Convocadas en Galicia as axudas da PAC, coa xestión dos xurros pendente de resolver

A orde da convocatoria inclúe as axudas directas a gandería e agricultura, así como as axudas de desenvolvemento rural. O prazo de solicitude remata o 30 de abril

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180212/AnuncioG0426-010218-0001_gl.html

Prazo: Ata 30/04/2018

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas da Política Agraria Común (PAC) para o 2018. A orde inclúe tanto os pagos directos a agricultura e gandería como as axudas ligadas a desenvolvemento rural. O prazo de solicitude remata o 30 de abril.

A orde da PAC deixa aínda sen concretar como se resolverá en Galicia a xestión dos xurros. De acordo co disposto polo Ministerio, a Xunta prohíbe a aplicación de xurro mediante sistemas de prato, abano e canón, se ben indica que poderase regular a aplicación de excepcións a esa prohibición.

Tamén se establece a obriga de enterrar os estercos sólidos no menor prazo de tempo posible tras a súa aplicación, aínda que quedan fóra desa obriga os cultivos por sementeira directa ou labra mínima, os pastos e as achegas do esterco en cobertera co cultivo xa instalado.

A convocatoria das axudas inclúe o pagamento básico, as axudas asociadas (vacas nutrices, vacún de cebo, vacún de leite, ovino e cabrún, cultivos proteicos e legumes de calidade), así como as axudas de desenvolvemento rural, que suman un importe superior a 34 millóns de euros.

As axudas de desenvolvemento rural divídense do seguinte xeito: pagamentos para zonas con limitacións naturais (17,5 millóns de euros), axudas de agroambiente e clima (14,6 millóns de euros), axudas relativas á agricultura ecolóxica (2,5 millóns de euros) e primas anuais das axudas para mantemento de terras non agrícolas forestadas (255.000 euros).

Cambios
Entre os cambios que se introducen este ano na convocatoria, figura unha nova consideración sobre os pastos permanentes. Este ano, en superficies de pastos arbustivos ou con arboredo xa non é exixible a predominancia de cuberta de herba ou forraxes herbáceas, sempre e cando as especies arbustivas ou arbóreas sexan utilizadas na alimentación do gando.

Este ano modifícase a valoración dos pastos arbustivos, nos que non será esixible a pedrominancia de herba

Por outra banda, no que respecta ás axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN) distintas das zonas de montaña, destaca o incremento no número de concellos nos que os agricultores e gandeiros poderán beneficiarse da achega, pasando de 89 a 179.

Ao igual que na pasada convocatoria, mantense o período principal de cultivo, que vai do 15 de xaneiro ao 15 de abril para os agricultores con máis de 10 hectáreas de terras con obrigas de diversificación de plantacións. Estes mesmos agricultores vense favorecidos coa simplificación nas superficies de interese ecolóxico (SIE) cando a dita terra de cultivo supere as 15 ha, ademais dunha maior flexibilización nos requisitos de diversificación cando máis do 75% dos terreos estean cubertos por herba ou outras forraxes herbáceas ou por parcelas en barbeito.

Con respecto ao pago complementario para agricultores mozos, este increméntase do 25 ao 50% do importe do pago básico. Tamén se flexibiliza o período no que poderán solicitar a axuda respecto da data da incorporación, co fin de facilitarlle a súa integración á actividade agraria.

Aumenta o número de concellos con zonas de limitacións naturais distintas da montaña, que pasan de 89 a 179

A campaña de axudas da PAC en Galicia 2018 suporá un investimento de fondos europeos no rural galego de 190 millóns de euros, que chegarán a máis de 33.000 gandeiros e agricultores. Estas achegas proceden dos pagamentos directos da PAC (Fondo Europeo Agrícola de Garantía, Feaga) e das medidas de desenvolvemento rural.

Prazo de solicitudes
O prazo para presentar a solicitude única comeza hoxe e prolóngase ata o vindeiro 30 de abril, sendo obrigatorio facelo por vía electrónica e dirixida ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) a través do formulario que se pode atopar en https://sgapac.xunta.es.

Unha vez finalizado este prazo e ata o 31 de maio os solicitantes poderán presentar peticións de modificación para eliminar, cambiar ou engadir réximes de pagamentos directos, medidas de desenvolvemento rural, parcelas individuais ou dereitos de pago individuais. Tamén se acepta a presentación de solicitudes tras o 30 de abril, pero establecéndose penalizacións por cada día de retraso.

Campaña 2017

A campaña 2017 da PAC aínda está en marcha, dado que estas tempadas comezan o seu prazo ordinario de pagos o 1 de decembro de cada ano e rematan o 30 de xuño do ano seguinte. A día de hoxe, o Fogga leva abonado un total de 152,3 millóns de euros (137,3 millóns en axudas directas e 15,1 millóns en axudas ao desenvolvemento rural) a 26.000 beneficiarios, o que supón case un 49% máis respecto das axudas pagadas na mesma data na campaña pasada (102,7 millóns de euros). Os pagos pendentes, ata 170 millóns, aboaranse proximamente e sempre dentro do prazo que remata o 30 de xuño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *