Convocadas as axudas para reestruturacion e reconversión do viñedo

Publicidade
Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180416/AnuncioG0426-040418-0002_gl.html

Prazo: Ata 16/05/2018

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia publica este luns a Orde da Consellería de Medio Rural pola que convoca as axudas para plans de reestruturación e reconversión da viña para este ano 2018. O financiamento destas axudas procede do Fondo Europeo Agrícola de Garantía, por un importe de 200.000 € para este ano, 700.000 € para o ano 2019 e de 500.000 € para o ano 2020.

Persoas beneficiarias:

1. As persoas viticultoras cuxas viñas se destinen a producir uva para vinificación e, así mesmo, as futuras persoas viticultoras que sexan titulares dunha resolución de arrinca, autorización de replantación, dereito de replantación ou autorización por conversión de dereitos inscritos ao seu nome no Rexistro Vitícola.

2. Non se subvencionarán as novas plantacións de viña nin tampouco a renovación normal das viñas que chegasen ao final do seu ciclo natural, entendida como a replantación dunha mesma parcela de terra coa mesma variedade de uva de vinificación e segundo o mesmo método de cultivo.

Estas axudas poderán subvencionar tanto plans colectivos (mínimo de cinco persoas viticultoras) e/ou individuais. Daranse axudas para unha ou varias das seguintes actuacións:

a) Reimplantación de viñas.
b) Reconversión varietal.
c) Mellora das técnicas de xestión de viñas.
Os plans poderán conter operacións anuais e/ou bianuais, con ou sen anticipo.

Importe das axudas:

As axudas poderán ser de:

a) Compensación pola perda de ingresos derivada da aplicación do plan (1.627,50 euros/ha e campaña, de ser o caso).

b) Custos de reestruturación e reconversión da viña (50 % dos custos subvencionables tanto para os plans colectivos como individuais).

Condicións dos plans de reestruturación e reconversión da viña:

Para poder acceder a estas axudas, cumpriranse as seguintes condicións:

1. A superficie total reestruturada e/ou reconvertida no marco dun plan será de, polo menos unha hectárea (1 ha) para os plans colectivos e 0,2 ha para os plans individuais.

2. O ámbito territorial dos plans non será superior ao dunha provincia, agás que se faga en terreos dunha denominación de orixe ou indicación xeográfica protexidas (DOP/IXP) e que a súa zona de produción comprenda máis dunha provincia.

3. A parcela de viña, unha vez reestruturada ou reconvertida será polo menos de 100 m2. Malia o anterior, nos casos en que a medida se limite a accións de reenxerta e/ou cambio de sistema de condución, a superficie mínima será aquela con que a parcela figura no Rexistro Vitícola de Galicia.

4. A superficie máxima elixible será de 15 hectáreas por persoa viticultora.

Criterios de prioridade:

Establécense os seguintes criterios de prioridade:

a) Superficie reestruturada de viña baixo o ámbito dunha denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida (DOP/IXP) maior do 50 % da superficie pola cal se solicita axuda: 5 puntos.

b) Viticultor con seguro agrícola para a uva de vinificación contratado: 4 puntos.

c) Agricultor mozo: 3 puntos.

d) Agricultores profesionais. No caso de persoa xurídica, polo menos o 50 % de socios deberán ter esta consideración: 3 puntos.

e) Presentación dun plan colectivo: 2 puntos.

f) Viticultor que, como resultado da reestruturación, realiza un proceso de concentración de superficie nunha única parcela: 2 puntos.

g) Mulleres viticultoras. No caso de persoa xurídica, polo menos o 50 % de socios mulleres: 1 punto.

h) Explotacións agrarias prioritarias: 1 punto.

i) Explotacións de titularidade compartida: 1 punto.

No caso de empate a puntos, priorizaranse segundo a orde indicada no punto anterior.

A aplicación dos criterios de prioridade realizarase tendo en conta o momento de finalización do prazo de presentación da solicitude de axuda.

Prazo para presentar as solicitudes:

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. É dicir, ata o 16 de maio.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información