A carne certificada coa IXP Vaca e Boi estará no mercado a mediados do 2017

Os produtores poderán inscribirse na nova Indicación a partir de outubro deste ano, se ben a aprobación do selo a nivel estatal espérase para a próxima primavera. Prevense certificar arredor de 30.000 canais ano

A carne certificada coa IXP Vaca e Boi estará no mercado a mediados do 2017

Visita institucional ó matadoiro de Bandeira, especializado en vacún maior.

A carne galega certificada coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca e Boi poderá estar no mercado español a mediados do vindeiro ano, se se cumpren as previsións en canto a súa tramitación. Así o anunciou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, nunha recente visita ao matadoiro de Bandeira (Silleda), onde mantivo unha xuntanza de traballo cos responsables de Ternera Gallega, promotores desta IXP.

A obtención do selo a nivel nacional está prevista para inicios da primavera do 2017, se ben os produtores interesados xa poderán inscribirse no selo a partir de outubro deste ano. A tramitación a nivel europeo demorará aproximadamente un ano.

Coa posta en marcha deste indicativo vaise mellorar a transparencia comercial e as garantías que se lles ofrecen aos consumidores en canto á calidade e á orixe do produto. A medio prazo prevese que se acollan a esta IXP arredor de 10.000 explotacións gandeiras. As perspectivas de certificación sitúanse nas 30.000 canais e espérase que se comercialicen máis de 10.000 toneladas de carne de vacún maior de calidade.

A reunión entre os responsables de Ternera Gallega e Medio Rural, o pasado venres, serviu para avanzar na tramitación da nova IXP, que ten por finalidade preservar e poñer en valor a carne fresca procedente das vacas e bois de Galicia. Este produto obtense das principais razas existentes, que son a Rubia Galega, Morena Galega, Asturiana de los Valles, Limusina, Rubia de Aquitania e Frisona.

Carne refrixerada
Esta carne deberá presentarse refrixerada, para cumprir coas normas da IXP, sen que poida ser conxelada en ningún momento ao longo do proceso de obtención e comercialización. A vaca caracterízase por ser unha femia con alomenos unha xestación antes do sacrificio. O boi debe ser un macho castrado antes do ano de vida e que supera os 48 meses de idade antes de ir ó matadoiro.

Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia, co obxectivo de preservar a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase constará dun etiquetado concreto.

Establecerase un consello regulador único para a indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e da carne de Vaca e Boi, co fin de manter unha relación entre estas dúas IXP.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información