Convocadas as axudas do Ministerio para comprar cisternas e localizadores de xurro

Administración convocante: Ministerio de Agricultura

Enlace axuda: https://www.boe.es/boe/dias/2018/06/15/pdfs/BOE-B-2018-32521.pdf

Prazo: Ata 15/09/2018

Resumo:

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este venres a orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pola que se convocan as axudas do Plan Renove 2018, destinadas este ano exclusivamente á adquisición de cisternas de xurro novas con sistemas de localización de produtos no solo ou para a substitución do accesorio de aplicación.

As axudas, dotadas con 5 millóns de euros, poderanse solicitar ata o 15 de setembro de 2018. A contía da axuda establécese en 30% do investimento sen IVE ou IGIC, sen superar os 20.000 euros. En Galicia a Consellería de Medio Rural decidiu penalizar unicamente o uso de cisternas de canón, e seguir permitindo o esparexido do xurro mediante prato ou abano.

Os 5 millóns orzados como axudas correspondentes ao Plan de Renovación do parque nacional de maquinaria agrícola (Plan Renove) para o exercicio 2018 destínanse exclusivamente á adquisición de cisternas de xurro novas con sistemas de localización de produtos no chan, con achatarramento da cisterna antiga, ou para a substitución do accesorio de aplicación de xurro con pratos, abanico ou canón por accesorios localizadores do xurro no chan, adaptando para iso a cisterna en uso.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións as persoas físicas ou xurídicas, ou agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, incluídos entes sen personalidade xurídica, titulares dunha explotación agraria inscrita no Rexistro Xeral da Produción Agrícola (REGEPA), que regula as condicións de aplicación da normativa comunitaria en materia de hixiene na produción primaria agrícola, ou no Rexistro de Explotacións Gandeiras (REGA) polo que se establece e regula o Rexistro xeral de explotacións gandeiras, ou, no caso de cooperativas, sociedades agrarias de transformación (SAT) ou outras agrupacións agrarias, que os seus socios ou membros sexan titulares de, polo menos, en conxunto, tres das devanditas explotacións.

Tamén poden ter acceso ás axudas as persoas físicas ou xurídicas que prestan servizos agromecánicos con maquinaria agrícola á agricultura, inscritas no Imposto de Actividades Económicas, así como as agrupacións de tratamentos integrados en agricultura e as agrupacións de defensa sanitaria gandeira. Estas subvencións soamente destinaranse para maquinaria e equipos agrícolas cuxo uso estea destinado ás súas actividades específicas.

Con este novo Renove, o Goberno pretende incentivar a adquisición de distintos tipos de maquinaria, buscando reducir as emisións de dióxido de carbono (CO2),  de amoníaco (NH3) e partículas, optimizar a aplicación de insumos e fixar carbono no chan.

Considera que a aplicación localizada de xurros logra diminucións importantes nas emisións de NH3 e contribúese á aplicación óptima de abonos minerais nitroxenados, de abonos orgánicos e de produtos fitosanitarios e, por tanto, minorar os efectos negativos que unha mala aplicación pode supor para o medio ambiente.

Segundo o Ministerio, contribúese á realización de técnicas agrícolas beneficiosas para fixar carbono no chan, como é o caso da sementeira directa, o que de novo redunda nunha mellor protección do medioambiente.

Críticas desde Castela e León

Esta orde de axudas foi criticada pola Unión de Campesinos de Castilla y León (UCCL), que insiste en que o Plan Renove non pode centrarse exclusivamente na renovación de maquinaria de aplicación localizada de xurros, e debe potenciar igualmente a renovación doutro tipo de maquinaria que permita mellorar a produtividade das explotacións agrarias e evite os efectos negativos sobre o medio ambiente que supón a utilización de maquinaria envellecida.

A organización explica que moitos agricultores levaban medio ano esperando á publicación dunha convocatoria do Plan Renove para a adquisición de tractores, equipos de aplicación de produtos fitosanitarios ou fertilizantes, sementadoras directas e con todo esta axuda está destinada a cisternas de xurro novas con sistemas de localización de produtos no chan, ou para a substitución do accesorio de aplicación de xurro con pratos, abanico ou canón por accesorios localizadores do xurro no chan.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información