Ancares, a natureza gandeira

Segundo Núñez é un dos últimos gandeiros que traballa a man os prados de sega da alta montaña lucense. Pasamos un día con el para coñecer o seu traballo, que é decisivo para a conservación dun territorio no que conviven vacas, osos e lobos

Publicidade
Ancares, a natureza gandeira

Campa do Brego, ao pé do Penarrubia, unha tradicional paisaxe gandeira dos Ancares cruzada cada ano por milleiros de senderistas e montañeiros.

Segundo é a estampa dun atleta maratoniano. Delgado, espigado e todo fibra. Cada vez que sae da súa casa, no pobo de Deva (Cervantes), na alta montaña dos Ancares lucenses, é para subir e baixar costas. Non lle queda outra. Deva está enclavada a media ladeira da serra do Pando, a uns mil metros de altitude. Por baixo, unha fraga de rebolos e castiñeiros, salteada por un mosaico de pequenos prados, cae en fortes pendentes ata o río de Brego. Por riba, xestas, uces e carqueixas, pasto dun rabaño de cabras, acompañan o camiño en ascenso ata a Campa de Brego, o pastizal no que pasan o verán parte das vacas de Segundo Núñez.

Segundo Núñez.

Segundo Núñez.

O manexo de gando e prados nas encostas que rodean a Deva convertiuse no particular ximnasio de Segundo. Como non hai maquinaria capaz de traballar en prados con pendentes ás veces case verticais, cando toca segar, cada mes de xullo, Segundo percorre prado a prado cunha ‘Bertolini’, unha segadora manual que guía a pé para cortar a herba. Logo voltearaa e cando estea seca, angazaraa cara a parte baixa do prado, onde a cargará a pulso no tractor. O último paso é subir ou baixar co tractor polos carreiros da montaña ata o pobo, onde se alpaca e garda a herba para o inverno.

A última campaña Segundo fixo así máis de 1.000 alpacas. En pleno verán, o sol caendo a plomo, con xornadas de traballo que comezan e rematan coa luz do sol. “Se boto contas do traballo que se pasa segando, sairíame máis barato mercar a comida para os animais para o inverno. Iso xa o pensei algunha vez, pero o problema está en que se deixas sen segar os prados, bótalos a perder” -explica o gandeiro-. “Non habería renovación do prado polas sementes que quedan nel cando o gadañas e de seguida comezarían a medrar xestas, fieitos ou rebolos. Un prado aproveitado só a dente polas vacas deterioraríase moito a partir do segundo ano”, razoa.

“Os pastos son pura natureza, co acompañamento da gandería. Son paisaxes de postal” (Segundo Núñez)

Os prados de Segundo, 9 hectáreas dispersas en moitas pequenas parcelas, ós que hai que sumar pastizais dun monte de varas veciñal, mantéñense de xeito natural coa única actividade do pastoreo das vacas e da sega manual. “Son pura natureza, co acompañamento da gandería”, define Segundo, que aos seus 61 anos sempre acorda os pastos naturais de Deva, que antes del xa traballaron seus pais. Son pastos de montaña que nunca se anovan, polo que presentan a particularidade de acumular ata 50 especies de herbas distintas.

“Os prados enclavados nas encostas dos vales, entre bosques, son imaxes de postal” -valora Segundo-. “É algo que gusta, do que disfrutar”. A Campa de Brego, onde o gandeiro mantén parte do seu gando no verán, ao pé do impoñente Penarrubia, é unha das paisaxes senlleiras dos Ancares, cruzada cada ano por milleiros de montañeiros e senderistas que soben ó Penarrubia ou que baixan do Tres Bispos, dous dos principais cumios da serra.

Segundo e un veciño nas labores de sega dun prado próximo a Deva. / Imaxes da sega: David López.

Segundo e un veciño nas labores de sega dun prado próximo a Deva. / Imaxes da sega: David López.

Os valores naturais da montaña levaron a que os Ancares se catalogasen como espacio natural protexido na Rede Natura e como Reserva da Biosfera, figuras de protección que non sempre encaixan co xeito de pensar dos habitantes da serra. Segundo analiza a cuestión: “Eu vexo lóxico que os Ancares se protexan, claro que si, pero a Administración equívocase por completo. O xeito de protexer non é prohibindo todo. Así non se protexe, ao contrario, bótase a perder o territorio. Hai que deixar que os pobos organicen as súas terras dunha forma razoable, como se viña facendo de sempre”, defende Segundo.

“Vexo lóxico que os Ancares se protexan, pero a Administración equivócase. O xeito de protexer non é prohibindo todo” (Segundo Núñez)

As consecuencias de restriccións inapropiadas explícaas o gandeiro cun par de exemplos. Segundo lembra como hai anos un veciño recibiu unha multa por segar un prado ata a beira dun regato, unha práctica entón perseguida. “Como temos agora as beiras dos regatos?. Cheas de árbores. A auga queda moi asombrada e iso inflúe en que haxa moitas menos troitas. Ademais, cando vén unha enchenta, fórmanse tapóns coas árbores que caen e en canto iso racha, a auga leva todo por diante”, explica.

Lumes
O lume, o gran inimigo da serra, que no outono do 2017 levou por diante máis de 3.000 hectáreas, é outro elemento que aconsella un manexo activo da paisaxe. “Como aquel lume non vin na vida nada igual. Xuntáronse varias cousas. Había moito vento, estaba o monte moi seco e tiñamos moito mato no monte”, expón Segundo.

Sobre o vento, o calor e a sequidade non se pode actuar. Co mato, o combustible que alimenta o lume, si. “Cando eu era cativo, en Deva tiñamos máis de 500 cabras e ovellas, 55 vacas e cabalos no monte. Había árbores pero o mato estaba baixo, controlado. Agora somos poucas as ganderías que quedamos e non podemos controlar o mato” -razoa Segundo-. “Téñense pedido máis cortalumes e queimas controladas no inverno, cando comeza o desxeo da neve e pódense facer sen perigo, pero faise pouco ou nada”, cuestiona.

Deva, onde vive Segundo, viuse rodeada polo lume do 2017. Só os prados, que actuaron coma cortalumes naturais, e a defensa activa dos veciños, que regaron vivendas, leñas e todo aquelo que podía prender, salvaron a aldea ata a chegada dos servizos de extinción.

Perspectivas
Podería a gandería convertirse nunha ferramenta para a prevención de lumes nos Ancares?. “Os Ancares ofrece oportunidades para o gando e o gando ofrece oportunidades para os Ancares, pero necesítanse maiores apoios públicos para as ganderías de montaña”, sinala David López, técnico da cooperativa A Carqueixa (Cervantes), na que participa Segundo e que agrupa a arredor de 120 granxas da comarca, todas de vacún de carne.

“Os Ancares ofrecen oportunidades para o gando, pero precísanse maiores apoios para as ganderías de montaña” (David López, técnico de A Carqueixa)

“Se analizamos as axudas agroambientais da PAC, é ilóxico que cobre o mesmo un gandeiro dun concello sen dificultades orográficas especiais, onde pode facer todos os traballos mecanizados, que os gandeiros que manteñen a man os prados de sega de montaña, como é o caso de Segundo. Quen vai facer este traballo, que é un servizo ambiental para a sociedade, cando eles falten?”, pregúntase David.

A montaña lucense desángrase de xente co paso dos anos, con perdas de arredor dun 25% do seu censo na última década. O despoboamente retroalimenta a súa vez a marcha da xente, pois pérdense servizos e redes sociais, o que leva a novas migracións. “Gustaríame que isto tire e que a xente emprenda nos Ancares, pero o certo é que a xente nova arranca e véxoo normal”, sinala Segundo.

Galería de imaxes

Carga da herba seca no tractor.

Os Ancares enfróntase ó paradoxo de ser unha das zonas máis buscadas polo turismo de montaña en Galicia, en tanto a poboación que vive alí vai á baixa ano a ano. A situación describiuna cunha polémica frase unha conselleira do Medio Rural hai poucos anos: “É un sitio bonito para visitar, pero non tanto para vivir e traballar”. Ao pouco tempo daquelas declaracións, os veciños aproveitaron unha manifestación pola seca para replicar cunha pancarta ben clara: ‘Os Ancares, para visitar e traballar’, un lema que expresaba tanto un desexo como unha realidade.

Unha conselleira do Medio Rural formulou un polémico diagnóstico sobre a serra: “É un bonito sitio para visitar, pero non tanto para vivir e traballar”

Os Ancares son vales de fragas infindas atravesadas polos torrentes que baixan da montaña, son quilómetros de cumios cubertos pola neve no inverno, territorios de campeo do lobo e do oso, ouveos e berros de curuxas en noites estreladas, pero tamén son Ancares as persoas que cortan leñas para o inverno nas fragas, que manteñen as campas da montaña e que coidan o gando, en convivencia non sempre fácil co oso e co lobo.

Lobos e osos
A presenza cotiá do lobo obriga ós gandeiros a extremar as precaucións. Segundo só sobe á montaña, á Campa de Brego, as vacas sen crías. As que teñen xatos quedan o verán entre a corte, unha palloza tradicional na que permanecen coas súas crías, e os prados que circundan o pobo de Deva. “Se deixase os xatos na montaña, sería como tirar caramelos á porta dunha escola”, compara Segundo.

As súas vacas son 12 exemplares da raza Asturiana de los Valles, adaptada ás condicións da montaña e con bos cornos, que lles proporcionan capacidade de defensa fronte ós lobos. “Se unha manda de lobos vai a por unha vaca, está claro que non vai poder facer nada, pero as vacas saben defenderse dun lobo ou dous. O mellor para elas é quedar quietas e separadas, esperando que o lobo se achegue e entón tratalo de enganchar. Para o lobo, é un perigo ir a por unha vaca”, explica Segundo.

Co oso, o gandeiro tampouco tivo problemas nunca, aínda que prefíreo a distancia. “Vino moitas veces. Cando máis me preocupo é cando me atopo unha osa con crías porque podes atoparte en problemas se o animal se sente ameazado. Dunha vez que estaba no alto da montaña, vin vir unha osa con dúas crías que tiña que pasar por onde eu tiña que pasar. Quedei quieto, penso que nin pestanexaba. Cruzou a uns 60 metros de onde eu estaba. Cando a vin ir, dixenme, ti polo teu lado e eu polo meu”.

– Mete respeto o oso.

– Mete respeto. Quen diga que non é que non o viu diante.

O oso, que se volveu asentar nos Ancares nas últimas décadas, aproveitouse en territorios veciños, coma Somiedo (Asturias), para convertilo nun emblema turístico, pois é un animal que ocupa só espazos ben conservados, caracterizados pola súa alta biodiversidade. O outro emblema de Somiedo, unha das súas imaxes de promoción habituais, é o gando pastando nos verdes prados que rodean os lagos, ao pé dos circos de montaña.

O Parque Natural de Somiedo pode considerarse de feito tamén un ‘parque gandeiro’, pois as granxas da montaña ubicadas no espacio protexido reciben unha serie de pagos suplementarios que premian a súa actividade e que as compensan das condicións e limitacións ás que están suxeitas. En Somiedo, protéxese o medioambiente e protéxese a gandería. Poderían os Ancares ter apoios para convertirse nun Somiedo galego?. Ou quedarán como un sitio bonito para pasear, pero non para vivir e traballar?.

image_print

Una idea sobre “Ancares, a natureza gandeira

  1. SU

    Xa queda pouca xente que faga a sega asi. So nas Montañas de Lugo e Ourense e onde se pode ver o traballo que da o ser mais manual que mecanico

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información