Convocadas as axudas aos concellos rurais para contratar desempregados

Publicidade

Administración convocante: Consellería de Economía, Emprego e Industria

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180206/AnuncioG0424-090118-0005_gl.html

Prazo: Ata 07/03/2018

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia publica este martes a orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria pola que se regulan as axudas para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2018.

Esta convocatoria pública en réxime de concorrencia non competitiva ten como obxectivo fomentar o emprego en colaboración coas entidades locais rurais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para realizar tarefas de silvicultura, biomasa, limpeza de montes ou outras tarefas de valorización forestal , co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos rurais sempre que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos. Considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

Requisitos das obras ou servizos

As obras os servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser tarefas de silvicultura, biomasa, limpeza de montes ou outras tarefas de valorización forestal, e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.
b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e prácticas profesionais das persoas desempregadas.
c) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.
d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de 9 meses.
e) Que as contratacións sexan para xornada a tempo completo.

Importe

A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 20.250 €.
Para o grupo de cotización 2: 16.500 €.
Para o grupo de cotización 3: 15.000 €.
Para o grupo de cotización 4: 14.250 €.
Para o grupo de cotización 5: 13.500 €.
Para o grupo de cotización 6: 12.750 €.
Para o grupo de cotización 7: 12.000 €.
Para o grupo de cotización 8: 11.250 €.
Para o grupo de cotización 9: 11.250 €.
Para o grupo de cotización 10: 11.250 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente.

Non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. É dicir, ata o 7 de marzo. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *