ataque_lobo_cervantes_standar

Convocadas as axudas por danos de lobo no 2017

Medio Ambiente destina 380.000 euros para as compensacións. No último ano rexistráronse 1.573 reses afectadas por ataques

A Consellería de Medio Ambiente vén de convocar as axudas por danos de lobo correspondentes ó 2017. Os gandeiros afectados por ataques terán que comunicarllo á Xunta nas 24 horas seguintes a súa detección e, posteriormente, disporán de 45 días naturais para presentar a solicitude de compensación.

Para comunicar o ataque, farase mediante unha chamada ó teléfono 012, na que se lles facilitará ós afectados unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente. O horario de atención telefónica é de 8 da mañá a 8 da tarde de luns a venres. Os sábados o horario é de 8 a 17.30 horas.

Galicia conta con 90 mandas de lobo censadas, 14 delas compartidas con territorios limítrofes

A explotación afectada deberá manter o escenario do ataque coas mínimas alteración posibles ata a visita dos axentes de Medio Ambiente, que comprobarán se os danos se deberon ó lobo. Desde o día seguinte á comunicación do ataque, o afectado disporá de 45 días naturais para solicitar as correspondentes compensacións por animais mortos. Tamén se ofrecen axudas para sufragar os gastos veterinarios no caso de animais feridos.

Prazos
Para os danos que sucederan entre o 1 de outubro do 2016 e o 20 de xaneiro, os gandeiros disporán de 45 días naturais a partir do 20 de xaneiro para presentar a correspondente solicitude. A convocatoria deste ano cubrirá os ataques que teñan lugar ata o 1 de outubro do 2017. Os posteriores correrán por conta da convocatoria do 2018.

A orde de axudas establece no seu Anexo I as indemnizacións que lle corresponden ós gandeiros polas distintas perdas de gando ovino, caprino, bovino, equino e porcino (porco celta), baremadas por tramos de idade e, nalgúns casos, por razas. Esas compensacións incrementaranse nun 30% en 74 concellos considerados máis conflictivos (Anexo III).

Danos e censos
O número total de reses afectadas do que se ten coñecemento foi en lixeiro ascenso nos últimos anos. No 2016, foron 1.573, fronte ás 1.466 do 2014 e ás 1.258 do 2015. Durante estes tres últimos anos, a especie máis afectada foi o ovino (2.449 cabezas), seguida do vacún (1.040), do equino (420) e do cabrún (388).

En Galicia, segundo os datos que manexa Medio Ambiente, operan 90 grupos reprodutores (mandas) de lobos, dos que 14 son compartidos con territorios limítrofes (3 con Asturias, 6 con Castilla y León e 5 con Portugal). O cánido móvese en especial nas montañas orientais e nas serras da dorsal galega.

Debate político no Parlamento

As compensacións previstas para o lobo foron obxecto de debate onte no Parlamento, durante a comisión de Agricultura. Desde o grupo parlamentario do BNG pediuse a axilización dos pagos, pois en ocasións os afectados teñen que agardar varios anos para cobrar, e tamén se demandou un aumento dos presupostos destinados a compensacións.

“É ben que preservemos o lobo da súa extinción, pero temos que pagar ese luxo” (Xosé Luis Rivas, ‘Mini’)

“Cando Feijoo chegou ó Goberno, había 900.000 euros previstos para cubrir os danos causados polo lobo e aínda así non chegaban. Agora estamos en algo máis de 300.000” -detallou Xosé Luis Rivas, “Mini”.- “É ben que preservemos o lobo da súa extinción, pero temos que pagar ese luxo. Do contrario, estarase fomentando o choque de intereses, as raibas e posibles batidas clandestinas”, advertiu.

Desde o grupo popular recoñecéronse retrasos nos pagos, se ben precisouse que a día de hoxe só quedan pendentes de pago danos do 2016 e do 2017. Sinalouse tamén que este ano as axudas chegan ata os 380.000 euros, cun aumento do 6% en relación ó pasado ano.

Finalmente, houbo acordo do conxunto dos grupos da cámara para solicitarlle a Medio Ambiente que traballe para reducir os prazos de pago e para mellorar no posible as cantidades destinadas a compensacións.