que non me serven para levar e traer as vacas a pacer todos os días”, explica.

O único comuneiro que quere facer pastizais no monte

Plantación de eucaliptos feita nas pradeiras do monte comunal

Plantación de eucaliptos feita nas pradeiras do monte comunal

Armental conta con 14 hectáreas arredor da explotación e até esta primavera levaba outras tres hectáreas dentro do monte comunal da parroquia. “Antes eramos máis comuneiros e o monte estaba dividido en parcelas e cada veciño traballaba unha. Se colles o catastro histórico, o do voo americano de 1956, vese que no monte había labradío, prado e fincas aradas. Eu levaba a parcela que me correspondía a min e a dun veciño. O monte estaba sen estatutos e fai 5 anos púxose a comunidade en regla e comezamos a xestionar o monte en conxunto”, explica José.

A CMVMC de Donalbai conta con máis de 100 hectáreas, todas xuntas, só divididas pola estrada que une Begonte con Friol e por unha pista. É terreo chao e unha boa parte del valería para pradeira. Pero só José está interesado en darlle este uso ao monte e nas votacións leva as de perder. “Só somos 12 comuneiros, moitos de máis de 70 anos e ademais de min só dous teñen vacas, pero poucas, 8 ou 10 entre os dous”, explica.

“As vacas fixan poboación, os eucaliptos non, con vir cada 15 anos cortar o que haxa chega”

Así que a comunidade de montes decidiu plantar de eucaliptos os pastizais que alimentaban o gando de José, unha decisión que o deixa sen parte da súa base territorial. “Están plantando desde abril, non me deixaron nin recoller a herba para ensilar”, queixase.

O monte comunal linda coa propiedade de José e atópase a uns 200 metros da explotación. “O monte comunal para o único para o que se pode traballar de xeito individual é para agricultura ou gandería. Eu dicíalles que separaran a superficie que me corresponde como comuneiro e ma deixaran para pradeira, pero non queren. Ou ben alugar. Fíxenlles as dúas ofertas, todas as opcións habidas e por haber pero non houbo maneira”, di.

“Sen superficie, abócanme a pechar”

José di que “a Administración pode actuar sobre o uso que se fai do monte comunal” porque “toda plantación de eucaliptos de máis de 5 hectáreas está suxeita a autorización administrativa previa”. Sen embargo, conta, na comunidade de montes da súa parroquia “están plantando a cachos e non fan xestión algunha nin contan cun Plan de Ordenación”. “O que non se pode facer é un monocultivo de eucaliptos nin plantar as fincas que valen para cultivar”, considera.

“Moitas parcelas están abandonadas porque non ten ningún custo para o propietario ter unha finca sen uso”

O problema para a Gandería Armental agrávase porque se por un lado da granxa ten os eucaliptos do monte comunal, polo outro un veciño plantou terras que antes tamén eran agrarias. Son unhas 15 hectáreas que pertencen a unha casa que agora está sen habitar. “Plantaron o labradío e cambiaron os soutos de castiñeiros por eucaliptos tamén”, denuncia.

“É unha vergoña e a Xunta non fai nada”, di, mentres lembra “o despropósito -hai anos- de ter dado incluso subvencións para plantar as agras e as fincas e desprazar as explotacións fóra das aldeas”. “De toda España, a única zona onde se perdeu terra agrícola foi en Galicia”, evidencia.

“As vacas fixan poboación, o eucalipto non. Con vir cada 15 anos cortar o que haxa chega. Se non veu antes o lume, claro, porque o lume nestas circunstancias, cando se dan as condicións, non hai quen o pare. Arde até que xa non ten nada que arder, por iso a leria esa de que está controlado pero non extinguido”, argumenta José.

“Eu estou moi aburrido xa, pero non dos animais nin da terra, senón da Adminstración”, di. E achaca a situación de abandono de moitas parcelas ao feito de que “non ten un custo para o propietario ter a finca parada porque se o tivera non estaban as terras paradas e abandonadas como están”, asegura.

E engade que “se non teño superficie abócanme a pechar e supoño que nese caso tamén me deixarán plantar a min eucaliptos nas miñas fincas, igual que llelo consinten aos demais. Así que deste xeito para fixar xente no rural así, como non a aten cunha corda ao eucalipto, imposible”, resume.

Da produción de leite ás razas autóctonas

José ten tamén cachenas, que usaba para limpar os prados cando tiña as vacas de leite

José ten tamén cachenas, que xa usaba cando tiña as vacas de leite para limpar os prados

José ten 61 anos e fai 5 que reconvertiu a súa explotación da produción de leite á de carne. “Pasamos das vacas de leite a estas no 2014 por varias razóns: polos prezos baixos do leite e pola maior demanda de man de obra e de base territorial”, explica. “Para producir leite tiña que mercar moita comida e non era rendible. Non che dá a explotación de leite para pagar un obreiro como é debido e se non é como é debido é mellor non telo. Atendía eu só a explotación. Levaba 40 anos facendo o mesmo e muxir era como ter que fichar todos os días dúas veces. Quería sacarme diso”, resume.

Fixo o cambio tamén pensando no relevo unha vez que el se xubile. “Teño un fillo e unha filla que traballan noutras cousas e non poderían facerse cargo da explotación de leite pero si co modelo que teño hoxe. Este tipo de animais son doados de xestionar e poderían compatibilizar a explotación co seu traballo cando eu me xubile”, razoa.

Armental conta hoxe con 92 cabezas de gando, 86 de raza frieiresa e 6 cachenas. “As cachenas xa as tiña cando tiña as vacas de leite para limpar as fincas”, explica. Pero cando se pasou do leite á carne apostou polas frieiresas. “Decanteime por esta raza porque era da que había menos vacas. De inicio comprei 30 en distintas zonas de Ourense, 1 ou 2 en cada sitio. As primeiras tróuxenas da Mezquita, merqueillas a Gabriel, o sogro de Baltar, do presidente da Deputación de Ourense. Logo fun recriando e ampliando”, explica.

E do modelo intensivo ao extensivo en ecolóxico

José ten o seu gando en extensivo e desde que se pasou ás razas autóctonas está tamén en ecolóxico. “Suplemento con herba seca no inverno ou neste momento mentres que non chove e sae o pasto de outono”, conta.

As pradeiras aínda se están a recuperar, 10 anos despois, das esixencias para a produción de millo

As pradeiras aínda se están a recuperar, 10 anos despois, das esixencias para a produción de millo

Pero a súa granxa producía leite cun modelo totalmente distinto. Tiña aínda máis vacas ca hoxe e botar millo convertíase en imprescindible. “Dos primeiros que botamos millo nesta zona fomos nós, pero cada ano as terras daban menos, unha polo cambio climático e outra porque a produción intensiva de millo consume o terreo e os herbicidas acaban con todo. Cando botaba millo non vías por aquí un grilo, nin unha bolboreta ou unha abella. A velutina é algo moi grave, pero eu penso que mataron máis abellas os herbicidas e os insecticidas. E esa praga non se para se a xente non se conciencia. Hai xa máis de 10 anos que non boto millo, porque xa parara de botalo antes de deixar as vacas de leite e comezan aínda agora a volver verse grilos e bolboretas e non din acabado aínda coa labaza nos prados, que veñen desa época, na que cargas as terras de purín, de abonos químicos e de herbicidas. Iso non pasaría se as explotacións tiveran base territorial dabonda para facer rotación de cultivos e poder usar o millo para renovar a pradeira, que é o que se fixo sempre, no canto de botalo todos os anos nas mesmas fincas”, opina José.

Armental aproveitou as instalacións que tiña de cando producía leite para o gando de carne. Eran unhas naves sinxelas, abertas, de estrutura e teito metálico, construidas nos anos 90. “Ti das cuadras non quitas nada, o rendemento sácalo do que teñas dentro delas”, di José.

“As fincas de millo dan cada vez menos e cada ano hai que cargarlles máis abono químico e máis herbicida para que produzan”

Tampouco tivera nunca moita maquinaria e agora necesita usala menos. Notou o cambio por exemplo á hora de botar purín. “Agora saco só 10 ou 12 cisternas no ano, antes era unha cada día, nin as contas”. Un problema cada vez maior nas explotacións de leite, sobre todo de cara á nova PAC, que José está convencido de que estará moi vinculada ao medio ambiente. “A maior parte das axudas estarán ligadas a condicionantes ambientais”, di. O purín será seguramente un deses condicionantes aos que haberá que dar solución. “A Administración nada fai, e se algo fai é porque os apretan desde Bruxelas, senón nada facían”, recrimina.

O mesmo pasa co lobo, que xa lle comeu este ano 6 becerros, ou co xabarín, que lle foza todas as pradeiras. Pero malia as dificultades, José non se arrepinte do cambio. “Cando deixas de producir leite botas un par de anos sen produción, entre que mercas as novillas, paren e crias os xatos, e iso suponche unha descompensación nos ingresos e nos gastos pero agora vivo máis tranquilo ca antes”, conclúe.

“A industria só quere quilos, por iso non lle dá valor ás razas autóctonas”

As instalacións das vacas de leite foron aproveitadas para as de carne

Armental pasouse á gandería ecolóxica e José destaca as características da carne que produce. “Non ten nada que ver coa industrial, a carne de frieiresa ten moi pouca graxa pero é moi xugosa e rica en omega 3 e omega 6. A xente debería concienciarse e aprender a comer”, afirma.

Malia a calidade da súa carne, di que “a industria non diferencia nin lle dá valor, só quere quilos, por iso tampouco se valoran as razas autóctonas”. “A industria aprovéitase e páganche o ecolóxico a prezo de convencional e a alimentación non ten nada que ver e os custos son case o dobre”, indica.

“A industria aprovéitase e paga o ecolóxico a prezo de convencional. Se non se lle sobe o prezo ao produtor, polo menos que llo baixen ao consumidor”

José é rotundo e asegura que “hai máis mafia aínda na carne ca no leite porque está controlado o negocio por menos xente” e reclama á industria e á distribución que “se non van subir o prezo ao produtor polo menos que llo baixen ao consumidor para que haxa máis consumo de carne ecolóxica e máis mercado para este tipo de producións”.

Este gandeiro destaca ademais outro valor dos seus animais, a súa boa adaptación ao terreo (é un animal rústico adaptado á climatoloxía extrema con calor no verán e frío no inverno) e os beneficios que aportan ao entorno, realizando unha labor de desbroce natural que contribúe a reducir o risco de incendios.

Son animais mansos e de manexo doado, que foron usados tradicionalmente para os traballos agrícolas, aínda que hoxe na maioría dos casos a súa vocación é a produción cárnica. Unha das vacas de José, Finlandia, leva dous anos gañando o concurso morfolóxico da raza frieiresa organizado coincidindo coa celebración da Semana Verde de Silleda.

Tan só 28 explotacións manteñen a raza frieiresa

A raza frieiresa toma o seu nome da comarca natural das Frieiras, situada o sureste de Ourense, norte de Zamora e parte de Portugal. A área xeográfica de orixe atópase na Mezquita (A Canda, Castromil, Santigoso, Cádavos, Manzalvos, Esculqueira e Chaguazoso), con diferentes aldeas situadas noutras zonas do sudeste da provincia de Ourense en concellos como o da Gudiña (Tameirón e O Cañizo). Asimesmo, constatouse historicamente a presenza de animais da raza en aldeas colindantes da provincia de Zamora.

Esta raza, por diferentes motivos, tivo ao longo do tempo poucas posibilidades de expansión pero neste momento atópase xa distribuida por toda a xeografía galega, con maior presenza na provincia de Ourense pero con explotacións que a foron introducindo tamén nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Con todo, só hai 28 explotacións con animais desta raza e o seu censo ronda as 900 cabezas.

No ano 1991 só había 94 exemplares desta raza. Hoxe o número de cabezas multiplicouse por dez pero segue estando en perigo de extinción

A raza frieiresa está catalogada como raza autóctona en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras. O ano 1991 marca os inicios dos programas de conservación por parte da Xunta de Galicia, cun censo naquel momento de só 94 cabezas.

Existen varias teorías sobre a orixe da raza pero estudos filoxenéticos realizados con marcadores xenéticos relacionan a orixe co Bos primigenius estrepsiceros.

Os machos adultos pesan de media 860 quilos e as femias 600, cunha alzada á cruz de entre 131 e 156 centímetros no caso dos machos e de entre 128 e 145 centímetros no caso das femias. A capa é castaña, máis escura nos machos e máis clara nos animais máis novos. Outra característica a destacar na raza é o pelo longo da rexión frontal, a guedella, máis abundante nos machos.

FRIEIREGA é a entidade xestora do Libro Xenealóxico da raza frieiresa e do Programa de Conservación da raza, recoñecida oficialmente mediante o Decreto 149/2011 do 7 de xullo da Xunta de Galicia, e integrada desde o 2001 na Federación de razas autóctonas de Galicia (BOAGA).

2 ideas sobre “Armental, unha gandería en perigo de extinción, cercada por plantacións forestais

  1. Fernando

    Pola Virgen Santísima, será tan difícil que a administración non vexa o que é obvio, a necesidade de apostar de verdade polas explotacións ecolóxicas polo ben de todo o mundo? .
    Deixen de poñerlle trabas ós gandeiros , que poucos quedan xa e son a base da Galicia rural.

    Contestar
  2. Stop carballo adiante eucalipto

    A solución é doada. Canto produce unha hectárea de eucalipto anualmente? Pois esa renda é a que ten que pagar o gandeiro nas terras onde se pode plantar eucalipto. No resto pois se son ilegais arríncanse e listo.
    Seguramente se pagase unha renda decente todos lle alugarían pero se as quere gratis…

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información