Ameaza de peche para as granxas galegas de coello debido aos baixos prezos

Ameaza de peche para as granxas galegas de coello debido aos baixos prezos

Protesta de Progacun en Madrid

O sindicato Unións Agrarias advirte da “grave crise de prezos” que está a poñer contra as cordas ao sector cunícola galego. Nunha reunión que tivo lugar este martes na Consellería de Medio Rural, Xosé Ramón González, responsable de Agricultura de UUAA, e Maria Antonia Almansa, presidenta de Progacun, trasladáronlle a Belén Docampo, directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Alimentarias, as dificultades polas que están atravesando as 230 granxas de coellos que aguantan en Galicia.

No encontro púxose de manifesto a gravidade da situación debido a que os custes de produción superan os 1,80 euros/quilo, mentres que o prezo en orixe da carne de coello apenas acada 1,60 euros/quilo.

Ante esta situación, desde Unións reclámanlle á Consellería de Medio Rural que active de xeito inmediato as axudas de mínimis ata o máximo que permite a lexislación comunitaria, tal e como se fixo no seu día co sector de vacún de leite. En paralelo, solicitouse da Xunta de Galicia que se implique nas campañas de promoción deste tipo de alimento para reactivar o seu consumo.

Pídenlle á Xunta axudas de mínimis e campañas de promoción do consumo desta carne

O sindicato lembra que da supervivencia deste sector dependen tamén máis de 600 postos de traballo, aos que hai que sumar os empregos que xeran os matadoiros e os distribuidores de pensos. Galicia é a segunda produtora de coellos, detrás de Cataluña, cun 15% desta carne producida en España, “grazas ao esforzo que malia a crise, as explotacións fixeron para modernizarse e agrandar a produción”.

“Uns investimentos -advirten- que agora se ven comprometidos pola caída de prezos que axudaría a reverterse se as administracións se implicasen na aposta polas carnes diferenciadas e polos mercados de proximidade como nichos de mercado que permitan unha revalorización do produto e unha aposta pola satisfacción dos consumidores que non desexan unha carne estandarizada”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información