Convocadas as axudas de plans de mellora, incorporación ó agro e pequenas explotacións

Publicidade
Convocadas as axudas de plans de mellora, incorporación ó agro e pequenas explotacións

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190520/AnuncioG0426-140519-0004_gl.html

Prazo: Ata 20/06/2019

Resumo:

A Xunta vén de convocar hoxe as axudas para plans de mellora e incorporación de persoas mozas ó agro, que están cofinanciadas nun 75% por fondos europeos e nun 7,5% por fondos ministeriais. A convocatoria conta tamén cunha terceira liña orientada ó desenvolvemento de pequenas explotacións. A coantía total das axudas é de 42 millóns de euros, divididos en 25 millóns para plans de mellora, 14 millóns para incorporación e 3 para pequenas explotacións. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes.

Beneficiarios
A liña con máis apoios, a de plans de mellora, está dirixida a financiar investimentos nas explotacións, tanto por parte de persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións como por parte de agricultores mozos que se incorporen. En canto ás axudas de incorporación, oriéntanse a persoas que teñan un máximo de 40 anos.

Nos apoios para pequenas explotacións, considerarase titular dunha delas ás persoas que leven alomenos un ano dadas de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia e teñan uns ingresos derivados desta actividade de entre un 15 e un 35% da renda de referencia, estipulada en 28.884 euros.

Resolución e prazos de xustificación
Unha vez que remate o prazo de solicitude, a Xunta disporá de nove meses para resolver a concesión das axudas das tres liñas abertas hoxe. Desde a resolución da aprobación, as explotacións beneficiarias de plans de mellora terán 18 meses de prazo para xustificar a execución dos investimentos aprobados.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, Medio Rural esixe que no caso de investimentos que precisen de licenzas municipais, os solicitantes dispoñan destas a 15 de setembro do 2019. De non lograr esas licenzas, terán que desistir da súa solicitude. Esta é unha cuestión sobre a que as organizacións agrarias veñen demandando cambios, pois tódolos anos hai explotacións que non poden presentar as licenzas a tempo polos retrasos administrativos, pero este ano a convocatoria mantén a liña dos anteriores exercicios.

Os beneficiarios de axudas á incorporación terán pola súa banda que xustificar a execución dun plan empresarial nos primeiros 24 meses trala instalación, en tanto que os beneficiarios de axudas para pequenas explotacións terán que xustificar un plan empresarial de 18 meses desde a resolución de aprobación da axuda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *