Convocadas as axudas para incorporación de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións

Medio Rural destina 65 millóns de euros a esta liña de apoios, que se poderá solicitar durante un mes

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180316/AnuncioG0426-020318-0004_gl.html

Prazo: Ata 16/04/2018

Resumo:

A Consellería do Medio Rural vén de convocar as axudas para apoiar os investimentos en explotacións agrarias (plans de mellora), para incorporación de mozos ó agro e para desenvolvemento de pequenas explotacións. O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de abril. As persoas xurídicas deberán facer a solicitude por vía electrónica, en tanto as persoas físicas poderán optar pola vía electrónica ou en papel.

Plans de mellora
Os plans de mellora, orientados a apoiar cuestións como a compra de maquinaria, a ampliación de instalacións ou a compra de terras, contan este ano cunha serie de novidades. Entre os criterios para priorizar as solicitudes, terase en conta por primeira vez a aquelas granxas que invistan para reducir as emisións contaminantes de amoniaco (5 puntos) e/ou dióxido de carbono (4 puntos).

Os criterios de prioridade terán en conta ás explotacións que invistan en reducir as emisións de amoniaco e dióxido de carbono

Tamén se valorarán aspectos como que a granxa estea en control leiteiro oficial (1 punto), que unha muller sexa a titular (2 puntos) ou que se teñan contratados seguros de produción agrícola ou gandeira, a excepción dos de retirada de cadáveres (3 puntos).

Igual que outros anos, as granxas que teñan incorporado unha persoa moza nos últimos cinco anos terán puntuación adicional (5 puntos), que se incrementa no caso de que a incorporación se produza este ano -ou no ano anterior- a unha explotación existente (10 puntos) ou de nova creación (15 puntos).

Valorarase ademais a creación de novas unidades de traballo agrario, a petición de axuda para proxectos innovadores ou integrados, as granxas que teñan a condición de explotación prioritaria, as explotacións de montaña e ecolóxicas e as de titularidade compartida.

A axuda será dun 30% dos custes elixibles, incrementables ata un máximo do 50%. O investimento executarase e xustificarase nun prazo de 18 meses dende a súa aprobación. O prazo para a obtención das licenzas de obra remata o 15 de setembro do 2018.

Outra das novidades da orde é a redución do valor máximo por beneficiario, sendo agora a contía máxima de 500.000 euros nun prazo de catro anos.

O presuposto total das axudas é de 65 millóns de euros, que se reparte do seguinte xeito: 40 millóns para plans de mellora, 20 para incorporación de mozos e 5 para a creación e desenvolvemento de pequenas explotacións.

Incorporación de mozos
As axudas para a creación de empresas para os agricultores mozos están destinadas a aquelas persoas de entre 18 e 41 anos que desexen crear ou incorporarse a unha actividade agraria e acaden a capacitación profesional suficiente. O mozo deberá ter iniciadas as actuacións contempladas no Plan Empresarial nos 9 meses seguintes á notificación da concesión da axuda e completalas nun prazo total de 24 meses dende a súa instalación.

Existen catro modalidades de incorporación: a titularidade exclusiva, a cotitularidade dunha explotación agraria prioritaria, a integración como socio nunha entidade asociativa ou o acceso mediante titularidade compartida.

Desenvolvemento de pequenas explotacións
As achegas para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que tamén están supeditadas á execución dun plan empresarial cunha duración de 18 meses dende a aprobación da axuda, están destinadas aos titulares de pequenas explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia que teñan a capacitación profesional suficiente, residan na comarca na que radique a explotación ou nunha limítrofe e, sendo maiores de idade, non teñan acadado a idade de xubilación.

A explotación requirirá, como mínimo, dun volume de traballo equivalente á metade dunha Unidade de traballo (Uta), imputable ao titular, e manterase alomenos os 5 anos posteriores ao pago final da axuda. Como novidade, inclúense como sectores prioritarios o de avicultura artesanal e o de plantas aromático-medicinais, que se engaden aos xa existentes: hortícola, frutícola, florícola, apícola, vacún de carne e ovino/cabrún.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información