A procura das bestas no monte: o outro gran atractivo da Rapa de Sabucedo

Este venres comeza a famosa Rapa das Bestas de Sabudeco. Pero os preparativos comezan semanas antes coa procura das bestas no monte. Subimos cos veciños para contalo

A procura das bestas no monte: o outro gran atractivo da Rapa de Sabucedo

Unha das mandas de bestas que foron localizadas pola tarde no monte da Planzadoira.

Os curros, onde se rapan e desparasitan os cabalos, son as actividades centrais da Rapa das Bestas de Sabucedo, que se este ano se celebra dende este venres ata o próximo luns, aínda que terá o seu punto álxido durante a fin de semana. Pero a rapa é moito máis, e os preparativos para ela comezan con moita antelación nesta parroquia do concello de A Estrada. Nas fins de semana previas é habitual que bo número de veciños e colaboradores da asociación Rapa das Bestas se xunten para levar a cabo distintas tarefas como localizar e aproximar os cabalos dos montes máis afastados. Achegámonos a Sabucedo a mediados de xuño para baixar algunhas das mandas de bestas que viven en liberdade nos montes. Algúns destes cabalos levan anos sen ir á rapa e xuntalos é unha tarefa complexa.

O monte da Planzadoira supón un reto xa que hai bestas que levan anos sen baixar ó curro e que son moi bravas

A xornada comeza ás 8 da mañá no Teleclub, o popular bar situado á entrada da aldea onde se artella boa parte da loxística da Rapa. Iván, un dos primeiros en chegar, convida xa a botar unha man: “Vixíame aí o meu cabalo namentres vou buscar outro”. Rodrigo acaba de chegar e xunto con seu pai, atende o encargo. Son dos poucos que aparecen tan cedo e son xa coñecedores de que terán que agardar polo resto. Rodrigo, con raíces na zona, leva indo ó monte con seu pai dende os 7 anos. Aquí, a maioría comezaron dende ben cativos no manexo das bestas tanto nos montes coma no curro. E son moitos os golpes e pequenos sustos que levan pillado cos animais máis salvaxes. “No monte, ás veces tes que escapar do seu camiño, no canto de asustarse elas, se son moi bravas tes que facerte a un lado”, explican. Hai pequenos trucos que teñen comprobado que son moi eficaces “funciona moi ben abrirlle un paraugas cara elas para frealas”, recalcan pai e fillo.

Para moitos, subir ó monte polas bestas é tan especial como a rapa no curro

O monte da Planzadoira

A xornada de hoxe promete e todos agardan bos resultados, como apunta Quico, o taberneiro, que tamén colabora encargándose da loxística do xantar no monte. Van ir na procura das bestas do monte da Planzadoira (Cerdedo), a uns quilómetros da aldea de Sabucedo. Boa parte das bestas levan moitos anos sen baixar ó curro, por iso a tarefa tórnase máis complicada. “É un monte especial, é todo un reto!”, ratifica Iria, unha das veciñas que habitualmente, xunto con Montse, participan na baixada das bestas. Ela encárgase de colaborar na xestión e organización da Rapa, “o traballo que menos gusta pero que é necesario facer para que todo saía ben eses días”, comenta. Iria ó igual ca Montse gustan de subir ó monte a polas bestas. “Hai xente que ven á rapa pero non sube ó monte e para min perden o mellor”, explica Montse.

Pero se xa de por si o monte da Planzadoira é todo un desafío, hoxe soben tamén coa intención de localizar e baixar ‘O Maquelele’, un cabalo que conta coa admiración de todos. “Vese no monte pero non se da traído para o curro. É un cabalo moi intelixente, e nos días previos á rapa nin se deixa ver xa no monte”, comentan.

Sabucedo-Grupo-Peq-

Antes de subir ó monte, organizan a estratexia a seguir para localizar e guiar as mandas.

Pouco a pouco vai chegando máis xente: pequenos grupos, familias de varias xeracións, xinetes e cabalos, motoristas… Pronto está formado un grupo heteroxéneo de preto de 30 persoas de tódalas idades e chegados de distintos puntos. Hainos que botaron man do BlaBlaCar para chegar na véspera a Sabucedo e non perder de ir á Planzadoira e hai para quen ir ó monte é toda unha tradición que non se perde aínda que pasen os anos, como Fernando, o máis veterano. Ós seus 90 anos, este veciño que marchou para Codeseda hai 60 anos non deixa de volver á cita cos cabalos. Chega acompañado de varios familiares, e é dos primeiros en meter présa ó resto: “Xa é tarde para ir! Xa tiñamos que estar no monte!”, acirra. E ás 8.30 parte do grupo ponse en marcha para amañar o recinto onde levar ás bestas dende o monte. O resto pronto os acompañará. Unha comitiva de coches, cabalos e motos de monte ponse en marcha cara o monte da Planzadoira.

Os máis veteranos apremian ó resto para que non perdan tempo e suban ó monte canto antes, como se facía antano

Co café foron argallándose os preparativos para organizarse no monte. Pero non é habitual que os cabalos nin as motos participen en tódalas subidas ó monte. Só se fai neste monte pola superficie que abrangue e polo “pouco afeitas á xente que están estas bestas” así que é preciso coordinarse entre todos e isto retrasa aínda un pouco a subida.

Sab_-vete-

Fernando e Francisco, dous dos veteranos da cita.

Os cabalos e as motos serán os encargados de localizar as mandas e conducilas ata o peche provisional habilitado na caída do monte, nas proximidades dunha granxa que lles permitiu gardalas alí puntualmente. No peche queda xente “de confianza”, pois esta é unha tarefa tamén clave para encerrar algunha manda. Así, xunto a Fernando, desta labor encárgase outro dos veteranos do grupo: Francisco, bo coñecedor das bestas e que será o encargado de encerralas unha vez que cheguen alí. Con eles outros veciños encárganse de controlar este punto. O resto sube ó monte e distribúese en puntos estratéxicos onde deberán reconducir as mandas para guialas ata o peche. Pero primeiro os xinetes e motoristas deben localizalas bestas.

En cada boqueira sitúase unha persoa para evitar o paso das mandas. Agora é quenda de agardar a que as bestas aparezan. Pasan das 10.30 horas e como todos saben xa, a espera pode ser longa. “Da tempo de durmir, pensar…” No intento que fixeron en días previos, ás dez da mañá xa tiñan preto do peche 50 bestas, aínda que logo conseguiron voltar ó monte, por iso cómpre tamén estar alerta.

A espera en silencio polas bestas 

O sol comeza a sentirse e é preciso procurar unha sombra para a espera ou aló menos contar con crema solar para non baixar do monte cunha queimadura. Hoxe a calor aínda non aperta e unha brisa suave fai a espera máis levadeira. Aínda que para os máis cativos o tempo esperando ás bestas faise eterno, como para Paulo e Lois, dous irmáns de 9 e 6 anos, que suben por primeira vez a este monte co seu pai Henrique. O máis complicado para eles nesta espera será permanecer en silencio para evitar espantar ás bestas antes de tempo. Namentres, buscan todo tipo de enredos no monte, así coa axuda do seu pai constrúen un curro con pedras para encerrar os cabalos de madeira; xogos de antano que buscan un oco tamén hoxe.

Sabucedo-nenos-

Paulo e Lois constrúen xunto co seu pai Henrique un curro con pedras, para facer máis levadeira a espera.

Sobre as 11.00 comeza a sentirse o ruxido das motos ó lonxe e a esperanza de ver aparecer a manda das bestas increméntase. Porén, aínda están lonxe.

O monte, as mandas e a estratexia para guialas bestas foi mudando moito cos anos

A localización con xinetes e as motos é recente e non convence a moitos. Hai quen aposta por volver ó método máis tradicional e ir arrecantando as bestas pouco a pouco, pero “cada vez hai menos coñecemento do monte”, recoñecen moitos. Ademais, as grandes toxeiras e zonas de difícil acceso pola vexetación dificultan tanto o manexo das mandas como a súa localización.

Tamén foron mudando as mandas de bestas neste monte. “Antes había son unha manda, logo a haber dúas e agora xa debe haber preto de 20 cabalos con 2 ou 3 bestas cada un”, comenta Jesús, veciño da aldea de Cuiña situada ó pé do monte, é outro dos veteranos e gran coñecedor tanto dos montes como das mandas. Jesús recorda como antes as ían arrodeando pouco a pouco sen que as bestas se percatasen ata que xa estaban moi preto delas e levábanas calmadas. Pese ós achaques de saúde dos últimos tempos, Jesús non quixo perder a oportunidade de subir ó monte, desta volta acompañado dunha sobriña, María, que tenta convencelo para que tampouco se perda a rapa este ano. Ela non é a única á que lle transmitiu a devoción polas bestas, Lucía, outra sobriña, é das poucas mulleres aloitadoras no curro e cada ano chama a atención a súa destreza.

cabalos-sabucedo-

Dous cabalos cruzan ó lonxe na ladeira do monte da Planzadoira.

Contra ás doce do mediodía, dous cabalos cruzan a ladeira. É quenda de agocharse para deixalos acercar para conducilos ata o peche. Das boqueiras brotan berros e acenos para guialos equinos e para contribuír no manexo tamén interveñen varios xinetes. Porén os esforzos son en van e os dous cabalos afástanse. Son os únicos que aparecen en toda a mañá. Nin ‘O Maquelele’ se deixa ver polos montes da Planzadoira.

Á unha do mediodía, comeza a repregarse a xente e baixan da ladeira cara o peche. Porén, un novo aviso alerta de que localizaron unha manda de 15 bestas e que van intentar levala ata o peche. Todo volve disporse. Pero, de novo, desta volta non foi posible conducilas ata o cerrado. É tempo de xantar e Quico, o taberneiro encargouse de telo todo disposto. Pola tarde, volverase intentar.

Xa repostas as forzas logo dun xantar campestre en boa compaña, localizarase unha manda de bestas, pero de novo non será posible levalas ata o peche. O monte da Planzadoira segue resistíndose, segue sendo un reto por iso, antes da Rapa volverano intentar.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información