“Apostar pola agricultura ecolóxica é investir no futuro”

Entrevista a José Antonio Fernández Álvarez, presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). A próxima semana presentarán os resultados de 2016 que revelan un incremento por riba do 10%

“Apostar pola agricultura ecolóxica é investir no futuro”

José Antonio Fernández, presidente do Craega, na súa gandería de vacún de carne en Baralla

José Antonio Fernández Álvarez é presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) dende o ano 2007. Propietario dunha explotación de vacún de carne no concello lucense de Baralla, recoñece que é o momento de que entre xente nova nas eleccións que se celebrarán nos próximos meses.

A agricultura ecolóxica vive un momento doce en Galicia, con algo máis de 850 produtores inscritos, máis de 20.000 hectáreas certificadas e un volume de vendas que supera os 33 millóns de euros, segundo os últimos datos dispoñibles, correspondentes ao 2015.

Falamos con José Antonio Fernández dos retos e das oportunidades para a produción ecolóxica en Galicia.

¿Como empezou a túa vinculación coa agricultura ecolóxica?
Na nosa explotación familiar viñamos traballando na agricultura e na gandería de forma tradicional, moi próxima á produción ecolóxica. Empecei vincularme ao Craega xa antes da creación do mesmo, da man do anterior presidente, Gabino Vázquez, impulsando ante a Xunta de Galicia a creación deste organismo.

Unha vez creado, inscribinme na produción vexetal en ecolóxico no ano 1997, para amparar as producións de mazás e de castañas e na produción animal deime de alta no ano 2001.

O vacún de carne é a principal actividade da nosa explotación familiar. Partíamos dunha gandería de vacún de carne tradicional, con animais estabulados, e o cambio máis grande foi que pasaron a estar case todo o tempo fóra nos prados. En total temos unhas 40 vacas nais de raza Rubia Galega, principalmente, e 40 hectáreas de pastos. Ao igual que a maioría das ganderías de vacún de carne de Galicia, temos moitos problemas de minifundio e de falta de concentración parcelaria, un problema que penso que se debería abordar por parte da Administración.

En canto ás maceiras, están ubicadas nas sebes das parcelas e veño vendendo todos os anos entre 2 e 4 toneladas. De castañas recollemos sobre 4 toneladas, as que damos recollido coa man de obra da que dispomos na casa.

Vides de celebrar hai uns meses en Monforte unha xornada sobre comercialización de produtos ecolóxicos, nas que houbo coincidencia das oportunidades que hai de comercializar estas producións a través das grandes cadeas de distribución ¿Como valora as conclusións?
Todos os anos procuramos dende o Craega organizar unhas xornadas para responder ás inquedanzas dos produtores e das empresas inscritas. E vemos que un dos maiores problemas das producións ecolóxicas en Galicia é a comercialización, de xuntar un volume mínimo e con garantías de subministro para abastecer aos grandes mercados. É un problema que se dá sobre todo na produción de carne (vacún, ovino e caprino) e tamén na produción de horta. Así, nesta última vemos por unha parte que hai agricultores especializados en vender en canles curtas de comercialización a mercados locais, e aos que lle vai ben, pero outros que quixeran producir para vender fóra teñen problemas para comercializar os seus produtos.

 “Un gran problema da produción ecolóxica en Galicia é o da comercialización”

Neste sentido, estas charlas abriron unha visión en canto a que hai demanda de produtos ecolóxicos pero é necesario acadar un volume mínimo de produción e organizarse para subministrar ás grandes comercializadoras con garantías.

En concreto, en horta ecolóxica non se entenden que non sexamos quen de producir tanto para abastecer o noso mercado galego como, sobre todo, para exportar fóra e crear riqueza e emprego en Galicia. Temos unha gran oportunidade que se está a desperdiciar, e que si están aproveitando noutras zonas de España con peores condicións en canto a dispoñibilidade de solos con boa materia orgánica e de auga para regadío.

Por outra parte, seguimos apostando dende o Craega polos mercados locais e polos circuítos curtos de comercialización, organizando sete feiras a nivel local para os nosos produtores en 2016, así como outras actividades, unha liña pola que pensamos seguir apostando este ano.

Cal é a previsión de facturación do Craega para este ano?
Estou seguro que imos manter as cifras de crecemento tanto en superficie, en facturación, onde estamos medrando sobre un 7%, como en número de agricultores e gandeiros inscritos. O crecemento da produción ecolóxica en Galicia vai ser imparable e en 2016 superará o 10%.

 “Temos moi boas condicións para producir horta e estamos a desperdiciar esa oportunidade”

Con dúas grandes industrias, Lactalis e Leche Celta, que xa están a recoller leite ecolóxico en Galicia, ¿cales son as perspectivas de crecemento nesta produción?
Esperamos que o número gandeiros inscritos siga aumentando porque temos moito percorrido para medrar. Sirva como exemplo que nun recente estudio publicado polo Ministerio de Agricultura sinalábase que a produción de leite ecolóxico en España apenas acada as 30.000 toneladas anuais, fronte ás máis de 300.000 toneladas que cada ano producen en Alemaña ou en Francia.

En Galicia, a día de hoxe hai arredor de 40 ganderías de vacún de leite certificadas pero hai que ter en conta que ao longo do 2016 houbo bastantes inscricións, eu creo que máis de 40. Podemos dicir que no 2016 máis ou menos duplicouse o número de explotacións.

Hai unha serie de esixencias que veñen marcadas no regulamento europeo de produción ecolóxica, que son comúns a todos os países da UE. Os requisitos indispensables para unha granxa que se queira pasar á produción de leite ecolóxico serían: máximo dúas vacas por hectárea, esta sería a carga gandeira para limitar os abonados, para non facer uso excesivo de incorporación de nitróxeno ao campo. A explotación ten que contar cunha base territorial suficiente e o ganado ten que pastorear. A alimentación ten que ser toda en ecolóxico e como mínimo un 60 % da materia seca que inxiran eses animais ten que ser producida na propia explotación, é dicir, non pode estar baseada en traer pensos e forraxes de fóra, sen aproveitar as súas parcelas.

En canto ás instalacións, o 50 % de cada habitáculo non pode ser en emparrillado, ese porcentaxe polo menos ten que ser superficie sólida e dispoñer dunha zona de cama. Tampouco poderían, por exemplo, empregar insecticidas, herbicidas, funxicidas…

 “Hai moito percorrido para incrementar a produción de leite ecolóxico”

Un dos sectores que está a experimentar un importante crecemento é a produción de ovos e polo ecolóxico, sobre todo con cooperativas como Coren ou Avega. ¿A que se debe?
A que hai dúas ou tres grandes cooperativas e empresas que apostaron por esta produción e están a vender con éxito tanto a nivel galego como español.

En Galicia temos unhas condicións inmellorables para producir en ecolóxico, que pode ir combinada ou non co amparo dunha Denominación de Orixe ou dunha Indicación Xeográfica Protexida. Pero hai que dicir que nos mercados europeos o selo de garantía de promoción ecolóxica é a mellor promoción que se pode facer.

O vacún de carne en ecolóxico é un dos sector que non acaba de medrar como debera. Unha das queixas dos produtores é que non perciben no prezo unha diferencia substancial con respecto ao que lle están a pagar en convencional. ¿Que medidas se debería tomar para que este sector comece a despegar?
Por unha parte é necesario reunir unha masa crítica de gandeiros e de produción para reunir unha cantidade e cunhas garantías de subministro que fagan posible acceder a un mercado de gran consumo. Iso require tamén traballar coas grandes empresas distribuidoras.

Pero tamén debemos esmerarnos como gandeiros por poñer no mercado un produto das máximas calidades que se adapte aos gustos do consumidor. É dicir, un xato que se críe no monte, completamente en ecolóxico, se non pasa por un bo cebo final, tamén en ecolóxico, non vai ter un bo mercado.

Por último, considero que a administración debería facer esforzos para incentivar unha maior colaboración, e incluso fusión, das comercializadoras galegas de carne de vacún ecolóxico, para poder chegar ao gran mercado.

Os maiores controis administrativos é un dos obstáculos que aducen algúns produtores para non inscribirse no Craega. ¿Comparte esta crítica?
Estou de acordo en parte, pero eses requisitos de documentación e de maior control son a única forma de verificar que se están facendo as cousas ben. É unha garantía de que se cumpren coas normas da produción ecolóxica tanto para o Craega como, sobre todo, para o consumidor.

Dentro duns meses vanse celebrar eleccións no Craega. ¿Estaría disposto a repetir como presidente?
Creo que no Craega ten que entrar xente nova, cun equilibrio entre os que levamos máis anos e a renovación, para dar entrada tamén a ese arredor de 40% de novos operadores que se incorporaron ao Craega dende as últimas eleccións. Voume presentar, de momento, para ser vocal.

A Consellería do Medio Rural impulsará a agricultura ecolóxica cun plan estratéxico elaborado da man do sector. ¿Que nos pode avanzar deste plan e que espera del para o sector?
Este plan estratéxico servirá principalmente para detectar e corrixir as debilidades no sector da agricultura ecolóxica en Galicia. Estamos empezando a articulalo e a intención da Administración é que se aprobe este ano. Aínda que o plan é impulsado por quen lle corresponde, a Consellería do Medio Rural, a intención é contar ao 100% co Craega así como co conxunto do sector. Pola nosa parte, queremos contar tamén coa opinión de todos os operadores sobre as liñas estratéxicas que debe contemplar este plan.

¿Algo máis que queiras engadir?
Cada vez hai maior consenso entre os médicos en que a saúde está relacionada coa nosa alimentación e que a mellor garantía para unha boa saúde é a alimentación ecolóxica, pois sabes que non vas ter residuos de pesticidas ou de que non consumes produtos transxénicos. Investir na agricultura ecolóxica é investir no futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información