Acruga poxa este sábado en Adai 21 exemplares de Rubia Galega

Preséntanse 8 xovencas preñadas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, ademais de tres machos e 10 femias, propiedade de varios gandeiros da provincia

Acruga poxa este sábado en Adai 21 exemplares de Rubia Galega

Poxa de Acruga

A Asociacion Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) organiza mañá sábado en Adai, O Corgo, a súa tradicional poxa nacional á que presentará un total de 21 exemplares de Rubia Galega, polos que se poderá poxar, nunha subasta que dará comezo ás 13.00 horas.

Para este evento, poderase poxar polas oito xovencas preñadas procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. Estes animais, con idades comprendidas entre os 18 e os 24 meses de idade, partirán cun prezo de saída de 1.800 euros. Ademais, gandeiros con explotacións en Castroverde, O Corgo, Lugo e As Nogais presentarán á poxa outras 10 femias e tres machos, cuxos prezos de saída determinaranse na propia poxa.

Os gandeiros interesados en adquirir algún destes exemplares poderán retirar os seus cartóns para poxar no mesmo recinto feiral de Adai, desde as 11.30 da mañá. Ademais, para incentivar a adquisición de gando, a entidade bancaria Caixa Rural dará axudas á compra de 200 euros, no caso das femias, e de 300 euros para os machos.

O presidente de Acruga, César Dorado, sinala que “´é boa época para comprar, porque agora si que hai pasto e o bo tempo axuda, porque vén un clima suave. Ademais na asociación seguimos recibindo solicitudes para adquirir exemplares de Rubia Galega por parte de gandeiros que se están incorporando á raza. Algúns aproveitan este tipo de poxas para adquirir exemplares, porque ademais saben que a súa calidade está contrastada”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información