A Asociación de Criadores da Raza Rubia Galega (Acruga) celebra mañá sábado unha poxa na Fonsagrada a partir das 12.30 horas. Subastaranse catro xovencas preñadas procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro. Coa celebración desta poxa, Acruga abre a tempada, na que agarda continuar coa tendencia á alza de vendas e cotizacións. De feito, a asociación lembra que na Fonsagrada adoitan lograrse bos resultados nas poxas e feiras que programa.
As xovencas que se subastan mañá parten cun prezo de saída de 1.800 euros e cada unha delas contará cunha axuda á compra de 200 euros aportada por Caixa Rural Galega. Os interesados en poxar por algún dos animais, de gran calidade xenética, morfolóxica e reprodutora, poderán retirar as tarxetas no recinto feiral a partir das 11.30 horas. Os animais presentados á poxa teñen idades comprendidas entre os 17 e os 19 meses.