Actualizado o Programa Nacional de conservación, mellora e fomento de razas gandeiras

Actualizado o Programa Nacional de conservación, mellora e fomento de razas gandeiras

Vacas cachenas en Olelas (Entrimo-Ourense)

O Consello de Ministros aprobou este venres un Real Decreto co que se actualiza e adapta o Programa Nacional de conservación, mellora e fomento de razas gandeiras ao novo marco comunitario recolleito no Regulamento sobre cría animal, que entrou en vigor o pasado mes de novembro, e que incorpora toda a normativa zootécnica da Unión Europea.

Trátase dun regulamento de gran importancia na regulación dos aspectos zootécnicos e xenealóxicos da cría e comercio de animais de raza pura das especies bovina, porcina, ovina, cabrúa e equina, do porcino híbrido e do seu material reprodutivo. Deste xeito, aglutínase a normativa zootécnica, até agora espallada nun conxunto de Directivas e Decisións comunitarias para as distintas especies gandeiras.

Cambios da nova normativa

Entre os obxectivos do novo marco zootécnico hai que salientar a promoción do libre comercio de animais reprodutores e o seu material reprodutivo dentro da Unión Europea. Nese sentido, establécese un novo réxime de recoñecemento das asociacións e de aprobación dos seus programas de cría, a obriga do control oficial por parte das autoridades competentes; a posibilidade de estender o ámbito do programa de cría aprobado nun Estado Membro a outros estados membros da UE.

Tamén se establecen os novos modelos de certificados zootécnicos e a posibilidade de designar Centros de Referencia da UE.  Así mesmo, hai que destacar que está previsto un trato diferencial para razas gandeiras ameazadas.

Dado que a xestión dos programas de cría, o control e seguimento do cumprimento das obrigas previstas na normativa non poderían conseguirse sen unha estreita colaboración entre as autoridades competentes e un compromiso por parte das asociacións de criadores recoñecidas en España, establécense mecanismos para regular este marco de colaboración e traballo.

Ademais, neste Real Decreto, regúlanse aquelas entidades e centros que van desenvolver un gran papel de apoio ás asociacións de criadores para a aplicación e aval dos programas de cría, como son os laboratorios, os centros de xenética, os centros de reprodución e bancos de xermoplasma, así como a creación da Rede Española de Bancos de Xermoplasma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información