Convocadas as axudas para plans de mellora e de incorporación de mozos

A Consellería do Medio Rural publica no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas 2017 para plans de mellora, axudas de incorporación de mozos e mozas e para pequenas granxas.

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170331/AnuncioG0426-240317-0001_gl.html

Prazo: Ata 30/04/2017

Resumo:

A Consellería do Medio Rural publica este venres no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas 2017 para plans de mellora, axudas de incorporación de mozos e mozas e para pequenas granxas. O prazo de presentación das solicitudes remata o 30 de abril.

En total son 65 millóns de euros repartidos do seguinte xeito: 40 millóns de euros para apoiar investimentos en explotacións agrícolas (plans de mellora), 20 millóns para impulsar a incorporación de novos activos ao agro (agricultores mozos) e 5 millóns para fomentar o desenvolvemento de pequenas explotacións. Con respecto ao pasado ano sobe a partida para plans de mellora (pasa de 36 a 40) e baixa a de axudas de incorporación (de 24,3 millóns a 20).

Todas estas axudas proceden do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, que está financiado nun 75% por fondos da Unión Europea e nun 25% -repartido a partes iguais- pola Consellería do Medio Rural e polo Ministerio.

Investimentos nas explotacións agrícolas

Para poder solicitar as axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, requírese ser titular dunha explotación agraria inscrita no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia e levar a cabo un plan que mellore o rendemento global da granxa.

Priorizaranse ás explotacións que, entre outras características, incorporen ou teñan incorporado nos 5 últimos anos un agricultor mozo, as que creen novas unidades de traballo agrario, as que presenten solicitude de axuda para proxectos innovadores ou integrados, as que teñan a condición de explotación prioritaria, as explotacións de montaña e ecolóxicas e ás de titularidade compartida.

A axuda será dun 40% dos custes elixibles, incrementables ata un máximo do 60%. O investimento executarase e xustificarase nun prazo de 18 meses dende a súa aprobación.

Con respecto aos solicitantes que quedaron fóra na pasada convocatoria e este ano deciden volver a demandar esta subvención, quedarán exentos de ter que presentar de novo a documentación, a excepción daquela que precise ser actualizada. Búscase así facilitar e axilizar a tramitación aos gandeiros.

Incorporación de mozos

As axudas para a creación de empresas para os agricultores mozos están destinadas a aquelas persoas de entre 18 e 41 anos que desexen crear ou incorporarse a unha actividade agraria e acaden a capacitación profesional suficiente. O mozo deberá ter iniciadas as actuacións contempladas no Plan Empresarial nos 9 meses seguintes á notificación da concesión da axuda e completalas nun prazo total de 24 meses dende a súa instalación.

Existen catro modalidades de incorporación. A titularidade exclusiva, a cotitularidade dunha explotación agraria prioritaria, a integración como socio nunha entidade asociativa ou o acceso mediante titularidade compartida.

Priorizarase, entre outras, simultanear a realización dun proxecto apoiado con investimentos nas explotacións agrícolas, instalarse a tempo completo, a localización en zonas desfavorecidas de montaña, crear emprego adicional ou crear unha explotación ecolóxica ou mediante un proxecto innovador.

Desenvolvemento de pequenas explotacións

Por último, as achegas para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que tamén están supeditadas á execución dun plan empresarial cunha duración de 18 meses dende a aprobación da axuda, están destinadas aos titulares de pequenas explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia que teñan a capacitación profesional suficiente, residan na comarca na que radique a explotación ou nunha limítrofe e, sendo maiores de idade, non teñan acadado a idade de xubilación.

A explotación requirirá, como mínimo, dun volume de traballo equivalente á metade dunha UTA imputable ao titular e manterase a lo menos os 5 anos posteriores ao pago final da axuda.

Priorizaranse as explotacións cunha orientación produtiva principal hortícola, frutícola, florícola, apícola, vacuna de carne ou ovino/caprino, que sexan ecolóxicas e que estean situadas en zonas desfavorecidas.

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, é dicir ata o 30 de abril.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información