Agropecuaria Montgai, un cebadeiro no que os becerros non desperdician o penso

Esta gandería catalá recibe esta semana en Zaragoza o Premio Excelencia Figan 2019 por, entre outros avances, contar con comedeiros eficientes. Coñecemos como traballan nesta gandería, onde boa parte dos becerros proceden de Galicia

Agropecuaria Montgai, un cebadeiro no que os becerros non desperdician o penso

Pau Salse, fundador do cebadeiro, xunto ós seus fillos, Pau, administrador da explotación, e Xavier, veterinario no cebadeiro.

Agropecuaria Montgai é unha das cinco ganderías que recibirán o Premio Excelencia na Feira Internacional para a Produción Animal (Figan), que se celebra do 19 ó 22 de marzo en Zaragoza. Este cebadeiro familiar, asentado en Lleida, está especializado na crianza de becerros de raza frisoa e de cruce. Nos últimos anos, incorporou tanto melloras nas súas instalacións como no manexo dos seus animais, o que agora lle valeu este recoñecemento.

O cebadeiro dispón de catro granxas, onde se reciben os becerros mamóns e se realiza o cebo. Tamén contan coa colaboración de granxas da zona, que ceban de forma integrada, é dicir, eles subminístranlles os becerros e os propietarios das granxas coidan os animais. Coa combinación do traballo propio e o integrado, sacrifican ó ano entre 9.000 e 10.000 cabezas de gando vacún, becerros tanto lixeiros como pesados, que alcanzan entre 470 e 550 quilogramos respectivamente.

Animais procedentes de Galicia e Francia

As reses chegan ó cebadeiro cun mes de vida e alí permanecen ata aproximadamente os once meses. Os becerros frisóns ou lixeiros pesan entre 50 e 55 quilogramos cando chegan, namentres que os de cruce rondan xa os 65 quilogramos.

Xatos con cama de palla.

Xatos con cama de palla.

Agropecuaria Montgai merca os becerros en centros de recollida, onde os escolle por peso e idade. Ata hai pouco, a maioría dos seus animais procedían de Galicia, pero na actualidade compran tamén en Francia. “O becerro galego é un animal que chega escollido e se procede de ganderías onde estea ben encalostrado é un moi bo animal para o cebo”, concreta Xavier Salse Bernadó, veterinario da explotación.

Xavier é, xunto co seu irmán Pau que exerce de administrador da granxa, a segunda xeración deste cebadeiro familiar. Ambos traballan aínda man a man con seu pai, Pau Salse Solé, que foi quen comezou co cebo de gando vacún.

O cebadeiro traballa tamén con animais procedentes de feiras, se ben recoñece que eses animais presentan habitualmente máis problemas. “Os animais máis problemáticos son os becerros máis novos que van ás feiras. Estes xatos teñen moitos problemas, principalmente dixestivos, como úlceras de estómago, que se poden deber a que nas feiras é difícil conseguir axustar as necesidades do lactoreemprazante na dose e temperatura correcta, e tamén polo estrés que sofren no transporte e na espera”, sinala o veterinario.

“Se o becerro galego se pode sacar das ganderías onde estea ben encalostrado é un moi bo animal para o cebo”

Cando o gando francés escasea, a explotación tamén merca parte dos becerros en Irlanda. “O barco é rendible e os animais irlandeses chegan cunha gran saúde e practicamente non hai problemas na súa adaptación. Porén, os pesos finais destes animais son inferiores ós dos becerros galegos”, explica Salse.

Coidar o manexo dos animais

Cada grupo de animais que entra permanece sempre xunto, evitando ser mesturado con outros lotes. “Traballamos cun sistema todo dentro-fóra, é dicir, os animais que entran nunha nave mamoneira é un lote e permanecerán sempre xuntos, logo trasladaranse á nave de cebo e alí permanecen ata o sacrificio”, detalla Xavier.

Sistema-de-tetinas

Sistema de tetinas que empregan nas naves de mamóns.

As naves mamoneiras divídense en currais de 8-10 xatos que contan cunha guía corredoira situada en fronte do curral onde se colocan as chupadeiras para poder dar o lactorreemprazante que inxiren ata que pasan á nave de cebo. Dispoñen tamén dunha máquina mesturadora do leite en po con tracción motora que lles permite acadar a temperatura e dose exacta para cada animal. Cada nave dispón do seu propio xogo de chupadeiras para evitar contaminacións entre diferentes lotes de tenreiros e, ademais, límpanas cada día despois das tomas de leite.

“Ter currais cun número reducido de animais é moi importante porque permítenos facer un control diario rigoroso de cada animal”, concreta o veterinario. Unha vez que os xatos chegan a un peso de entre 100 ou 120 quilos trasládanse das granxas de lactancia ós cebadeiros, onde se dividen en currais de 18 tenreiros.

“Ter currais cun número reducido de animais permítenos facer un control diario rigoroso de cada animal”

Os cebadoiros consisten en naves semiabertas, onde os animais contan cunha cama de palla, unha forraxe que lle mercan a produtores da zona. Unha vez á semana renovan as camas cunha máquina encamadora específica e o esterco que xeran derívano tanto a plantas de compostaxe como a terras propias. “Procuramos coidar o manexo ó máximo, xa que é o punto clave nun sistema de estabulación intensivo como o que temos”, comenta Xavier.

Sistema de comedeiros eficientes.

Sistema de comedeiros eficientes.

Comedeiros eficientes

Unha das innovacións máis destacadas das que dispón o cebadeiro, coa que lograron o Premio Excelencia de Figan, é a dos comedeiros eficientes. É un sistema que reduce o desperdicio do penso e que á vez mantén a súa composición nutricional óptima. “Estes comedeiros teñen a particularidade de que non permiten a perda de penso pola forma de comer dos animais e tampouco se produce unha oxidación dos compoñentes nutricionais, ó non acumularse en exceso”, explica Xavier.

Con estes comedeiros eficientes conseguen un aforro de 65 quilos de penso por becerro

A implantación dos comedeiros eficientes desenvolveuse no marco dos programas de colaboración que a explotación ten co Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria de Cataluña (Irta). Trátase duns comedeiros nos que o tubo que sae do transportador superior, que reparte a comida, queda a unha distancia de entre 2-3 centímetros da base do comedeiro. Deste xeito, o penso granulado queda almacenado no tubo e os animais van sacando a comida por esa marxe sen desperdiciala nin permitir que se acumule.

“Con este sistema redúcese nun 6% o gasto de penso total respecto ós comedeiros tradicionais, sen que o crecemento dos animais se vexa afectado” -apunta o veterinario-. “Conseguimos un aforro de 65 quilogramos de penso por becerro”.

Reducir ó máximo o uso de antibióticos

Outro punto de manexo no que destaca Agropecuaria Montgai é na redución do uso de antibióticos para adaptarse ás esixencias que veñen marcadas por Europa. “De momento estamos aprendendo -valora Xavier-. “Estamos revisando todos os protocolos de diagnóstico e realizando antibiogramas (probas que comproban a susceptibilidade de bacterias a grupos de antibióticos)”.

Os primeiros antibióticos que reduciron polo de agora foron os de vía oral. “Todo o proceso foi acompañado de técnicas de diagnóstico como rexistros da temperatura corporal, escalas visuais ou ecografías”, detalla o veterinario. Con esta información e cos antibiogramas están a avaliar de novo os protocolos de aplicación de antibióticos e vacinación.

Están revisando os protocolos de diagnóstico e vacinación para reducir a aplicación de antibióticos

“Conseguimos unha redución importante do consumo de antibióticos, pero tamén se produciu un lixeiro aumento das baixas, que agardamos poder reducir axiña”, aclara Xavier.

Mercados

A maior parte da produción deste cebadeiro destínase ó mercado nacional. Puntualmente, tamén exportan algunhas das razas de cruce, pero trátase dun pequeno número de cabezas. O cruce que mellor se lles adapta é o de charolesa,se ben contan con cruces de varias razas porque “non existe a posibilidade de escoller un cruce en concreto para completar camións ou lotes”, especifica Xavier.

Agropecuaria Montgai considera que a clave do seu éxito é a organización que teñen dos animais xunto coa “disciplina, o esforzo e moita dedicación”, conclúe Salse.

Galería de fotos

Terneros en lactación.

Máis información
Figan 2019 conta con máis de 900 expositores e medio cento de xornadas técnicas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información