“A vacina é unha ferramenta máis na loita contra a BVD”

Entrevistamos a Pablo Béjar González, responsable veterinario da ADS Fonsega, que traballa no concello da Fonsagrada. Tamén visitamos unha gandería de vacún de carne, Casa de Fidalgo Gromaz, que probou este ano a vacina contra a BVD para que ofrezan a súa valoración

“A vacina é unha ferramenta máis na loita contra a BVD”

Pablo Béjar xunto a Pedro Méndez e o seu fillo, Marcos

Pablo Béjar González, responsable veterinario da ADS Fonsega, traballa no concello da Fonsagrada e fala da súa experiencia coa BVD e da vacina contra esta enfermidade.

Que efectos ten ou tivo a BVD nun rabaño coma este?
No momento que entrou o virus no rabaño en xuño de 2014, debido a un becerro incorporado dunha feira gandeira, acusaron un brote de abortos en animais xestantes que estaban na corte nese momento, sobre todo en animais que estaban no primeiro terzo de xestación. Tras os análises pertinentes confirmouse que o becerro incorporado era un PI, e en consecuencia atopámonos coa seroconversión de case todos os animais que estaban preto da corte nesas datas.

Para tentar controlar o abrocho, debido ás características do rabaño optamos por extremar as medidas de bioseguridade na explotación. Entre outras medidas instaláronse pediluvios á entrada da corte, estableceuse unha cuadra anexa a certa distancia da explotación onde levaban a parir as vacas con posibilidades de parir novos PIs, controlouse o acceso de persoas en contacto con eses PIs….

E por suposto, empezouse a realizar mostraxe de cartilaxe auricular dos animais nada máis nacer para detectar o virus e controlar o nacemento de novos PI.

Por que aconsellastes a vacinación deste rabaño con vacina viva que contén cepas BVD tipo 1 e tipo 2?
Aconsellamos a vacinación con vacina viva cando comprobamos que simplemente con medidas de bioseguridade e eliminando os animais PI era practicamente imposible controlar a enfermidade. Esta vacina tanto pola súa pauta de vacinación anual como pola protección total fronte ao nacemento de PIs era a máis axeitada para este tipo de ganderías en pastoreo en extensivo, na que o gando está moi segregado e faise difícil cumprir con outras pautas de vacinación que implican coller a cada animal antes da cubrición para evitar o nacemento dos PI.

Cal foi a túa experiencia con esta vacina viva con cepas de BVD tipo 1 e tipo 2?
Ata agora nunca traballaramos con vacinas vivas de BVD pero de inicio o programa vacunal é de fácil cumprimento xa que podes vacinar todos os animais ao mesmo tempo e unha soa vez ao ano e isto facilita enormemente o control da enfermidade.

“O próximo ano veremos se coa vacina non nacen novos PIs”

De momento é cedo para avaliar melloras produtivas despois da vacinación porque vacinamos a todo o rabaño no mes de maio e debemos comprobalo como mínimo ao ano seguinte, cando vexamos in situ que non nacen novos animais PIs.

Como se adaptou este protocolo de vacinación no programa de control de BVD da ADS que xestionas?
Cada gandería é diferente, neste caso en concreto estamos a vacinar animais reprodutores; é dicir, empezamos a vacinar todas as xovencas de reposición con 10 meses, o que nos deixa unha pequena marxe de animais sen vacinar, os tenreiros que van para sacrificio, que nos serve para comprobar a efectividade da vacina. En canto ás vacas reprodutoras vacínanse todas en saba. A intención é seguir vacinando unha vez ao ano.

¿Cres que se se impide o nacemento de animais PI a través da vacinación, e vanse eliminando os PI que existen previamente na explotación? ¿Pódese chegar a controlar a BVD nunha rexión como Galicia?
Nesta explotación, a utilidade ou non da vacina comprobarémolo os próximos anos, ao coñecer se aparecen novos PIs ou non.

Este ano o que estamos a facer é mostrear todos os animais con posibilidade de ser PIs e eliminando os positivos.

 “É clave evitar o nacemento de novos Pis e eliminar os existentes”

Para min esta vacina é unha ferramenta máis no control da BVD e neste caso considerei interesante utilizala tendo en conta o tipo de manexo que se realiza nesta gandería. En todo caso, a clave para controlar a enfermidade pasa por evitar o nacemento de novos PIs e, por suposto, por eliminar os existentes.

En canto a controlar a enfermidade en Galicia, a día de hoxe, a curto prazo véxoo complicado, vanse dando pequenos pasos, a administración a través das ADS leva investindo moitos recursos no control deste tipo de enfermidades, o cal é de agradecer,  pero no caso de BVD o que estamos a facer nas nosas explotacións, moitas veces resulta insuficiente cando pode existir unha libre circulación de PIs dentro da nosa comunidade. En ganderías como as que temos na nosa ADS na súa maioría en extensivo ou semiextensivo, o feito de que existan ao redor ganderías sen control algún da enfermidade xoga totalmente en contra de poder falar de chegar a controlar nalgún momento esta enfermidade.

vacas_rubia_boehringer_prado_01_standar

Pedro Méndez e o seu fillo, Marcos

 “Desde a vacina non houbo máis PI na explotación”

Entrevista a Pedro Méndez Freijo, fundador de Gandería Casa de Fidalgo Gromaz, na Fonsagrada. Xunto ao seu fillo Marcos Méndez Alonso e a súa dona Isabel Alonso López, posúe unha gandería de vacún de carne de raza Rubia Galega. Este ano vacinou ao seu rabaño contra a BVD con vacina viva e conta como foi a súa experiencia…

Cóntanos como é a túa explotación….
É unha explotación de vacún de carne en semiextensivo. A maioría da cabana é de raza Rubia Galega máis algunhas Charolesas, Blondes de Aquitania e Asturianas. En total temos unhas 80 vacas e uns 50 becerros. Contamos con algo máis de 50 hectáreas de prados. A alimentación é en base a pasto, herba seca e silo de herba. Os tenreiros están coas vacas ata os 7 meses mamando leite e despois témolos uns 3 meses na corte alimentándoos con forraxes e pensos de cereais e leguminosas. Comercializamos os nosos tenreiros a través da IXP Ternera Gallega. Realizamos control de reprodución desde hai anos.

Cales son os protocolos de vacinación actuais nesta explotación?
Vacinamos no mes de maio por primeira vez fronte á BVD debido a que tiñamos problemas cuns PI. Ata que pase un ano non saberemos se é realmente efectiva. Tamén vacinamos os tenreiros contra a pneumonía, notando unha importante melloría.

Ao nacer facemos a proba de BVD aos xatos para comprobar que non é PI. Ás tenreiras de recría tamén controlamos que non sexan positivas a BVD, IBR, paratuberculose ou neosporas, tratando de que a nosa cabana gandeira teña o mellor estado sanitario posible.

En que índice de fertilidade estades?
Estamos bastante ben. Case todas as vacas veñen parindo no prazo dun ano.

Como vacinas á recría?
Vacinámola tamén ao nacer, contra a pneumonía e facemos a proba de BVD. Os PI que naceron eliminámolos.

Cal foi a túa experiencia cunha vacina que só necesita unha dose ao ano? Que che achega?
De momento estou contento porque desde a vacinación non naceron máis PI na gandería. Pero ata que pase un ano non podemos coñecer a súa efectividade real.

 “Non notamos ningunha reacción negativa á vacina”

Tiveches algún efecto adverso? No lugar de inxección, na produción?
De momento non notamos ningunha reacción negativa.

Tiñas algún medo ao utilizar unha vacina viva e tan innovadora?
Si, porque é unha vacina nova e sempre corres un risco. Temos a experiencia da vacina contra a lingua azul, que nos provocou un aborto masivo nas vacas, e por iso tiñamos medo a realizala. De momento non houbo ningunha reacción adversa contra a vacina.

Que vantaxes crees que ten para a túa gandería o formar parte dunha ADS?
Creo que é moi recomendable para o gandeiro formar parte dunha ADS porque vas mellorando o estado de saúde do rabaño. Son socio fundador da ADS da Fonsagrada desde o ano 2002. Notamos unha importante melloría: cando compramos unha vaca realizamos todas as probas de BVD, paratuberculose, IBR… etc . E o mesmo para o gando que vendes, o que redunda nunha melloría xeral do estado sanitario da cabana gandeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información