A Xunta destinará este ano 1,1 millóns de euros a indemnizacións por sacrificio de animais enfermos

Será a través de axudas tanto para o sacrificio como para a reposición de gando e compensación de perdas polo tempo que medie entre o sacrificio e a reposición . A conselleira do Medio Rural presidiu esta tarde o acto de apertura do curso 2016 da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia

A Xunta destinará este ano 1,1 millóns de euros a indemnizacións por sacrificio de animais enfermos

A conselleira no acto da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia

A Consellería do Medio Rural destinará 1,1 millóns de euros para indemnizar aos gandeiros que, dentro dos programas obrigatorios de sanidade animal, sufran o sacrificio de animais enfermos, con axudas tanto para o sacrificio como para a reposición e o tempo de espera entre ambos procesos. Así o destacou onte a titular deste departamento autonómico, Ángeles Vázquez, na apertura do curso 2016 da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.

Ángeles Vázquez sinalou que a prioridade do seu departamento é manter e mellorar o nivel sanitario das explotacións gandeiras, posto que iso “redunda nunha vantaxe competitiva importante para a comercialización dos seus produtos”. Neste senso, agradeceu o labor dos veterinarios, “fundamental no noso día a día”, posto que neles recae a responsabilidade de desenvolver os procesos axeitados para mellorar, consolidar e soster os niveis sanitarios das explotacións gandeiras, á vez que controlan a calidade e a seguridade das producións.

Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural desenvolve diversos programas de erradicación, loita e control de enfermidades animais que xa permitiron diminuír a incidencia dalgunha destas enfermidades a límites próximos a valores de erradicación, engadiu. Exemplo disto, continuou, son os programas da erradicación da tuberculose e da brucelose bovina, das encefalopatías esponxiformes transmisíbeis (EETs), da brucelose ovina e caprina, o plan sanitario do sector porcino ou avícola e a loita contra as enfermidades apícolas.

Sobre estas últimas, Ángeles Vázquez lembrou que se incrementaron nun 11% as axudas establecidas no marco do Plan Nacional Apícola, como medida de apoio que axude a paliar os danos ocasionados polas distintas enfermidades e a presenza da vespa velutina.

Seguridade alimentaria

Na súa intervención, a conselleira explicou que esta seguridade nas explotacións gandeiras repercute directamente na seguridade alimentaria. As actuacións nesta área, dixo, desenvólvense en cinco ámbitos distintos pero todos eles relacionados. En primeiro lugar está o control da alimentación animal, coa elaboración do Plan Anual de Controis da Alimentación Animal en Galicia. Seguidamente, desenvólvense actuacións no ámbito do Plan Nacional de Investigación de Residuos (PNIR), en coordinación con Saúde Pública.

O terceiro ámbito de actuación é o relativo aos medicamentos veterinarios, sendo a cuarta liña a da calidade do leite para o control de células somáticas, bacterioloxía e inhibidores. Por último, a seguridade alimentaria pasa polo control dos subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano (Sandach). Todos estes controis, subliñou a titular de Medio Rural, son imprescindibles para conseguir unha produción de alimentos de calidade diferenciada que satisfagan a demanda dun mercado plural, esixente e competitivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información