“A agricultura e a gandería son pura poesía”

Visitamos a explotación de ovella galega de Nieves Fernández Vidueira en Viana do Bolo. Gandeira, poeta, agricultora, talladora de madeira....a súa vida é seguida a diario por centos de persoas a través do Facebook, demostrando que o centro do mundo pode estar na aldea máis apartada.

“A agricultura e a gandería son pura poesía”

Nieves Fernández Vidueira escribindo no monte coas ovellas

Unha caxata para guiar as ovellas, unha navalla para facer tallas coa madeira dos castiñeiros, uns cans para dar axuda e compañía…..e un teléfono móbil para contar a través de imaxes e poesías a vida dunha pastora en Quintela do Pando, unha aldea do concello ourensán de Viana do Bolo. Estes son os apeiros cos que cada mañá Nieves Fernández Vidueira sae ao monte coas súas 430 ovellas para facer un traballo que lle apaixona e que centos de persoas de todo mundo seguen a través do seu perfil en Facebook.

“A vida do gandeiro ou do agricultor é pura poesía”, subliña unha muller para quen os comezos non foron fáciles. “Eu e o meu home, Francisco, empezamos con esta explotación gandeira practicamente dende cero”, asegura. Con 16 anos Nieves marchou dende a súa aldea a Madrid para traballar no servizo doméstico. Unha vez casada, o matrimonio volve a Quintela de Pando “porque a terra chamaba por nós e quería ter aquí os meus fillos”.

Empezaron a comezos dos anos 80 con 18 ovellas da súa avoa e partir de aí foron recriando, sempre apostando pola raza Ovella Galega, ata lograr actualmente un rabaño de 430 cabezas, das que 322 son de pura raza autóctona.

“Os cambios que vivimos nestas décadas foron moi grandes: pasamos dun sistema tradicional de beceira onde se xuntaban todas as ovellas da aldea e se ía ao monte por quendas entre os veciños a, debido ao avellentamento e ao abandono da gandería, pacer o noso rabaño practicamente todos os prados da aldea”, asegura Nieves.

No ano 1997 decidiron dedicarse integramente á gandería de ovino, para o que se profesionalizaron e foron adquirindo maquinaria e instalacións que melloraron o benestar animal e facilitaron notablemente o manexo. Nieves destaca especialmente a construción de dúas modernas naves para o gando, un depósito de 220.000 litros que lles asegura o subministro de auga durante a seca estival, ou a compra dun carro esparexedor de esterco e dunha colleitadora de segunda man para o centeo.

A día de hoxe Nieves e Kiko teñen un rabaño de 430 ovellas e manexan unhas 60 hectáreas, entre propias e alugadas, das que en 16 sementan centeo, un cereal adaptado a este clima de montaña, e co que ceban os cordeiros, a súa principal fonte de ingresos, ademais de proporcionarlles palla para a cama do gando.

Sistema de manexo do gando

En canto ao sistema de manexo, este é totalmente tradicional e a explotación está dada de alta no CRAEGA. “As ovellas -explica Nieves- saen ao pasto todos os días, a non ser que neve. No inverno, pacen a felpa -o centeo novo- durante dous ou tres meses, ata decembro, cando vendemos os cordeiros de Nadal. Dámoslles herba seca cando hai escaseza de pasto e os cordeiros alimentámolos con leite das nais e centeo que cultivamos nós mesmos”.

Nesta gandería os cordeiros están coas nais durante o primeiro mes, pacendo nos mellores pastos e máis cercanos. A partir de entón pasan ao curral, onde se alimentan de herba seca, centeo, e, pola noite, do leite das nais.

“Vendemos os cordeiros con entre mes e medio e dous meses e veñen pesando en canal entre 9 e 10 kilos, xa que a partir dese peso cústalles coller kilos”, explica Nieves. A venda é a través do matadoiro de Viana “e non temos plus, de momento, nin por ser de ovella galega nin por ser criado en ecolóxico”. Ao igual que a gran maioría dos gandeiros e agricultores, Nieves critica os baixos prezos que percibe o produtor: “Vendemos ao mesmo prezo que hai dez anos, cando o custo do gasóleo ou das cotizacións sociais e tratamentos case se triplicou”.

Unha vía para diferenciar e darlle valor a carne dos seus cordeiros é a aposta pola marca de calidade Cordeiro de Ovella Galega. De feito, a gandería de Nieves foi a primeira de Galicia en utilizar este logo impulsado por ASOVEGA (Asociación de Criadores de Raza Ovella Galega) : 22 cordeiros que foron vendidos con este selo a comezos dese mes.

Outra fonte de ingresos complementaria desta gandería é a venda de cordeiras de pura raza Ovella Galega. E é que o rabaño de Nieves Fernández Vidueira foi un dos poucos nos que se mantivo a raza ovina autóctona.

“A raza Ovella Galega está moito mellor adaptada ao medio”

A aposta pola raza Ovella Galega, que chegou a estar en perigo de extinción, é outro dos signos de identidade desta gandería. De feito, foi unha das que participou no programa de recuperación da raza posto en marcha pola Xunta de Galicia no ano 2000. “Eran as ovellas da miña avoa e por iso as conservamos, e durante estes anos fomos facendo un traballo de selección e de recría para depurar a raza”, asegura Nieves.

Malia render menos quilos en canal, recoñece ser “unha forofa desta raza, porque está moito mellor adaptada á zona”. Así, salienta que “apenas ten problemas de coxeiras, nin de pedero, e ao ter menos ubre móvese mellor entre as xestas e os toxos para pacer”. Ademais, destaca que “é unha raza moi prolífica, con moi poucos problema de reprodución, e saca adiante moi ben os cordeiros”. “Se a nai está sá e ben alimentada en mes e medio o cordeiro xa pode saír ao mercado”, subliña.

O ano pasado tiveron un total 1,6 cordeiros por ovella, e este ano prevé chegar a 1,8, intentando concentrar os partos naquelas épocas de máis demanda de carne de cordeiro, como as festas de verán ou Nadal.

En canto á calidade da carne desta raza, asegura que “a proba máis elocuente é que é un cordeiro que toda a xente que o proba repite”

“Creo que no rural é onde mellor se vive”

Que che aporta a poesía?
A poesía parte da tradición popular de brindes ou regueifas que había na aldea e que se cantaba nas celebracións sociais e nos traballos comunais. Era algo que se me daba moi ben dende pequena e que sempre me gustou. Despois de facer un curso de Internet en Viana, o meu fillo regaloume un móbil con Internet e foi cando empecei a publicar fotos cando estou no monte coas ovellas e unha poesía explicando a imaxe.

É unha satisfacción para min ver que hai xente á que as miñas poesías lle levantan o ánimo. Un día unha muller que me seguía polo Facebook e que estaba de visita en Viana paroume na rúa e chorou da emoción ao verme.

Fabricábaslle os xoguetes e escribíaslles os contos aos teus fillos….
Si. Non podíamos permitirnos mercalos, pero eu quería que os meus nenos tamén os tiveran, polo que llos construía tallando madeira no monte coa navalla. E o mesmo cos contos, que tamén llos escribía eu.

Falta aínda igualdade entre home e muller no rural?
De momento non hai igualdade como é debido. As mozas seguen preferindo emigrar a quedar no campo e isto é algo que temos que solucionar.

Sen embargo, eu desde pequena fun rebelde. Xa casada, ía á cava e á poda das viñas a xornal co meu home, aínda que daquela estaba mal visto que as mulleres fixéramos estes traballos, o mesmo que enxertar ou podar os castiñeiros. Pero era algo que me aprendera o meu avó e que a min me gustaba.

Que che aporta vivir no rural?
Creo que no rural é onde mellor se vive. Hai días difíciles de molladuras, pero a natureza compénsao. ¿Sabes o que é arar unha finca e sentir o recendo da terra? ¿Ou podar un castiñeiro e ulir a seiva? Non hai perfume que se lle pareza! ¿Ou cando enxertas un castiñeiro e despois duns días ves que prendeu e fuches ti quen lle deu vida? ¿E o recendo das candeas dos castiñeiros? Iso é pura vida, pura poesía!!

Que lles aconsellarías aos mozos e mozas que se queren incorporar á agricultura ou á gandería?
Se non lles gusta o campo e a gandería é mellor deixalo. Simplemente teñen que querer e que lles guste. A partir de aí xa irán aprendendo. E a parte da formación regrada, penso que sería moi interesante realizar estancias en ganderías. Polo demais, creo que antes de iniciar calquera proxecto, hai que ter garantida a comercialización, a venda.

“A clave para ser unha boa gandeira: querer e que che guste”

Polo demais, se tratamos ben a terra, vainos devolver máis do que lle damos. E, sen dúbida, querer é poder. Esta explotación está a uns 900 metros de altitude e empeñeime en cultivar froiteiras porque na infancia non tiñamos posibles para mercala. E malia que me dicían que non era posible a esta altura, conseguín nesta parcela que era improdutiva cultivar 150 especies entre árbores froiteiras e flores; temos kiwis, conseguimos o primeiro limoeiro, tomates, pementos…etc.

Vivir no rural é, sobre todo, vivir en comunidade?
Desde logo. Todas as tradicións comunais que había en Quintela de Pando seguímolas conservando. Así, seguimos xuntándonos todos para cantar os Reis. E no mes de agosto a xente da aldea que vive fóra fainos unha festa para os que vivimos todo o ano aquí, e eu poño os cordeiros como forma de agradecerlles todo o que os veciños me dan a min, empezando polas leiras que pasto.

Son tamén unha apaixonada do Entroido, do Fulión e do Boteiro. Chegouse a perder en Quintela de Pando porque marchou toda a xente nova, e cando volvín de Madrid decidín empezar a recuperalo. Así, cunha careta vella que atopara tallei a primeira máscara de Entroido para o meu fillo, e a día de hoxe teño máis de 700 tallas de madeira. En canto á inspiración, cando imos podar un castiñeiro xa vexo a figura na madeira, xa a natureza me di que figura vou sacar de alí….

Que lle pedirías á Administración?
Pediría primeiro que volveran os servizos de Extensión Agraria, porque che daban asesoramento e facilitaban moito todos os trámites burocráticos e de axudas. Tampouco se entende que polas axudas e subvencións teñamos que pagar un 21% de IVE.

É dicir, pediría á administración que en vez de penalizar, incentive aos gandeiros. Nesta comarca de Viana, por exemplo, dando axudas para xestionar mellor o monte e para rozas para crear pasteiros.

En canto ao pago das indemnizacións polos danos ocasionados pola fauna salvaxe, pediríalle á Consellería que sexa máis flexible no momento de xustificar os danos. Así, neste momento se o lobo lle come a cabeza a unha ovella ou non a localizas, ao non haber o Crotal identificativo do animal, a Xunta xa non che paga a indemnización.

“Na nova PAC hai unha penalización aos gandeiros de montaña”

Por último, nas axudas da nova PAC non se entende a penalización que estamos a padecer os gandeiros de montaña. Este ano non me aprobaron o CES, ao superar a carga gandeira, xa que me descartaron moitos pastos arbustivos e todas as parcelas de menos de 3.000 metros. Tampouco me tiveron en conta como pasto as restrollas, que tradicionalmente son o pasto do gando despois da seitura do centeo. Coa nova PAC sufrín unha redución dun 8% con respecto ao ano pasado.

2 ideas sobre ““A agricultura e a gandería son pura poesía”

  1. Rafael

    Gustariamr ter informacion sobre pastores de galicia. A donde me teño que dirigir ou quen me pode asesorar.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información