xeada_viñedo_rego_3

Publicadas as axudas para o fomento de suscripción de seguros agrarios

Medio Rural destina cinco millóns de euros a subvencionar as pólizas agrícolas e gandeiras

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para fomentar a suscripción de seguros agrarios por parte de agricultores e gandeiros. Medio Rural destina a estes apoios un total de 5 millóns de euros, un 8% máis que o pasado ano. O importe das axudas da Administración non poderá sobrepasar en conxunto o 65% do custo do recibo da prima, sen ter en conta as recargas de contratación, salvo no caso do seguro de retirada de cadáveres de animais, que poderá chegar ó 80%.

A formalización da correspondente póliza pola persoa asegurada considerarase automaticamente unha solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos periodos de subscripción establecidos para cada liña, indicados nos anexos da convocatoria.

Para as liñas de aseguramento agrícolas, os riscos asegurables son: sarabia, xeada, neve, choiva, inundación, vento, incendio, fauna, non nascencia, falta de callado, virose, golpe de calor, sandía oca e resto de adversidades meteorolóxicas. Así mesmo, na liña de seguro para organizacións de produtores e cooperativas é asegurable o prexuízo económico que representa o facerlle fronte aos custos fixos dos bens asegurables cando se produciu unha diminución de entrada de produción na organización ou cooperativa por riscos asegurados.

Para as liñas de aseguramento gandeiras, os riscos asegurables son: adversidades meteorolóxicas (incendios, inundacións, raios, seca, golpe de calor, vento tempestuoso, choiva torrencial, neve, etc.), ataque de animais salvaxes ou cans asilvestrados, accidentes, morte masiva, período improdutivo por morte masiva, mortalidade por diversas causas, principais enfermidades obxecto de control oficial que afectan a cada especie (como febre aftosa, peste equina, febre do Nilo Occidental, peste porcina clásica, influenza aviaria, etc.), así como outras enfermidades non epizoóticas (carbunco, síndrome respiratorio bovino, Actinomicosis e Actinobacilosis, mamitis, meteorismo, EEB, tembladeira, enfermidade de Aujeszky, enfermidade de Newcastle, salmonela, etc.), intoxicacións, saneamento gandeiro oficial, perda de pastos e gastos derivados da retirada e destrución de animais mortos na explotación.