Convocadas as axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios

O orzamento para a convocatoria 2014-2020 chega aos 27,4 millóns de euros. Para o 2017 hai unha partida de 13,1 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de xaneiro

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20161230/AnuncioG0426-221216-0001_gl.html

Prazo: Ata 31/01/2017

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a Orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

A dotación orzamentaria total para estas achegas na vindeira convocatoria é de 27,4 millóns de euros, cofinanciada nun 75% polo Feader. Así, para as anualidades do 2017, o presuposto é de 13,1 millóns, para o 2018 a cantidade é de 11,8 millóns e para 2019 a contía ascende a 2,5 millóns de euros. Estas axudas teñen carácter plurianual ao tratarse da realización de grandes obras. De feito, a orde ten por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios.

Poderán optar a estas subvencións os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles -excepto a compra de terreos- e a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos. O fin último é crear unha nova industria agroalimentaria ou mellorar as xa existentes.

Prazos

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao de publicación desta orde no DOG; é dicir, ata o 31 de xaneiro.

Porén, os que precisen entregar a preceptiva licenza de obras no caso de que a inversión inclúa a construción de novas superficies cubertas ou a ampliación das existentes, así como para a presentación do informe favorable de avaliación ambiental, terán un prazo de ata 3 meses para presentar estes documentos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *