Convocadas as axudas para a compra en común de maquinaria agrícola

Ademais da adquisición de maquinaria, tamén serán subvencionables os gastos en estudos técnico-económicos de viabilidade. Priorizaranse os investimentos en novas tecnoloxías que reduzan as emisións de CO2 e amoníaco

Publicidade
Convocadas as axudas para a compra en común de maquinaria agrícola

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180118/AnuncioG0426-271217-0001_gl.html

Prazo: Ata 19/02/2018

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica estes martes a convocatoria de axudas para promover a utilización en común de maquinaria e equipamentos de carácter agrícola. O orzamento destas axudas, que se poderán solicitar a partir de mañá, é de tres millóns de euros, igual que na convocatoria pasada. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

O obxectivo destas subvencións é fomentar o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo co fin de introducir novas tecnoloxías no emprego deste tipo de equipamentos, á vez que se racionalizan os custes de mecanización, se reducen as emisións contaminantes e se fomenta o aforro enerxético.

Esta achegas subvencionarán a compra de maquinaria agrícola ata unha achega do 35% dos custos, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% se a entidade está nunha zona con limitacións naturais ou se procede dunha fusión. Tamén son susceptibles de subvención os gastos derivados de estudos técnico-económicos de viabilidade.

No tocante aos criterios de valoración, priorizaranse as entidades que invistan en novas tecnoloxías que permitan reducir as emisións de CO2 e amoníaco. Ademais, obteranse puntos por cuestións como a porcentaxe de mulleres integradas no consello reitor ou o valor contable do parque de maquinaria no intre de solicitar a axuda, entre outros.

Beneficiarios: SAT´s, CUMA´s e cooperativas

Os beneficiarios poderán ser as cooperativas agrarias e Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA), as Sociedades Agrarias de Transformación (SAT), así como as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT procedentes da fusión de explotacións con menos de 10 anos de antigüidade.

Teñen de prazo un mes, contado a partir de mañá, día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia; é dicir, ata o 19 de febreiro. As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *